Actualidad

Círculo vallecano

por Denís Iglesias 15 enero, 2020
Tiempo de lectura: 4 minutos

Non quixera, pero falo, ou máis ben escribo, de moitas cousas das que debería ter un coñecemento maior. A información flúe cara todos lados de xeito impetuoso e a un non lle queda máis remedio que meter a barca nalgún dos ríos que van dun lado a outro cheos de precariedade. Pero incomódame. Non me gusta falar do que non sei. Unha teima que teño dende que vivo en Madrid, unha cidade da que se fala moitas veces. Sobre todo nos medios de comunicación, que reproducen o centrismo económico que invertebra este país. A xente copia o discurso e pensa que no hipotético centro están todos os males da súa xeografía.

Antes de morar nesta megalópole, eu tamén tiña todo tipo de prexuizos que caeron no esquezo cando descubrín o ‘barrionalismo’. Unha corrente de sentimento e pensamento baseado nos distritos que dividen esta cidade, tan diferentes entre eles como as comunidades que integran o Estado. Un dos territorios cunha personalidade máis forte é, sen dúbida, Vallecas. No estadio situado na Calle del Payaso Fofó vin os meus primeiros minutos de fútbol en directo en Madrid. Foi un inhóspito Rayo Vallecano – Nàstic de Tarragona de Copa del Rey. Un encontro infame que rematou cun 1-1 que tivo como desenlace o pase dos tarraconenses.

Ó rematar o encontro, o equipo, ó completo, dirixiuse cara o fondo no campo para interactuar coa afección. O feudo, que durante 90 rebrillara como unha fouce, quedou en silenzo para permitir a escoita dunha conversación directa e curta entre a bancada e o equipo, cuxo voceiro foi aquel día Roberto Trashorras. O de Rábade aínda exercía de xogador e capitán. Lonxe de ser un intercambio de reproches, aquel método dialéctico rematou cunha alocución de ánimo por parte do fondo e unha mensaxe de compromiso por parte do ’10’ de Vallecas. Quedei hipnotizado por ese momento tan puro, tan alonxado do circo mediático do fútbol profesional. Dende entón, tomei ese intre como un exemplo do que eu quixera co meu club.

Vallecas foi o meu barrio adoptivo, por detrás da titularidade que ten e terá Hortaleza, onde estou a procuar a dobre nacionalidade. Dous pailarocos de Lugo e Ourense sentímonos aquel día no fondo coma se fósemos uns pais. Un sentimento de pertenza adaptado á nosa efémera presenza. Por iso, para min sempre é un pracer visitar un campo así. No que incluso consigo reconciliarme con parte do espírito tirado polo vertedoiro que conseguiron os tempos recentes. Desta volta, o flashback terá que ser aínda máis potente, xa que o CD Lugo chega a este lance coa bandeira branca medio erguida despois da malleira recibida na casa contra a UD Almería.

Malia o funesto panorama, hai algúns fíos dos que aínda se pode tirar neste curso no que o descenso é unha páxina que ten cor e apelidos. Curro Torres difuminou o discurso victimista dos seus predecesores. Cheo de parábolas que non eran máis que unha vacina contra a situación dun equipo desconectado e avisado, por ben veces, de que empatar e amarrar non erna solucións a longo prazo. Moitos fomos ó campo na previa ós Reis coa ilusión de facerlle fronte ó ‘jeque-team’. E incluso co 0-4 no electrónico fíxose algunha lectura optimista como a saída dos primeiros minutos. É certo que de pouco vale a posta en escena se logo se cometen erros que regalan goles, algo que o CD Lugo terá que evitar se quere seguir vivo na categoría.

A Curro Torres poderáselle acusar de moitas cousas nestas xornadas pero non de vivir de costas á realidade. Axuda ter estado no fútbol de elite nunha época na que non había moitas medias tintas. Non se crea falsas esperanzas co mercado de inverno, que vai deparar poucas sorpresas á beira do Miño. A mellor noticia, polo momento, está na casa. O regreso de Hugo Rama a unha convocatoria crea un aura de curiosidade sobre un dos xogadores destacados da pasada campaña en Segunda B. O mesmo sobre o que se depositaron altas doses de confianza no verán. Mais pode que precisamente a lesión dura e prematura lle permitira ó CD Lugo conservar un talento que até conseguiu renovar.

Outro dos reforzos pode ser un retornado como Vasyl Kravets. O lateral ucraíno descubriu o fútbol ‘europeo’ en Lugo e ten un vínculo especial coa cidade amurallada. O seu paso infrutuoso polo Leganés, logo dunha operación de mercadeo, pono de novo en liña de saída cara a que foi a súa casa. Un traspaso que podería estar conectado coa marcha tempora do seu compatriota Orest Lebedenko. Pero o gran paso adiante ten que vir dende dentro. Valores outrora seguros como Fernando Seoane ou Carlos Pita sinten máis o paso do tempo. Como a lóxica impón nun equipo que, logo de anos de xiros cara todas direccións, foi incapaz de atopar recambios de garantías para a súa columna vertebral. O CD Lugo debe meterse agora nun círculo, que é como a loita: pódese empezar en calquera punto, mais nunca remata.

No puramente deportivo, o Rayo Vallecano chega a este encontro logo de superar a eliminatoria de Copa contra o Barakaldo. Segundo informan en Unión Rayo, prevése o regreso ó once de Dimitrievski, Advíncula, Catena, Mario Suárez mais Embarba. O conxunto madrileño ocupa a duodécima praza a estas horas, a cinco postos dos playoffs de ascenso, o seu obxectivo fundamental. Pola súa banda, o CD Lugo pernocta no antepenúltimo posto como segundo equipo máis goleado da categoría despois do RC Deportivo e coa extrema necesidade de volver a puntuar.

Comparte:

Deja un comentario