ActualidadCrónica

Afouteza albivermella

por Ramón Rivas 18 diciembre, 2018

Calquera afeccionado ao fútbol, e especialmente calquera afeccionado galego ao fútbol, terá oído a palabra “afouteza” nos últimos tempos. Aparecida na tradución ao galego do himno do Celta, popularizouse a raíz de que o cadro da cidade olívica a utilizase nunha das súas campañas de aboados, ata o punto de chegar a ser escollida Palabra do Ano 2017 nun concurso promovido pola Fundación Barrié e a Real Academia Galega. Na citada Academia, o termo “afouteza” aparece definido como: 1) Disposición do espírito que leva a actuar ou a acometer calquera empresa sen temor aos perigos ou dificultades. 2) Seguridade que alguén ten en si mesmo, carácter firme.

Honestamente, non se me ocorre unha expresión máis axeitada para precisar a actuación que o Clube Deportivo Lugo desempeñou este pasado domingo no Estadio dos Xogos Mediterráneos.

Porque, a pesares de ter sido claramente inferior ao Almería ao longo dos 90 minutos, unha serie de factores determinaron o descurrir do encontro e converteron o punto obtido polo Lugo nun exercicio de madurez competitiva, solidez defensiva e intelixencia neses momentos puntuais nos que se deciden os partidos.

Nin sequera se cumprira o minuto 10 cando Juan Carlos Real, un futbolista cun talento capaz de marcar diferenzas na categoría, sorprendeu a todo o mundo cun disparo inapelable ante o que nada puido facer o gardamallas lucense. Cando aínda non tivera tempo de asentarse sobre o campo, o Lugo xa se vía por baixo no marcador ante un rival moi difícil de batir cando actúa como local, tanto que soamente o todopoderoso Málaga foi quen de asaltar o Estadio dos Xogos Mediterráneos. Nembargantes, lonxe de arredrarse, os de Monteagudo reaccionaron con rapidez, e foi Escriche quen en primeira instancia obrigou a René Román a facer unha intervención de moito mérito para enviar o balón ao pao e evitar a igualada. Minutos despois, unha falta lateral maxistralmente botada por Juan Muñiz deixou a Josete en posición franca para rematar en boca de gol, cousa que evitou Yan Eteki cun agarrón demasiado evidente. O penalti, como vén sendo habitual, transformouno Cristian Herrera cunha seguridade pasmosa.

A partir daí o encontro entrou nunha fase de estabilidade ata que, no minuto 35, o colexiado César Soto Grado se encargou de modificar por completo o guión da función. Tan certo é que Luis Ruiz estaba xogando cun nivel de excitación por riba do adecuado como que o árbitro cometeu un error evidente ao deixar ao Lugo con 10 xogadores cunha hora de xogo por diante despois dunha acción tan laxa e incluso confusa. Muñiz situouse de lateral esquerdo para reparar o posible buraco, pero despois do entretempo Monteagudo xa se viu obrigado a facer unha modificación estrutural.

O plan do Lugo cambiou totalmente a raíz da expulsión

Retirou a Escriche e deu entrada a José Carlos para deixar ao equipo nun 4-4-1 de bloque baixo, que practicamente reducía as opcións do Lugo a resistir as acometidas do Almería e a intentar despregarse con perigo en momentos aislados. Aquí sobresaíron figuras determinadas como o sempre seguro Juan Carlos Martín, o bo momento de compenetración polo que atravesan Miguel Vieira e Josete ou un Ramón Azeez inconmensurable, a un nivel bastante superior ao de Seoane e que volve a demostrar que, cando está nun estado de forma óptimo, é un xogador de Primeira División. Á espera de coñecer o que sucederá cando regrese Carlos Pita, hoxe en día o nixeriano é o activo de máis nivel do centro do campo do Lugo, e non sería nada falto de sentido intentar esquecer todo o sucedido anteriormente e tratar de renovar (sempre dentro duns parámetros racionais) a un xogador de semellante valía. No aspecto negativo destacaron Campillo e Jona, dous futbolistas que non están a entrar nos plans do adestrador e que o domingo perderon bastantes puntos ao non resolver con acerto ningún dos dous contragolpes francos dos que desfrutaron e que de ben seguro puideron poñer ao Lugo en posición de vantaxe.

Os últimos minutos quedaron reservados ao terreo do difuso, onde os xogadores máis experimentados do Lugo tiraron de picardía e pouco a pouco foron desesperando á parroquia almeriense, desesperación que chegou ao seu momento álxido cando Soto Grado expulsou xustamente a Sekou Gassama por un cabezazo a Miguel Vieira, que tamén puxo da súa parte. Para ser honestos temos que recoñecer que instantes antes houbera un penalti claro de Josete sobre o atacante senegalés, pero dende logo o guión do partido non xustifica os numerosos comentarios de indignación da afición andaluza, que pareceu esquecerse de todas aquelas accións nas que o Lugo se viu seriamente perxudicado polo criterio do colexiado.

En fin, gran punto deste Lugo de Alberto Monteagudo, que tirou de afouteza para aguantar o marcador e que xa empeza a deixar atrás a etapa de Javi López e a dar mostras dun equipo sólido en defensa e vertical en ataque, premisas polas que apostou o adestrador manchego no día da súa presentación. Agora toca facer bo o punto o próximo sábado fronte ó Sporting, onde os afeccionados lucenses estamos obrigados a dar unha mostra de afluencia e nivel de animación dignas da visita dun xigante da categoría como o é o cadro asturiano.

Foto principal: CDLugo.com

Comparte:

Deja un comentario