ActualidadArtículos

Crónica Cádiz CF 2 – 1 CD Lugo: Mirando as estrelas

por Denís Iglesias 27 noviembre, 2019
Tiempo de lectura: 4 minutos

Son de apurar os tragos e as sobremesas os días de partido. Respecto fondamente ás persoas que están na súa localidade dende case unha hora antes. As que encontran no silenzo previo, nos últimos detalles do campo ou no quencemento a súa propia conxura. Pero para min o encontro xógase tamén fóra do campo e o contexto que arrodea ó estadio é tanto ou máis importante antes de que comece o xogo. 

Mais co estadio Ramón de Carranza pásame ó revés. Gústame ver a súa baleira inmensidade. Percorrer coas imaxes previas cada unha das bancadas até chegar ó punto no que intentaron gardar a calma un 24 de xuño de 2012 todos aqueles que presenciaron o ascenso do CD Lugo a Segunda División. Cando un se concentra nese intre histórico énchese de esperanza e pensa que os albivermellos serán quen de dar a machada de novo. É unha fantasía puntual que apunta á lembranza como motor. 

O partido contra todo un líder da categoría non estaba tan perdido recuperando esas sensacións antes do asubío inicial. Ponse o balón en xogo e ós poucos minutos Iriome aproveita un erro da defensa do Cádiz, convertida no camarote dos Hermanos Marx, para facilitar o primeiro na conta visitante. Que un xogador como o de Icod anote sempre é boa noticia. É certo que todos os tantos que se marcan coa albivermella emocionan, pero cando un fillo de sangue deste equipo consegue o seu obxectivo, a ledicia é dobre

Iriome elebrou a diana mirando ás estrelas, onde mora para a eternidade o seu pai, falecido o pasado mes de abril. Unha dedicatoria sen teatro, sen polémica, sen coreografía…

Iriome foi bravo. Insistiu e meteu a perna para mandar a bola ó fondo da rede e logo esta saiu rebotada ó mismísimo ceo. Celebrou a diana mirando ás estrelas, onde mora para a eternidade o seu pai, falecido o pasado mes de abril. Unha dedicatoria sen teatro, sen polémica, sen coreografía… Un xesto directo á memoria que agardemos non tarde moito en repetir. Por desgraza, non estaba nada feito fronte a un Cádiz que xoga de película, un relato que constrúe semana a semana con xogadores como Iza Carcelén, que emerxeu dende o lateral para asinar dous tantos de remontada. Lóxica e xusta contra un rival que perdeu case todos os argumentos logo do gol. 

Botar de menos a Canella no CD Lugo

Algún tamén quedou mirando as estrelas. Mais ben as que lle fixeron canos directos á falta de recursos. Canella desapareceu da convocatoria polo que puideron ser unhas molestias. Xusto no momento no que mellor estaba a rendir, aínda que estea lonxe de dar unha nota sobresaínte. Apareceu en escena un Orest Lebedenko que segue a vivir na distante realidade ucraína. Cando en xaneiro deste ano o CD Lugo fixo oficial a súa incorporación, dende Lugoslavia contactamos cun rapaz alemán que era seguidor acérrimo do Karpaty Lviv, equipo do que xa viñera o estrañado Vasyl Kravets. 

Daquela enviounos unha serie de vídeos nos que Lebedenko semellaba Roberto Carlos. Era quen de coller o balón en campo propio e chegar case até a liña de fondo sen demasiada dificultade. Pero aquel parecía fútbol doutra época. Tácticas flexibles, xogadores correndo detrás da bola i estadios absolutamente baleiros onde a presión quedara en antes dos ‘90. Parece difícil que vaia a cumprir o seu soño dourado do xeito que o fixo no seu día Kravets. Tanto o CD Lugo como Vasyl desexarían reencontrarse noutra dimensión. Saqués, encargado de vender unha historia de fidelidade ás cores para logo mercadear do rapaz, debeu pensar que en Ucrania nacían xogadores coma el tal que pementos de Padrón

Cantero volveu a ser o mellor do encontro: será porque é o que menos atende a Eloy Jiménez

Máis irresoluble é o sentido futbolístico dun Eloy Jiménez ó que estas semanas lle viña salvando o resultadismo. A pura efectividade de case que un disparo por partido que se compensaba con actuacións milagreiras de Ander Cantero. O pamplonica volveu ser o mellor do encontro. El non atende tanto á pizarra do de Hellín, só pode actuar para calmar o vendaval que xera a inexistencia dun plan de resistencia alén de pecharse atrás. Jiménez, autor do célebre mandamento de que defender por detrás da pelota é óptimo, atopouse cunha máxima que se lle está a repetir ó CD Lugo: defender con oito homes non garante o éxito atrás.

Pode un poñer unha ducia de grampas no paragolpes dun vehículo que nunca van aguantar a peza. Nas súas roldas de prensa hai doses de autoengano. Na derradeira dixo ter querido máis o balón. Difícil desexo coa súa formulación, na que os seus xogadores botaron os minutos ceibando balóns cara arriba. Para tal proposta, mellor tería sido formar con Manu Barreiro. Este saiu na segunda metade, na que tamén debutou Carrillo, outra torre. Entón, os albivermellos comezaron a rasear o coiro. O mundo ó revés. Aquí as estrelas, máis ben dende dentro dos miolos.

Tinos sen tino

Non é o Cádiz, e menos o deste ano, o equipo máis idóneo para sacar conclusións positivas, pero neste equipo segue sobrevoando un halo de indefinición. O CD Lugo sobrevive por deméritos dos rivais e atenúa o seu poder con bagaxes defensivas con máis forza que intención. É un equipo que engana a propios i estranos. Do que non cabe dúbida é de que Eloy Jiménez ten unha reválida contra o Deportivo esta fin de semana. É un derbi, na casa e contra un rival ó que os xogadores do conxunto lugués teñen que deixar ferido de morte. Non pode haber medias tintas nun encontro no que, malia todo, os da cidade amurallada chegan por diante na táboa, unha situación anómala na historia de ambas as dúas entidades. Aquí non vai haber estrelas que mirar, aínda que o prezo das entradas do encontro indique o contrario. 

Ben é certo que dende a campaña de socios estaba anunciado que os encontros contra o RC Deportivo e o Real Oviedo serían Días do Club. Pero esta é unha das grandes perversións do fútbol moderno. Sería entendible esta figura nun partido dun club modesto que aproveita os encontros nos que se prevé unha asistencia importante para recadar fondos indispensables para a súa supervivencia. Ou para o mantemento na categoría.

Mais que sexan precisamente os que van ó campo os que teñan que financiar unha SAD que acada ingresos millonarios por dereitos televisivos é magoante. E máis, cando os fondos da sociedade se utilizan de xeito partidista e interesado como sucedeu co préstamo dirixido por Saqués cara a enxuizada Córdoba SAD. Tinos sen tino a un e a outro lado da A-6 que converten cada un ó seu xeito unha festa do fútbol galego nun auténtico exercicio de resistencia.

Comparte:

Deja un comentario