Artículos

Ser do Lugo é o mellor que hai

por Denís Iglesias 31 diciembre, 2019
Tiempo de lectura: 4 minutos

Hai consenso sobre que o 2019 foi o peor ano vivido polo CD Lugo, e todo o que lle arrodea, dende o ascenso do 2012. A cara máis dura do profesionalismo pasou por riba dun club que, malia todo, conseguiu acadar a permanencia na categoría de prata e chega a 2020 fóra dos postos de descenso. Pero incluso neses tempos de fame e abaneo institucional houbo momentos para a ledicia.

Cadaquén viviu o encontro fronte ó Tenerife, da penúltima xornada dun xeito duro pero especial. Un choque volveu a conxurar á masa albivermella, que apartou as diferenzas para xuntarse nun único pulo. Lugo, Lugo e só Lugo como tres puntos cardinais dunha mesma resistencia colectiva que oxalá se vira nalgunha das miles de frontes abertas que ten esta cidade e provincia. Véxase a despoboación, o envellecemento ou a incomunicación. Palabras do tamaño de puntas longas que se cravan nun cadaleito consentido por todas as institucións. Sen excepcións.

Os que deron o paso de baixar polas corredoiras a carón da Calzada da Ponte e da Cheda están orgullosos de poñer por diante do DNI o carné de socio do CD Lugo

A nación a carón do Miño é das menos populosas de Segunda. Encántalle estar á gresca, debatendo até sobre o tamaño dos paos da portería. Non lle pidas apostolado, porque a súa paixón e súa. E que veña quen queira a compartila. Non fai falla que lle digas absolutamente nada, porque cada espírito desta Santa Compaña sabe perfectamente como actuar. Os que deron o paso de baixar polas corredoiras a carón da Calzada da Ponte e da Cheda están orgullosos de poñer por diante do DNI o carné de socio do CD Lugo. Para que se vexa ó pagar. Para que se alguén fala dos equipos de sempre el se acredite como defensor do fútbol máis achegado.

Saben que ser do Lugo é o mellor que hai. Porque xa eran conscientes hai máis de 50 anos nos Miñóns, porque se viron arrastrados pola loita dos anos en Terceira, porque caeron dende mil metros sobre o Carranza en 2012 ou porque decidiron marcar goles no patio do recreo coa camisola albivermella. Detrás de cada asento do Anxo Carro hai unha historia diferente. Esa profunda identificación persoal co que significa ser do CD Lugo fai que os que vaian sexan militantes de fusil en man dunha mesma ideoloxía. O dos puros e afuma á enfermeira, que á súa vez atendeu ó empregado da banca prexubilado, que convida no bar á súa nai de 83 anos.

Este ecosistema regúlase só. A influencia do que sucede detrás do palco e das vitrinas é cousa da Sociedade Anónima Deportiva, unha forma empresarial obrigada para competir no profesionalismo que ten caducidade no tempo. O que sucede en Preferencia, Tribuna ou en General ten infinita prolongación no tempo. Porque aínda que, Deus non o queira, se o CD Lugo SAD apaga o seu pulso algún día, seguirá viva. Nesta forma ou noutra. A árbore xenealóxica dos de vermello e branco parte incluso de antes de 1953, data oficial de fundación do club.

Unha mesta árbore xenealóxica

Hai pólas maduras que poñen o sentido de pertenza. Que acougan ós brotes máis novos dicíndolles que non estamos tan mal. Que non se deixen cegar polo presente. Que eles levan vivindo unha carreira de fondo que se perde nos camiños. Que ninguén lles vai privar disfrutar do camiño en Segunda, algo que até hai uns anos nunca pensarían ter volto a ver.

As gallas máis novas que din que non lle teñen medo á Segunda B, que se é un territorio natural para o CD Lugo hai que asumilo. Mais poñen como condición caer con dignidade. Son os que erguen a voz cando ven xogadores desidiosos sen ningún tipo de valores. Non falan de atributos deportivos. Falan dun sentimento de responsabilidade cunha colectividade. Servidores dun pasado, presente e futuro no que algúns se deixan unha parte importante do xornal.

Unha xeración que xa puido vestir as súas cores sen que os ridiculizasen, que puido completar a colección de Panini cun escudo do CD Lugo e que puido, en definitiva, soñar con ser un xogador profesional na súa cidade

Enfádanse porque ven que os futbolistas erguen unha cuarta parede que non se entendía nun club familiar, no que o dianteiro estrela ía nun Seat Ibiza coma o teu e collía tamén as rotondas por fóra. Pero hai outros abrochos máis novos que lles piden que respecten a eses xogadores, que xa son uns ídolos para eles. Os que foron ó seu colexio e compartiron uns pases con eles. Os que lle tiran a camisola ou se fan unha foto se llelo piden a berros dende a banda. Unha xeración que xa puido vestir as súas cores sen que os ridiculizasen, que puido completar a colección de Panini cun escudo do CD Lugo e que puido, en definitiva, soñar con ser un xogador profesional na súa cidade, da que cada ano se van milleiros de veciños na procura dun futuro mellor.

Estes son os froitos da mesta árbore albivermella. Os que agroman por temporada. Sacan o carné aínda que só poidan vir un par de veces o ano e teñan que roubarlle tempo ó tempo de estar con seus pais, a súa avoa ou os seus colegas. Os que en Bilbao, Barcelona, Madrid, Valencia, Zurich, Berlín ou Bos Aires prenden a escuras na súa habitación a televisión para que lles cheguen os azos do Anxo Carro. O alento da terra coa que manteñen o seu cordón umbilical a través do fútbol. Conducto flexible que algúns construiron por si mesmos en Girona ou Arxentina, follas perennes dunha especie que coroan e que se alimenta cun único abono, o de temporada, e que se rega co orgullo continuo de ser do CD Lugo.

Comparte:

Deja un comentario