Offtopic

Non hai paro nos balcóns

por Denís Iglesias 23 marzo, 2020
Tiempo de lectura: 3 minutos

#DiariodeAlarma é un proxecto de Denís Iglesias, membro de Lugoslavia, no que plasma as súas reflexións dende o confinamento que todos estamos a vivir nestes días por culpa da crise do coronavirus.

Estes días de confinamento naceron profesións que até o momento descoñeciamos. Semella que compensan moitas das baixas forzosas que están a provocar o regueiro de ERTE. Unha delas, e pode que a máis perigosa, exércese dende a casa. Falamos dos policías de balcóns, unha figura cuxo periodo de formación comprende exactamente a semana que levamos de estado de alarma.

Teñen un olfato mellor que o de Rex, un policía diferente. Son capaces de detectar, simplemente co movemento dunha bolsa de plástico, de onde ven o comprador. Non serás quen de enganalo aínda que veñas cunha do establecemento que teñas máis preto da casa. El sabe que te desviaches dous metros da traxetoria que tiñas até o teu portal. Xa que logo, serás recibido cun sonoro berrido cos seguintes contidos tipo: “A casa, fillo de puta, que vergonza!”; “Quéresnos matar, ou que?”, “Cabrón, eu aquí na casa e ti por aí de paseo. Imos morrer todos”.

Todos estes oficiais de primeira liña poderían compoñer o reparto dunha serie de Discovery Max. Encaixarían á pefección entre Camioneros en Australia ou Pesca Extrema. Prepárate como non leves nada que identifique de onde ves, porque seguirán a túa pegada cuns prismáticos e co 091 marcado. Por se fora pouco, o aviso sonoro co que te apremian, algún están a dar o minuto e resultado en aplicación como Social Drive.

O xiro de guión deste software é tal que están ofrecendo avisos de controis policiais, obrigados desta volta polas restricións de movemento, xunto con outros do tipo: “Dúas persoas paseando un can sen chip, can de raza perigosa que está a roer unha bolsa do Mercadona”. Esaxerado, pero próximo á realidade na que viven. Pode que logo vexas ós policías de balcón soándose os mocos coa man. Así que é mellor que non trabes contacto con eles se non queres acabar en Eres de Lugo si ou derivados.

Estes totalitarios de balaustrada son a cara da moeda máis extrema que ten do outro lado a outras novas profesións fáciles de detectar polas autoridades pertinentes. Véxase o paseador oficial de cans, que nunca tivo mascota ou interese por el, e que estes días arrastra a un pobre animal ó que non lle sabe nin o nome. Logo está o runner profesional, que ten que saltarse o estado de alarma para poder reeditar a súa segunda praza na Carreira Popular de Guitiriz, puntuable para a Diamond League de atletismo.

Prefiro mil veces ás novas estrelas da canción que naceron estes días. Da gusto escoitar algunas arroutadas con canción populares. E quen non devece por ter a Tony Lomba de veciño, capaz de armar dende a súa galería un show como só el sabe.

Sesión de balde e máis variada que o Dúo Dinámico. Este vai camino dun novo disco de Platino que só lle poden arrebatar os usuarios do Virtual DJ que, por uns días e sen queixa vecinal, poden pinchar os seus vinilos. Algúns sairá desta aventura directo a Hermo, uns á pista de baile, outros á barra e outros na consulta de Plenario, recoñecido psicólogo que este sábado facía unha certeira reflexión. “Sábado mañá, sereno, descansado, rodeado de natureza, estarei morto?”.

Comparte:

Deja un comentario