Artículos

E ti, non vas estar agora?

por Colaboración 13 mayo, 2019
Tiempo de lectura: 2 minutos

Ti, que aguantaches penurias en Terceira División. Ti, que aguantaches todo o aguantable na 2ªB. Celebraches os goles de Azkorra, de Belencoso, aquel dereitazo de Quero. A maxia de Tornero ou de Marcos no centro do campo. O muro de Belfortti. Anos no fondo da táboa.

Ti, que soñaches vendo gañar unha liga para logo ver morrer ao teu equipo na beira do ascenso. Ti, que deches un exemplo mundial de saber perder.

Ti, que fuches a Cádiz, seguiches aquel día en Augas Férreas, na casa ou nun bar, fuches partícipe dos mellores anos da historia deste club. E ademais choraches co ansiado ascenso.

Ti, que viviches aquel fútbol de salón de Setién que namoraba máis aló do Anxo Carro.

Desprazácheste ao asalto ao Toralín, a Riazor, ao Molinón, ao Carlos Tartiere; algo inimaxinable cando camiñabamos por campos de lama.

Celebraches os goles de Joselu, de Caballero, de Óscar Díaz. Vibraches cas paradas de Yoel, de Dani Mallo, de Jose Juán.

Ti, que despedícheste de lendas eternas como Manu, e aplaudiches aos teus cando volveron á casa cunha camiseta rival.

Ti, que viviches o que é ser líder da Segunda División, pero tamén palpaches a outra cara da moeda caendo 6-0 en Girona, sendo eliminados no Villamarín, ou xogándote todo na última xornada contra o Mirandés.

Ti, que sempre estiveches aí, non vas estar agora?

Si. A ti. O teu equipo precisa dos teus folgos para as dúas xornadas na casa que son cruciais para poder recordar todo o anterior cun sorriso e non con bágoas. Demostremos que o Lugo está por riba de calquera persoa, de calquera circunstancia. Non son momentos fáciles, pero como sempre fixemos, imos saír desta estando unidos. Unha vez máis.

Acude ao partido e anima como sempre, ou como nunca. Emprega a túa voz para amosar o teu descontento se é necesario, pero non deixes ao teu equipo só cando sempre estiveches aí.

Si, ti, e o NOSO equipo. Unidos.

O Lugo somos NÓS, e iso non se expresa dende a casa. Que nos escoiten. Forza Lugo!

Comparte:

Deja un comentario