Artículos

Pacto entre caballeros

por Denís Iglesias 15 noviembre, 2019
Tiempo de lectura: 5 minutos

Pode que lle soe o tema Pacto entre caballeros de Joaquín Sabina. Unha peza que xurdiu cando o de Úbeda non tiña a voz tan atrapallada por todas as sustancias que tomaba naquela época. Conta a historia dunha noite de farra que comeza de xeito accidentado. Tres tipos tentan atracar a Sabina, até que se dan conta de quen é. Entón comezan unha xoldra por barras americanas (termo en desuso que serve falar de clubs de alterne) e pubs de mala morte nos que houbo un denominador común: drogas, de todas as cores e sabores. Os que ían deixar sen un peso a Sabina acabaron por convidalo a todo. A cambio desta velada, Sabina quedou en escribirlles esta copla. 

Tempo despois, Sabina viu nos xornais que prenderan ós seus colegas efémeros. Asaltaron o chalé dun millonario. E fóra do mesmo había moita policía. Moita, moita policía, como seguro aturraches algunha vez a altas horas. Pacto entre caballeros tamén é como se chama o modo de proceder da liga de México, que pode ter os días contados se se leva á práctica a decisión adoptada en outubro polo Congreso mexicano. Era un acordo entre os directivos da competición pola que eles, e só eles, decidían sobre o futuro dos seus xogadores, Na práctica eran empregados de franquicias. Os directivos asinaban tratos verbais e impedían ós futbolistas negociar co resto de equipos sen que eles deran o paso. 

O ‘Pacto entre Caballeros’ da liga mexicana obriga ós xogadores a entregar unha cantidade económica se queren cambiar de equipo

Os deportistas que querían cambiar de equipo tiñan que entregar unha compensación ó club onde traballaban. De non facelo, quedaban á marxe da liga profesional. Se saían ó fútbol estranxeiro e querían volver, deberían facelo sempre ó último equipo mexicano no que estiveron. Sempre e cando pagaran unha cota de retorno. Isto contravén o artigo 19 do regulamento sobre o Estatuto e transferencia de xogadores da FIFA, que afirma que “un xogador profesional terá liberdade de asinar un contrato con outro club se o contrato co seu equipo actual venceu ou vencerá dentro dun prazo de seis meses”. Por certo, mexicanos eran tamén os protagonistas do rumor espallado hai unhas semanas sobre unha posible compra do CD Lugo SAD, globo sonda para poñerlle prezo ó equipo: 12 millóns, nada mal.

Oswaldo Alanis, coa camiseta da selección de México.

Para entendelo mellor, utilicemos un caso práctico como o de Oswaldo Alanis, ex xogador mexicano do Real Oviedo, quen se encontrou coa frase que acostuman a recibir os díscolos con este sistema: “Eu deixo que te vaias, pero ninguén che vai ofrecer traballo”. Alanis negouse a aceptar as condicións na renovación do seu contrato polo Chivas de Guadalajara. Os directivos do club excluírono do equipo de Primeira, onde participaba, e relegárono ó filial. Incluso chegaron a vetalo na selección do seu país. Ó finalizar o seu ano no conxunto ovetense, de maioría accionarial mexicana, volveu como estaba escrito ó Chivas.

Non é unha relación laboral diferente á que se someten algúns traballadores. É o caso dos falsos autónomos. Na teoría, con liberdade para ter varios clientes, pero que na práctica son empregados dunha empresa que non lles paga a seguridade social pero si lle pon horarios. Unha vinculación fraudulenta e cada vez presente en máis empresas. Os futbolistas son mercadoría coa que incluso se pagan favores. Que llo digan a Sebas Moyano, xogador do Córdoba que rematará no CD Lugo logo de que o conxunto branquiverde careza de liquidez para pagarlle un préstamo de 250.000 euros á entidade galega. Cartos emprestados sen interese pola obra e graza de Tino Saqués, que puxo a súa sinatura á enésima operación de tratante de gando dende que é máximo accionista da SAD albivermella. 

