O xogador de Pola de Laviana, de 31 anos, estaría moi preto de oficializar a súa chegada ao cadro lucense, segundo apunta o diario asturiano El Comercio.
Roberto Canella estaría a poucas horas de converterse en novo xogador do Clube Deportivo Lugo, segundo informacións que chegan dende a comunidade asturiana. O lateral esquerdo, que recentemente rexeitou a proposta de renovación de contrato que lle puxo enriba da mesa o Spórting de Xixón, chegaría así libre á entidade que preside Tino Saqués.
Aos seus 31 anos, Canella parece o complemento perfecto para un Orest Lebedenko que, aínda que se ten en conta como unha das apostas máis fortes do clube a longo prazo, polo de agora tan só acumula unha pírrica experiencia en España. 161 partidos na categoría de prata e 138 en Primeira División alumean a traxectoria deste xogador, que deixa o clube no que estivo ao longo de toda a súa vida se exceptuamos unha infructuosa cesión dun ano ao Deportivo da Coruña.

Cun ascenso no seu haber, internacional Sub-19 -campeón de Europa en 2006-, Sub-20 e Sub-21 con España, e tras tomar parte en 20 partidos ao longo do curso pasado, o nome de Roberto Canella aínda soa como un dos máis destacados da categoría no seu posto. Ademais, a súa saída do Spórting non fai máis que demostrar a ambición dun xogador que aos seus 31 anos aínda se quere sentir importante nun proxecto que o acolla cos brazos abertos.
Tras esvaecerse a opción de Samu Araújo, un dos nomes que soara con máis forza para o lateral esquerdo, coa chegada de Canella a Lugo daríase por cerrada a demarcación e soamente un novo zagueiro central, capaz de complementar a Pita, Vieira e José Carlos faltaría para redondear unha liña defensiva na que Eloy Jiménez reclamaba dous homes por posto.


Deja una respuesta