Artículos

Sorteo dun Fiat Multipla

por Denís Iglesias 17 octubre, 2019

Xa é case unha tradición na liga española. Cando chega un novo propietario a unha das Sociedade Anónima Deportiva, sempre que o fai por asalto, busca o favor do público sorteando algo. O agasallo preferido dos recén chegados son os coches. Saqués instaurou o ‘Gol Nissan’ como tradición nos descansos. Pero cando comprobou que o método para conseguir o Qashqai era demasiado doado, trocou o modelo de vehículo por un Micra, máis modesto, e complicou o modus operandi do concurso. Eran demasiados cartos a invertir cando o único que quería era caer ben un pedazo. Despois xa deixou de importarlle a simpatía.

Está a facer o propio o xeque Turki Al-Sheikh, quen se fixo coa maioría accionarial da UD Almería este verán. Este propietario é asesor da Corte Real do Reino de Arabia Saudí baixo o rango de Ministro, alén de presidente da Autoridade Xeral de Entretemento por Real Decreto. Disto último parece que sabe, e o fútbol actual, no que todo ten prezo, permítello. O verde desfai todas as diferenzas. Só así se explica que un nacionalcatolicista como Javier Tebas reciba cos brazos abertos a un musulmán membro dunha monarquía absoluta islámica. Que pensarían os vellos compañeiros do oscense en Fuerza Nueva da foto que fixo pública Al-Sheikh dunha moza con burka acompañando un dos vehículos que sortea no Estadio de los Juegos del Mediterráneo… 

O jeque saudí está a utilizar esta mesma táctica para meterse no peto á afección que lle siga o rumbo. Pero ó grande, como todo o que se fai en Oriente Próximo. No encontro fronte ó CD Lugo a UD Almería sorteou até tres automóviles. Os seareiros do Cádiz expresábano ben nun cántico hai unhas semanas: “Hemos venido a por el coche, el resultado nos da igual”. No seu primeiro ano, Al-Sheikh rebentou a banca poñendo patas arribas o límite salarial. Un dos xeitos de aumentalo é con patrocinadores. Da igual a natureza ou os intereses que poida ter. E así foi. O equipo andaluz pasou de salvarse hai dous anos in extremis, na última xornada, contra o Lugo de Francisco (o seu ex xogador), a ser un dos novos ricos da liga. 

Felices los cuatro

Os afeccionados da UD Almería están coma os namorados primerizos. Encantados co torrente de millóns que caeron neste verán, esquecendo os malos tempos do pasado. Mais na súa mesma comunidade o Málaga lémbralles que non existen soños dourados. Outro artefacto de petroinversións que a día de hoxe ocupa postos de descenso a Segunda División B. En Lugo algún aledábase de non ter caído en mans dunha fortuna estranxeira como a de Gerard López (malia ser oriundo de Riotorto). Pero o remedio foi peor que a doenza. A xestión non vai na nacionalidade, senón en mans de quen está o fútbol actual.

Xestores que trafican coa paixón do resto para os seus propios intereses. Volvendo ó ámbito dos sorteos, ó CD Lugo tocoulle o autobús. Non o de Monbus, que anda en busca e captura dende que ó propio Francisco e ó seu corpo técnico se lle fixo demasiado pequeno. É de Transportes Jiménez, quen se amosa disposto a inventar un novo concepto: a media escocesa; empatar fóra da casa e perder nela. Igual de efectivo que un método de CCC para tocar o ukelele, un instrumento que estou a padecer nos últimos tempos por culpa do meu veciño.

O partido contra a SD Huesca pode ser un referendo; dependerá de cómo se erga ou se deite o máximo accionista da SAD

O resultado inmediato é que o equipo albivermello está en descenso. Por estas mesmas datas, Javi López perdeu a súa cabeza logo dunha guillotina con nocturnidade e alevosía. E aquel Lugo xogaba igual de mal, pero polo menos estaba fora dos postos de caída a Segunda B. Pode que o encontro fronte á SD Huesca sexa un referendo, mais adiviñar os movementos de Saqués resulta ben difícil. Segundo se erga ou responda un estadio que pode esta fin de semana sumar un novo pico negativo de asistencia. E menos mal que o CB Breogán moveu ficha para que o seu encontro se dispute un chisco máis tarde. Cando menos, os da dobre militancia poderán ir ás carreiras dun feudo a outro. Na Fábrica da Luz non moven un dedo. Saben que ninguén pode erguer a voz contra o carrusel dos horarios do que teñen absoluta dependencia os equipos máis pequenos. Falsa igualdade de condicións que dificulta o seguemento de conxuntos coma o noso, que viven unha posverdade na súa propia cidade. 

O primeiro fin de semana do San Froilán fun mexar a un coñecido bar do centro lugués. Tiña unha camisola asinada polos xogadores do CD Lugo. Perfectamente enmarcada. Un obxecto co que dicir: “Ei, nesta casa somos moi de Lugo e do Lugo”. Ó igual que moitos outros da zona que teñen algún elemento decorativo coas cores albivermellas. A segunda fin de semana das festas comprobei se efectivamente esa fe no club da cidade era real. Ningún dos establecementos mencionados foi quen de por na TV o encontro contra o Almería. Nin sabendo que era un fin de semana de seleccións. Igual había algún andorrano nos salón e non me decatei… Lembroume ó uso que se fai do galego nalgúns contextos para falar de folclorismos, imitar a Roberto Vilar ou lanzar improperios. “¿Cómo quedó el Lugo?” segue a ser esa pregunta tan retórica que escoitas cada vez que en día de partido alguén te ve cunha bufanda. Unha cuestión que se responde de xeito interno: “Fágoo por quedar ben, que sei que é o que máis importa nesta vida e cidade”.

Fiat Multipla

Alén do punto logrado, que só se fará bo cun resultado positivo contra o Huesca, a luz verde púxoa o regreso de Serge Leuko logo dunha gravísima lesión no Tendón de Aquiles. “A los dos días de operarme de la lesión, un día por la tarde soñé que me volvía a lesionar. Durmiendo la siesta me desperté pensando que me había lesionado otra vez, pero ya me había operado”, contoulle nunha magnífica entrevista a Pablo Durán en El Progreso. Leuko é un xogador de equipo, que sempre considerou ó Lugo como unha prioridade. Home dos que fan vestiario e que non negocia o esforzo. Para un equipo como o albivermello contar con este tipo de efectivos é fundamental. E máis nos tempos que veñen, tan feos ou máis coma un Fiat Multipla. E para eses temos todos os boletos.

Comparte:

Deja un comentario