Artículos

Carlos Pita: A dicotomía do capitán

por Ramón Rivas 24 julio, 2019
carlos-pita-capitan-cd-lugo
Tiempo de lectura: 4 minutos

Dende que aterrara en Lugo procedente de terras alcarreñas alá polo verán de 2010, nunca a figura do capitán Carlos Pita tivo sido tan relevante para a entidade albivermella coma nesta tempada que recén acaba de rematar.

Cumprindo o seu noveno curso consecutivo vestindo a zamarra do Lugo –como único xogador que perdura da etapa de Segunda B-, o dono absoluto do brazalete trala saída de Manu tomou mando en praza e botouse o equipo ás costas cos que sen dúbida son os mellores rexistros anotadores da súa dilatada traxectoria: 7 tantos e 2 asistencias de gol para termar dun equipo á deriva que por momentos parecía incapaz de dar sequera sinais de supervivencia.

Carlos Pita é o único xogador da plantilla que formou parte do ascenso no 2012

É de xustos recoñecer que Pita (AKA “este jugador del Lugo”) firmou unha tempada de notable alto na que mostrou, ademais desa templanza tan característica e das súas dotes para a distribución, un carácter e capacidade de liderado moi necesarias nun vestiario tan particular como o do ano pasado e un acerto cara a porta nunca antes visto, como xa suliñamos. Contan os que saben algo do que se move de portas cara adentro no Anxo Carro que foi o capitán, xunto con outras voces autorizadas como as de Seoane, Iriome ou Juan Carlos, os que colleron a iniciativa ante a inestabilidade institucional e se fixeron cargo do grupo para intentar guialo cara o obxectivo común que afortunadamente para todos se conseguiu acadar.

Ás portas dun novo curso, e mentras a masa social do clube anda ou andamos enredados coa reubicación dalgúns socios, coa reforma do Fondo Sur ou coa presentación das novas camisolas, parece que os profesionais da empresa que é o Lugo -e por isto enténdase dirección deportiva, corpo técnico e xogadores- se están a centrar exclusivamente no seu traballo e a cousa, polo momento, non pinta demasiado mal.

Trala desastrosa planificación de Emilio Viqueira, que estivo a piques de ceibarnos polo barranco abaixo (despois a ver quen é capaz de volver a arranxar por el), Manolo Mandiá estase a destapar como un home con siso e cabal que aínda que non aporta a gracia dos traxes de Emilio de Dios ou a fluida labia de Víctor Moreno si que parece saber moverse no mercado para confeccionar un plantel compensado, incorporando a xogadores que veñan sumar precisamente alí onde o equipo amosa ter máis carencias. Sen embargo, a aproximadamente un mes para que arrinque a competición oficial, perdura unha dúbida que nos asalta a moitos e que creo será de capital importancia no tinte que Eloy Jiménez lle queira imprimir ao seu equipo: Carlos Pita, o capitán, conta como central ou mediocentro?

Todo parece indicar que a idea de Eloy Jiménez pasa por ubicar a Pita no centro da defensa

Carlos Pita capitán da defensa?

Á vista do primeiro amigable fronte ao Celta, unido ás sensacións que nos transmiten todos aqueles que tiveron a oportunidade de achegarse a algún adestramento do equipo durante a pretempada, todo parece indicar que a idea do técnico de Hellín pasa por ubicar ao coruñés no centro da defensa, deixando así oco para outra única incorporación no eixe e outorgando o centro do campo a Seoane, Borja Domínguez e Jaume Grau máis algún eventual como Juan Muñiz, Campillo ou incluso o propio Hugo Rama cando regrese da súa convalecencia.

Isto supón de facto apostar por unha medular de moito máis ritmo que calquera combinación na que Carlos Pita forme parte do dobre pivote có outro capitán, Fernando Seoane, elección que pode ter moito sentido se Eloy Jiménez prosegue coa súa idea de fomentar o fútbol directo con Manu Barreiro como principal referente. Esta idea de xogo, que habitualmente busca ataques rápidos saltándose as fases de creación en campo propio e eliminando así os riscos que iso conleva, require dos centrocampistas unha elevada capacidade de fricción co rival, suficiencia para abarcar moitos metros á hora de xestionar as caídas e tamén talento defensivo para soportar todos aqueles momentos de asedio dun contrario ao que ti premeditadamente decidiche entregar o dominio do esférico. Ademais, nun sistema de 4-4-2 sen mediapunta, tamén cobra trascendencia o feito de contar con xogadores hábiles á hora de acompañar a xogada e de castigar dende a frontal da área, aspecto no que a incorporación de Borja Domínguez toma aínda máis sentido.

O coruñés acumula moi poucos partidos na élite actuando como central

Sen embargo, as dúbidas -polo menos no meu caso- recaen sobre o rendemento que o extraordinario futbolista que é Carlos Pita sexa capaz de ofrecer como defensa central nunha liña de 4. Cabe recordar que, salvo momentos esporádicos, ata finais do curso 17/18 baixo as ordes de Francisco nunca o coruñés fora seleccionado nunha aposta real e de inicio para actuar no centro da defensa e, aínda así, o número de partidos que acumula na élite en tal posición case se contan cos dedos dunha man. Cada posición dentro do campo conta cos seus automatismos (orientación ante balóns frontais e laterais, coordinación cos compañeiros de liña, etc.) e non son hábitos que se poidan adquirir dun momento para outro despois de moitos anos actuando nunha demarcación diferente.

Ninguén dubida da sobriedade e da aseada saída de balón que é capaz de brindar o capitán, pero tamén é certo que son dúas cualidades que xa posúen un futbolista consolidado como Vieira e outro que se pode converter en futuro valor do clube como José Carlos Ramírez, e ao que non conviría poñerlle obstáculos que impidan o seu crecemento. Aínda así, e sexa como sexa, a última decisión recaerá en mans dun Eloy Jiménez que se algo demostrou nestes meses á fronte do vestiario albivermello é que sabe construir os seus equipos dende atrás e que lle concede un papel preponderante á seguridade defensiva. Por tanto, non nos queda outra que confiar.

Fotos de Xabi Piñeiro para Lugoslavia.

Comparte:

Deja un comentario