Artículos

CD Lugo en ruta 2019/2020: 30.000 quilómetros en busca doutra salvación

por Denís Iglesias 15 julio, 2019
Tiempo de lectura: 4 minutos

Por moitas reviravoltas que sufran o destino e a xestión do CD Lugo SAD, estas non tomban a ilusión coa que os afeccionados albivermellos reciben o calendario de cada temporada. Momento para planificar as viaxes nas que presumir de cores en feudos históricos. Campos que outrora parecían prazas inalcanzable e que volverán recibir a visita dos lugueses por oitava campaña consecutiva. A masa social luguesa ten demostrado que non é ampla mais si comprometida. É usual ver algún seareiro sempre que o CD Lugo xoga de visitante. Ben por desprazamentos dende a cidade amurallada, ben por algún lugués que reside no exterior ou ben por algún que, sen ter orixes en Galicia, decidiu profesar a fe albivermella por unha outra razón. 

Os homes dirixidos por Eloy Jiménez inician a liga na casa contra o Extremadura, un equipo contra o que o pasado curso se xogaron a permanencia. O primeiro desprazamento será na xornada 2. E queda preto. A fin de semana do 25 e 26 de agosto, o CD Lugo viaxa ó Carlos Tartiere (Oviedo). Unha das viaxes máis asequibles, tal e como se amosa nos mapas que se adxuntan nesta información. Pouco máis de 230 quilómetros e 2 horas e 20 minutos de viaxe, sempre segundo datos de Google Maps, ferramenta usada para os cálculos e os itinerarios. Os traxectos simulados teñen sempre como punto de orixe o Estadio Anxo Carro e como destinos os diferentes feudos que visitará o equipo lugués. A hora de saída son as 10:30 da mañá e tómase como referencia o menor tempo de viaxe dentro do lapso que debuxa a aplicación.

Sen contar as dúas viaxes insulares, os percorridos por estrada que afrontaría un seareiro que quixese facer pleno en todas as viaxes sumarían 11.380 quilómetros entre idas e voltas. Se a estes se lles engaden os 1.800 e 1.795 en liña recta que hai até Las Palmas de Gran Canaria e Santa Cruz de Tenerife, respectivamente, a cifra ascendería a 15.080 quilometros; máis de 30.000 entre idas e voltas. Os traxectos máis asequibles están fixados para as xornadas 30 e 39. Na primeira das citadas, o CD Lugo visita Riazor (fin de semana do 29 de febreiro de 2020 e 1 de marzo), e na segunda, o Toralín, feudo da Ponferradina (2-3 de maio), de volta na categoría de prata. Dous derbis, cada un ó seu xeito, que quedaron emprazados na segunda volta. Alén dos on tour ás illas, os campos máis alonxados do Anxo Carro son La Rosaleda (1.026 quilómetros), casa do Málaga; Juegos del Mediterráneo (1.040), terreo do Almería; e Montilivi, feudo do Girona (1.074).

Se o ano pasado era o Rayo Majadahonda o que se estrenaba na categoría, este curso tócalle a outro equipo de Madrid, a comunidade na que, por motivos económicos, teñen avanzado máis os clubs nos últimos tempos. O ano pasado, ó CD Lugo tocoulle xogar no Wanda Metropolitano, para sorte dos seareiros albivermellos. Foi o fogar provisional dos majariegos mentres se produciron as obras do Cerro del Espino. Na vindeira campaña visitarán o Estadio Fernando Torres. Será na xornada 28 (15-16 de febreiro), un camiño de 511 quilómetros e 4 horas e 20 minutos. 

Outros dous equipos que tamén acadaron o ascenso o pasado curso servirán sendos partidos que case seguro terían tido representación albivermella a domicilio. Pero as vicisitudes do calendario mandan. Na novena xornada o CD Lugo visita Miranda de Ebro. Anduva está a 475 quilómetros e 4 horas 40 minutos de viaxe. Mais este encontro é dos que están prefixados para ser xogados entre semana (2 de outubro). Máis preto está outro escenario mítico como é o Campos de Sport de El Sardinero (Santander) ó que os lugueses volverán logo de catro campañas sen facelo. A casa do Racing Club está a 400 quilómetros pola A-8, sempre que o alto do Fiouco o permita, e 3 horas 3 e 40 minutos. Este encontro vaise disputar na xornada 32 (14 e 15 de marzo). Catro despois, os lugueses porán rumbo a un dos seus lugares preferidos: Gijón. O Molinón é un campo que está 229 quilómetros, tamén pola A-8, e cun tempo aproximado de viaxe de 2 horas e 10 minutos.

Consellos á hora de viaxar

Organizar unha ruta dende Lugo non é unha tarefa doada. Agás os desprazamentos norteños, no resto de ubicacións, calquera rota ten o seu aquel. Nas viaxes máis lonxanas debes saber que hai varias ducias de seareiros albivermellos que residen en Madrid e que acostuman a viaxar a outros puntos da Península. Poden ser compañeiros de itinerario e gastos en determinadas datas. Ademáis, lembra que na capital española existe a Peña Lucense de Madrid. Se queres completar a expedición dende a casa, existe un grupo de Telegram con máis dun cento de usuarios no que poderás preguntar por se alguén quere acompañarte ou se, no caso contrario, queres ti unirte a outra viaxe xa planificada.

Asimesmo, hai dous grupos de Facebook moi activos nos que poderás contactar con afeccionados do CD Lugo. Son CD Lugo Simpatizantes, con máis de 5.000 usuarios, e Xente do Anxo Carro. En caso de dúbida, tamén podes contactar coa Federación de Peñas do CD Lugo, o órgano que coordina ós principais grupos de seareiros lugueses. Por último, o club ten na súa web un listado das peñas rexistradas oficialmente. Moitas delas teñen contas en redes sociais, polo que son de doado contacto.

Se pola contra prefires viaxar noutro tipo de transporte, Google Maps xa ten funcionalidades para calcular a distancia entre dous puntos tendo en contra tren e autobús. Outra aplicación de Google, ‘Flights’, calcula as combinacións aéreas. Hai outros agregadores que buscan os prezos máis económicos de avións, tales que Skyscanner. Á hora de buscar aloxamento, para establecementos hoteleiros, Booking, e para particulares que alugan as súas casas: Airbnb.

Á hora de conseguir entradas para os encontros visitantes hai varias vías. Nos encontros de maior afluencia como son os do Deportivo, Ponferradina ou os que se xogan contra os equipos asturianos, acostuma a facerse un intercambio de entradas ás que teñen acceso preferencial os socios, de aí a importancia de sacarse o abono. Noutros menos populosos, a Federación de Peñas ten dereito a unha serie de billetes a prezo reducido por estar integrada en Aficiones Unidas, unha organización que agrupa á maioría de federacións do fútbol profesional. Por últmo, e por experiencia propia, nalgúns campos nos que non existe unha alta afluencia, é posible conseguir tiques a prezos reducidos nas billeteiras ou incluso falando con algunha peña ou colectivo do equipo rival.

Comparte:

Deja un comentario