ActualidadArtículos

Fútbol gualtrapa

por Denís Iglesias 19 diciembre, 2019

Ós que (lles) nos gusta o fútbol, recibimos con agrado o reformateado da Copa del Rey. A RFEF de Rubiales daba luz verde a unha demanda que permitía a entrada en combate de equipos de Terceira e Segunda B contra conxuntos de Segunda e Primeira. O fútbol amateur ou semiprofesional contra o da élite. A diferenza entre os convenios que aseguran salarios millonarios e as piruetas para chegar a fin de mes, compatibilizando, nalgún caso, con outros traballos. A partido único, i en principio, na casa do máis pequeno.

Mais non ía ser tan doado. Rubiales, o enésimo falso Mesías do fútbol español, púxollo difícil a algúns equipos como o Bergantiños, obrigado a xogar fóra das Eiroas, o seu feudo. Tivo que disputar o seu cruce en Riazor, logo de case rogar a cesión de campo. Para que se fai ese formato se logo se obriga a certos clubes a cambiar de emprazamento? Non lle ocorreu así ó Sestao, rival de Terceira que se enfrentou e gañou ó CD Lugo nos penaltis.

O conxunto albivermello volveu a amosar unha imaxe pusilánime, como vén facendo durante toda este temporada. Un curso que está a prolongar a longa noite de pedra que vive o CD Lugo nos últimos anos. Coa euforia, algún esquecimos no seu día que a salvación acadouse grazas ó Real Oviedo e por caída en combate do Rayo Majadahonda. En ningún caso por merecemento propio. E así creamos un falso heroe na figura de Eloy Jiménez, polo que partimos unha lanza. El asinou o papel da permanencia, con ou sen autoría. Xa que logo, tiña pasaporte para, polo menos, tentar un curso enteiro. O conto saiu adiante e agora estáse a converter nun manual de autoaxuda. A que precisa o seareiro para aguantar xornada a xornada.

Poñer ó Sestao River no camiño do CD Lugo foi a proba do algodón. O técnico de Hellín tirou de varios rapaces do filial para cargarlles a mochila dun encontro que el non quixo ver como un referendo. Porque o importante é a Liga, na mesma na que leva tropezando unha e outra vez sobre si mesmo. E aló foron os vascos, nos playoffs de ascenso a Segunda B, bravos como calquera que ten sentido de pertenza á súa prole. Puxéronse por diante con merecemento. Fíxoo Leandro pero puido ser calquera outro.

Por sorte, esta Copa del Rey pon en evidencia o Fútbol Waltrapa que subxace en moitos planteis de Segunda e incluso Primeira División. Porque non foi o CD Lugo o único que asinou unha actuación ridícula contra un rival, presumiblemente, de inferior calidade. Hai moitos que chegan ó fútbol profesional por unha axencia, un padriño ou un golpe de sorte. Pero como en moitos traballos, non son os mellores. Existen figuras que, por unha outra razón, nunca pasarán da lama e o cemento, pero que lle pegarán con moito máis brío á bóla que ós xogadores que verán na TV.

O encontro foi unha demostración deste cruce de realidades. Home por home, o Sestao River gañou en actitude a un equipo que só dilatou o seu naufraxio. Herrera, o único con flotador no gol este ano, puxo suspense cun gol case co tempo cumprido. Porque Eloy non tirou o encontro. Perdeuno cunha parte importante dos seus titulares para os que non hai ningún tipo de plan. Tampouco son conscientes da súa situación. É incomprensible escoitar as declaracións posteriores ó encontro do propio técnico e xogadores de primeira liña como Cantero ou Campabadal.

Falaron de que o equipo «competira», de que o «Sestao era un equipo que estaba arriba» ou de que «foran erros puntuais». Falaban como se acabaran de perder no Carranza pola mínima. Coma se o Sestao volvera ós ’80, cando era militante da Segunda División que vai camiño de perder o conxunto albivermello con todo o que custou chegar a ela. O último que un espera escoitar logo desta estrepitosa caída é un discurso de político da Deputación. Frases enlatadas sen ningún tipo de contexto.

Homes como Seoane eran capaces de rachar con esta monotonía en anos anteriores. Facíano en voz alta e sen medo ás dobres lecturas. Este ano falta até iso: un golpe sobre a mesa que reenganche á bancada. Como xa é costume, no Anxo Carro acubillaránse unha vez máis nos males do resto. Desta volta caeron outros Segunda e, xa que logo, é suficiente para cubrir o negrón en corpo propio. Na Liga, máis do mesmo, porque aínda non se está en descenso. E como no célebre poema de Bertolt Brecht, «cando viñeron por min, xa non había ninguén peor».

Ó contrario, Eloy responsabilizou nunha rolda de prensa ós afeccionados, lembrándolles que ser do Lugo significa sufrir, non que significa loitar até as últimas consecuencias. Un monólogo con cheiro a epitafio do que non se pode agardar nada. Os xogadores son cromos intercambiables e o núcleo, se é que existe, é de portas para adentro. Entrementres, o máximo accionista da SAD cociña contas e procura non facer ruido para tentar colocar, se a situación o require, o equipo a alguén que poña os cartos que pide. O descenso minguará o valor até o punto de facelo un bocado amargo, malia que el teña máis que amortizada a súa inversión.

A tanda de penaltis en Las Llanas foi coma un tiroteo. Fallou Lebedenko, quen, sen ter máis culpa que o resto, representa ben a decadencia do sistema administrativo albivermello. Vender caro, comprar barato e sacar 3.000 pesetas. Copias de símbolos ou adestradores sen copyright que veñen a un Estado de Excepción que se cae a pedazos. Sen Cidade Deportiva, sen campo digno e o peor: sen identidade. Fútbol gualtrapa que só uns tolos siguen e defenden, aínda que, por veces, preferirían ter nacido noutro lar. E agora: «Gracias, malagueños, buen viaje a vuestra resurección». Fin de la cita.

Comparte:

Deja un comentario