Sebas Moyano, coa camisola do Córdoba.

Operación Trapicheos

A xestión do empresario lugués nunca deixa de sorprender. O peor é que son filtracións de medios ou actores alleos á cidade galega os que acostuman a destapar o pastel. Neste caso, a torta é gorda, tal e como explicou Saqués en Radio Marca Córdoba. Porque hai que recoñecerlle que ten cero escrúpulos á hora de contar como executa os seus movementos. Supoñemos que estará acostumado a contar estas batallas en contornos nos que todas as opinións son favorables.

E seguro que aínda recibe algún aplauso. Este caso xa saíra á luz no verán, cando a sección de deportes de Canal Sur descubrira un movemento provinte de Lugo, tasado en 250.000 euros, para que o Córdoba puidera inscribirse en Segunda División B. O que se contou, nun principio, era que os cartos puxéraos Saqués por medio da súa empresa Frisaqués. Tal e como fixo para asaltar a maioría accionarial da empresa deportiva luguesa.

Nada diso. O máximo mandatario utilizou a SAD do CD Lugo para cederlle os cartos, segundo el sen intereses, a Jesús León, que acaba de ser detido no marco da ‘Operación Trapicheos‘. A nomenclatura do dispositivo deixa pouco lugar á imaxinación. Pero por se fora necesaria aclaración, León está acusado de catro delitos económicos: administración desleal, apropiación indebida, branqueo de capitais e corrupción entre particulares. E si, fóra había moita, moita policía, como na canción de Sabina. Cando Saqués utilizou os cartos da SAD sen consultar a ningún dos outros accionistas debeulle parecer tamén que estaba facendo un auténtico Pacto entre Caballeros. Dous homes feitos a si mesmos que se marcaban un favor. O propio directivo lugués vendeu en Radio Marca a súa transación coma unha obra humanitaria aínda que se vía ás leguas que o equipo cordobés estaba sumido nunha gravísima crise institucional. 

O ‘Pacto entre Caballeros’ entre León e Saqués: 250.000 euros non pagados e compensados cun xogador, Sebas Moyano

Logo chegou a segunda parte do citado Pacto entre Caballeros. Como o Córdoba foi incapaz de pagar a cantidade emprestada polo Lugo -quen o ía esperar…-, activouse a contraprestación en especies. No estío falarase de que Saqués, a quen en principio se lle atribuía a ‘doazón’, conseguira a cambio da cantidade cedida o 15% dos dereitos dun xogador como Andrés Martín. Prometedor xogador que hoxe milita no Rayo Vallecano. Tampouco ían por aí os tiros. Tal e como confirmaban medios da cidade de Córdoba, que estes días andan traballando arreo para dar conta da corruptela, o pago pola morosidade vaise facer con Sebas Moyano. Extremo dereito do Córdoba de 22 anos, con experiencia en Segunda B e algunha en Segunda, con 96 minutos en Segunda en un par de internacionalidades nas categorías inferiores da selección española. 

Estes días estiveron outros branquiverdes no Arcángel…

Compravenda de intereses? Un profesional polo medio como pago e andando… Un todo vale ó que está moi acostumado Saqués e a súa administración. Que sucedería se o Lugo e o Córdoba se enfrentan nun partido de Copa co pago pendente? Deixaríase gañar o conxunto andaluz? Na lista están o outro empréstito que lle fixo ó Cerceda no seu día e que rematou coa desaparición do club coruñés. O CD Lugo SAD semella un fondo de inversión. Cartos distribuidos en causas ruinosas. Pactos entre caballeros da apocalipse que teñen no fútbol un terreo aboado para a corrupción e o clientelismo. Entre eles, tampouco deixan que ninguén pague unha rolda, para iso xa nos teñen a nós. Non sabemos que pasou na noite anterior ó préstamo do Lugo ó Córdoba, pero agardamos que alguén nolo conte noutra copla.

Comparte:

Deja un comentario