Artículos

O fútbol é para os calvos

por Denís Iglesias 29 septiembre, 2019
Tiempo de lectura: 3 minutos

Dende que o pronunciou Luis Aragonés, hai un dito que se le na boca de moitos eruditos: “O fútbol é para os listos”. Serve de escudo normalmente para formulacións engorrosas ou xogos bruscos. O Sabio de Hortaleza tiña quilómetros e situacións de sobra para pronuncialo, pero logo cadaquén fixo del unha cita recorrente coa que atormentar ó que perde despois de tentalo. Ti, pobre diaño, es un caldeiro de intencións sen a miña fina intelixencia, a de lembrar que eu gañei. O fútbol non é para os listos, é para os calvos. 

A alopecia xera nos homes inseguridades. Algún pensa que perdeu todos os pelos de listo e queda só cos de parvo de remate. Outros afananse en esparexer os catro cables que lles quedan para tapar unha preciosa calva que ademáis pode ser unha utilísima ferramenta de combate no fútbol. Superficie lisa, dourada, case cun brillo que impulsa o balón. Un bate que ó entrar en contacto co coiro golpéao con tal forza que só pode ir cara a escadra ou contra un afeccionado do equipo rival. 

O CD Lugo tamén tivo ó seu calvo referente, Carolo, un nome que xa intuía que os goles que logo chegarían

Nada que ver coas mechas californianas, os cabelos engominados, as trenzas, os regos na cabeza… Distorsións dun contorno capilar curvilíneo que ten en Jan Koller o mellor expoñente. Ou polo menos é do que mellor me lembro. O dianteiro checo encheuse a meter tantos dende os 2,02 metros que lle permitían ver o mundo dende as alturas. O CD Lugo tamén tivo ó seu calvo referente, Carolo, un nome que xa intuía que os goles que logo chegarían. Fíxoos en todas as categorías do fútbol español, algo que amosa canto amaba este deporte. Quedou sen pelo cando defendía a albivermella. Dixéronlle que polo estrés, así que decidiu tomar uns remedios de herbas para ver se cortaban a hemorraxia capilar. Non foi posible, pero pola contra seguiron chegando os goles, agora por un limpo portavións.

Mundial 90 e as ligas frustradas

Carolo tiña o pelo longo, crecho e moreno. Cando portaba melena chamábanlle Paulo Futre. Logo pasou a ser coñecido como Dertycia, outro dianteiro, esta vez arxentino, que xogou en España cinco anos. Dertycia tamén perdeu o cabelo nos campos. Ou polo menos foi unha consecuencia directa de algo que lle pasou nos terreos de xogo. Chegou a Europa por Italia. En concreto, pola Fiorentina na 1989/1990. Daquela, Diego Armando Maradona militaba no Napoles. Falábase de que Dertycia podería formar unha dupla co ‘10’ no Mundial de Italia ‘90. Pois foi precisamente nun choque contra ‘El Pelusa’ no que o futbolista viola sufriu unha rotura de ligamentos. “Menos mal que fun eu o que se lesionou, senón non podería estar contando isto aquí”, dixo bromeando nunha entrevista co Canal 10 da súa natal Córdoba. Sorriso para lembrar un episodio que o afundiu na mágoa absoluta. 

Non puido xogar a cita mundialista no páis no que rompeu e na que Arxentina perdeu a final contra a Alemania Federal (0-1). Froito do agobio que lle provocou a lesión que o deixou K.O., Dertycia sufriu unha alopecia nerviosa que o deixou coa imaxe que del nos quedou nos seus anos na liga española. “Tiven unha depresión da que tardei moito en recuperarme. E máis só, en Italia, lonxe da miña familia”. Nunca máis se volveu lesionar dende aquela e deixou goles para a lembranza na Liga. Xa baixo a imaxe de Mr.Proper, alcume que lle puxeron en Cádiz, onde ata a normalidade ten segundo nome. 

Dertycia formou parte do CD Tenerife que lle frustrou dúas ligas ó Real Madrid

Formou parte do CD Tenerife que frustrou dous campionatos ó Real Madrid. Os dous, na última xornada e no Heliodoro Rodríguez López. Na 91/92 os tinerfeños tumbaron ós brancos por 3-2 e na 92/93 fixérono por 2-0. No banco os dous anos, o ex madridista Jorge Valdano que logo da súa etapa en Tenerife foi reclutado como adestrador do propio Real Madrid. Un dobre knockout nunca antes visto que inda por riba lle deu a Liga ó FC Barcelona. Dertycia foi un dos verdugos na segunda morte na beira. Anotou o 1-0 da campaña 92/93 (na que o Tenerife rematou en postos europeos) libre de marca logo dunha asistencia de Ezequiel Castillo. Como? Pois coa fina e branca pel da súa cabeza, onde outrora houbera un frondoso coiro cabeludo que xa daquela mudara en superficie de lanzamento de obuses. Buyo non puido nin seguila coa mirada. 

Este foi un signifactivo tanto dos máis de 200 que deixou metidos Dertycia, quen como Carolo perdeu o pelo no campo. Dous xogadores cun compromiso inquebrantable que calquera quixera ter consigo. Dous calvos de corrente continua, eléctricos, con dous polos ben diferenciados: o do balón e o da portería. Por todo isto, e moito máis, o fútbol perténcelles. Quen será o ‘calvo’ deste ano?

Comparte:

Deja un comentario