#DiariodeAlarma é un proxecto de Denís Iglesias, membro de Lugoslavia, no que plasma as súas reflexións dende o confinamento que todos estamos a vivir nestes días por culpa da crise do coronavirus.
Na crise aguda que vivimos estes días algún agarda o nacemento de novos líderes. Non semella que vaian chegar. A oratoria hai tempo que deixou de estudarse. Agora están máis de moda os influencers. Hai uns días un queixábase de que non os tiñan en conta á hora de transmitir as mensaxes e a información. Que o Goberno estaba a esquecer Instagram ou Tik Tok como fontes de difusión. Como non facer un virus viral! A quen se lle conte…
- Capítulo 1: Boto de menos
- Capítulo 2: Números
- Capítulo 3: Non hai paro nos balcóns
- Capítulo 4: Un discurso contaxioso
- Capítulo 5: Vivir a carón da morgue
Ningún dos líderes políticos actuáis vai estar á altura das circunstancias porque levan moito tempo arredados dela. Mais é certo que o mundo real non é Twitter e hai xente que precisa un monólogo sobre a situación. Moitas persoas maiores que viven o coronavirus na soidade das súas casas. Eles, aínda por riba, que están baixo o radar. Figuras públicas como o vicegobernador de Texas chegaron a afirmar que non pasaba nada porque os avós se sacrificasen para manter a economía. Ou esa insistencia tan noxenta sobre que a mayoría dos que morren son anciáns. A xeración mellor preparada trala fame e as miserias que tiveron que aturar.
A peor medicina que se pode receitar é un chute de Ferreras en La Sexta engadindo adxectivos alarmistas con cada información. Polo menos eles están lonxe do balbordo do WhatsApp, onde unha cadea de bulos xudeumasónicos converten o estado das cousas nunha paranoia. Por iso que cadaquén escolla os seus líderes e referentes para afrontar a crise. Os que lle permitan gardar forzas necesarias para afrontar un periodo que algúns só entenden en base a parafernalia bélica. Aínda que o JEMAD queira, non somos soldados de ninguén máis que de nós mesmos. Non todos os días son luns para o mundo. Para algúns sempre é inverno aínda que xa chegara a primavera. E iso si que ten un calibre complicado.
Na historia do fútbol hay alocucións e discursos para todos os públicos. O afeccionado albivermello pode abstraerse rememorando as palabras que se pronunciaron dende o balcón do Concello de Lugo. “En Cádiz dicen que nos han regalado el ascenso. Han ganado un partido en todo el playoff. ¿Qué querían, pipas?”, como parafraseou o gran Quero. Esa é unha actitude de éxito contra os problemas máis graves. En Manoteras temos un veciño que se dedica de xeito diario a elevar uns vítores polos vecinos, aínda que a horas que non teñen nada que ver cos aplausos colectivos. Hoxe agasallounos ademáis cunha interpretación dunha saeta. O problema é que nos pide repetición dos versos, algo así como o método Vaughan da psicoloxía.
Pero o meu orador favorito estes días non é Pedro Sánchez, nin o JEMAD Miguel Ángel Villarroya, nin Nuñez Feijoo. O Demóstenes dos nosos días é un veciño de Sevilla que hai uns días se arrancou cun dos speech do balón que causou época. Di así: “¡Estábamos en la UVI! Nadie daba un duro por nosotros. Yo os entrego a ustedes un Betis libre, limpio, en Primera y de ustedes. ¡Viva el Betis!”. O autor, como moitos saberedes, é Ruiz de Lopera, por aquel entón presidente do equipo verdibranco, quen é presentado ante as masas béticas como o Comandante en Jefe.
Agora mesmo estamos nunha situación terrible. E moitos non ven a luz ó final do túnel, pero estamos seguros de que dentro dunhas semanas estaremos nun mundo libre, limpio e de Primeira. Ou algo así… Se o teu non é o populismo, podes recurrir a Deus. Se o primeiro no que pensas ó ler esta palabra en maiúscula é na Santísima Trinidade, é preciso que saibas que Auria TV, a canle do Excmo. Alcalde de Ourense Gonzalo Jácome emite durante os domingos, 24 horas, unha misa que gravou nunha igrexa. Se pola contra les Deus como Dez, hai un discurso de Maradona que merece a pena escoitar. É o que pronunciou o 10 de noviembre de 2011, no partido homenaxe que lle brindou Boca Juniors e unha Bombonera na que non cabía un alfinete.
Daquela aínda non era unha completa caricatura como agora. “Esperé tanto este partido y ya se terminó… Espero que nunca se termine esta fiesta. El fútbol es el deporte más sano del mundo. Yo me equivoqué y ya pagué. La pelota no se mancha [frase de epitafio]“. Oxalá Maradona non se trabucase máis dende aquela, pero semella que o erro é a súa forma de pasar os días. Se illamos a personaxe, as súas palabras amósanos que non hai que martirizarse co vivido nos últimos tempos para darlle ó presente a importancia merece. O penúltimo exemplo que quero traer hoxe leva a sinatura de Zé Roberto, xogador brasileiro do que eu gardo unha excelente lembranza. Sobre todo do seu paso polo fútbol alemán (Bayer Lerverkusen, Bayern de Múnich e Hamburgo).
Documentándome para este capítulo do diario, que aínda pareza de todo improvisado non o é, descubrín as palabras que lle dirixiu o Zé Roberto ós compañeiros do Palmeiras o día da súa retirada. “Hoxe para min é unha noite para agradecer. Intentei que nunca chegara ese momento pero sabía que ía chegar. Porque estamos de paso. Eu vivín de xeito intenso o fútbol. Cando eu xogaba descalzo soñaba con ser un xogador que tivera conquistas e cheguei ó máximo nivel”.
O discurso do subcampeón mundial en Francia 98 emociona pola súa sinxeleza e concreción. Nun momento do mesmo colle a medalla que acadou naquel campionato e tíraa ó lixo. “Todo isto remata aquí esquecido. A fama un día vai morrer. (…) Para min non é máis importante o que eu teño. Mais eu quero deixar hoxe aquí un legado. O legado é de raza. Eu sei que se entra nas casas vai contaxiar ó seu fillo, e o seu fillo vai contaxiar ó barrio, e o barrio vai contaxiar á cidade, e a cidade vai contaxiar o páis. O Brasil, un país carente de ídolos… De exemplos. De persoas que teñen perseverancia. Se tal vez eu puidese facer una petición para todos os amigos que eu fixen estes anos sería… Xoguen por min esta noite e sexamos felices”.
Aplauso sonoro. Rezo do Pai Noso. E unha mensaxe contaxiosa que precisamos coma nunca estes días. Pandemia de enerxía para entender o camiño que levamos andado. Forza mais espírito colectivo para cargar as pilas para a noite na que celebraremos a recuperada liberdade.
PD: eu tamén fixen un día un discurso. Foi na graduación do meu máster. Concibino nun zulo de Tetuán (Madrid) no que vivía cunhas pinguiñas (cantidade indeterminada) de Licor Café. Pode que tamén lle sirva a algún. A algún con moito tempo libre.