ActualidadArtículos

Morrer no Fondo Norte

por Denís Iglesias 10 febrero, 2020
Tiempo de lectura: 3 minutos

Ver como algo que queres se vén abaixo sen que ti poidas facer nada para evitalo xera un sentimento de dor terrible. Pero este pode multiplicarse se lle engades factores como a distancia. O CD Lugo é para moitos un vínculo directo co lugar de onde son. Ben por ter vestido a súa camisola nalgún momento, ben por ter sido un cativo nas bancadas do Anxo Carro ou ben polo simple feito de ser o equipo da súa cidade e que recoñece como propio. Explicarlle isto a calquera alleo á caúsa é case imposible. Ou estáse dentro ou non se está. De aí que as desconexións dos que nunca fallan sexan por un cúmulo de derrotas, desencontros con quen goberna o club e unha carga emocional agudísima moi difícil de traducir en palabras.

Por iso, se hai que morrer, eu escollo o Fondo Norte. O lugar no que, cada vez que un está, revive e cre na resurrección do equipo

Este ano ser do CD Lugo está supoñendo unha carga para os seus afeccionados que, por suposto, mestúrase coas fendas do día a día. Ver como ó teu equipo lle empatan do xeito que o fixo o Elche converte o luns non un día de merda, senón nunha merda diaria ata que volva chegar o domingo. Entón regresará a ilusión por ver gañar ó equipo albivermello, ó que a maioría lle custa distinguir hoxe en día pero cuxo nexo está na propia partida de nacemento. Por iso, se hai que morrer, eu escollo o Fondo Norte. O lugar no que, cada vez que un está, revive e cre na resurrección do equipo. Unha cativa república independente de moitos contrastes. Onde está o que pide faltas a Xesucristo, o que pecha os ollos para non sufrir máis da conta e, onde sobre tódalas cousas, está o CD Lugo.

Onte dende a casa por adopción escoitaba voces que tan familiares me soan. Como a de José Manuel ou Carliños, -nomes propios que calquera habitante do fondo recoñecerá- dous voceiros da historia deste club. As mesmas que xa escoitaba cando con 14 caín por primeira vez naquela bancada de formigón. Dous tronos que a 500 quilómetros de distancia escoitaba con máis forza que os comentaristas, o árbitro ou o sonido ambiente modificado. Son persoas así as que te conectan directamente co pasado no que comezaches a profesar unha relixión bastante pouco seguida e, até as veces mal vista. Escoitalos a eles fai que renoves o ánimo logo de cada pao en contra. Como sentir o traballo colectivo dunha afección que se organiza darredor, desta volta, do Pendello Albivermello. Un punto de encontro dende o que pivotar cara o campo na derradeira esperanza que deixa esta tempada amarga. O punto final dun desenlace dilatado pero esperado pola nefasta xestión do palco cara o que se debe dirixir a mirada despois de cada encontro.

Independentemente das xornadas que resten, no Fondo Norte haberá xente disposta a morrer polo único que a día de hoxe une a todos os que siguen a este equipo: as lembranzas vividas

Eles, malia todo o pasado, son os máis optimistas. Non significa con isto que aproben nada do que sucede nas altas esferas. Fáno porque é o que lles da sentido á súa vida. Ser do Lugo é un auténtico radicalismo. Independentemente das xornadas que resten, no Fondo Norte haberá xente disposta a morrer polo único que a día de hoxe une a todos os que siguen a este equipo: as lembranzas vividas. Curro Torres amosou o cabreo en base a arbitraxe, sabendo que o seu currículo non pode aturar un descenso máis como quen non quere a cousa.

Custa crerlle cando o partido se perde en dúas accións puntuais que transcorren en só uns minutos. Pero un agárrase ó discurso da rabia para entender que aínda hai un camiño aberto para a salvación. Pero as palabras tradúceas mellor calquera do Fondo Norte, ou doutra bancada do estadio, que converten esa frustración non nun argumento para cubrirse as costas por unha derrota, senón nun chimpo para recuperar enerxías. Porque só os que saben realmente o que custou chegar ata aquí son os que se negan, de verdade e con emoción, a asumir o descenso. Os mesmos ós que non lles importaría e seguirían ó equipo de novo en Terceira ou Preferente. E con eles non cabe máis opción que morrer. Primeiro na loita, e despois na derrota.

Foto principal: Pendello Albivermello.

Comparte:

Deja un comentario