Artículos

Cargando 4-4-2…

por Denís Iglesias 24 julio, 2018
Tiempo de lectura: 6 minutos

Xusto un intre despois do asubío do derradeiro partido da tempada, o seareiro xa ten a mente posta no regreso. Bota cálculos sobre o orzamento, as futuras incorporacións ou de canto lle custará renovar o abono… É un período curto pero que para os que toman isto como a súa vida é un mundo. Isto fai que chegue ó primeiro partido da pretempada cunhas expectativas que se alonxan do mundo no que viven os futbolistas, recén incorporados ó traballo. As novas incorporacións nin sequera saben como se chaman todos os seus compañeiros malia que o afeccionado xa fixo unha listaxe de todos os dorsais e xa indagou sobre as súas orixes.

O Lugo de Emilio Viqueira e Javi López abriu lume en Guntín fronte ó Vilalbés, unha das sensacións da Terceira galega o ano pasado. Podería ter sido un encontro sen ritmo, tedioso no que o calor fora a maior preocupación. Podería, pero para sorte dos 600 espectadores que estiveron no remodelado campo guntinés foi un choque no que o Lugo se esmerou no apartado ofensivo e que permitiu ver certas intencións do novo adestrador do Lugo. A primeira, que traballa de partida co 4-4-2, un cambio de discurso nun equipo que malia o continuo ir e vir de técnicos mantivo case sempre o sacrosanto 4-2-3-1 que deixou escrito Setién cando marchou.

O Lugo partiu con Cacharrón en portería, quen coa chegada de Alberto Varo queda relegado ó rol de terceiro porteiro. Segundo dixo Viqueira, o seu axente prefire antes unha saída que asumir esa función. É coñecido o interese de varios equipos madrileños, entre eles o Navalcarnero de Segunda B. Na defensa un nome xerou confusión. Varo formou no lateral dereito e algún pensou que a Javi López lle entrara complexo do seu tocaio Clemente ó tentar poñer un porteiro de lateral, como cando Molina xogara de extremo.  O escollido para cubrir un espazo que lle pertence a Leuko e a Campadabal, aínda renqueante da lesión que lle privou da segunda volta o ano pasado, foi Varo Fernández. É irmán de Borja Fernández, mediocentro do Celta (que tamén soou este verán como reforzo) que o pasado ano estivo cedido no Reus.

Varo foi presentado o xoves como novo xogador do filial. Un día despois de disputar 45 minutos coa albivermella, como se aquilo fora unha entrevista de traballo. Varo ven de xogar en Terceira co Alondras, polo que será un reforzo de garantías na primeira aventura do Lugo B nesta categoría. Tamén o será Antón Escobar, que foi oficializado canda el. Este é un reforzo para a dianteira, con 10 goles ás súas costas no Choco. Competiralle o posto a Fernando Cuadrado, quen, logo de ser o ano pasado o máximo goleador da Preferente ó superar os 30 goles.

No eixo da zaga estiveron Bernardo e Miguel Vieira. O cordobés veu falto de ritmo e aínda ten que atopar o ton mentres tenta darlle sentido ós cantos de serea que lle chegaban da súa cidade natal. Francisco, ex adestrador do Lugo, recoñeceu días despois da súa presentación que sempre “lle gustaría ter un Bernardo no seu equipo”, pero o varapau recibido polo Córdoba ó seu límite salarial, logo de telo saltado de xeito flagrante a semana pasada, pode ter pechado esa ventá.

O Getafe axexa a Kravets, pero terá que pagar a cláusula de seis millóns se quere facerse cos seus servizos

Quen ven de abrir unha fiestra para o fútbol español é o central portugués Miguel Vieira, que tan só un par de días despois de aterrar (en sentido figurado) en Lugo, formou de inicio. Fíxoo con bo desempeño, incluso repartindo ordes entre os seus compañeiros, ós que case non coñece. Pon en evidencia, de novo, que o fútbol é un idioma universal. Agárdanse grandes cousas del. Na banda esquerda, un que malia non controlar a lingua sabe xa á perfección de que vai isto. Vasyl Kravets quere comezar este ano con bo pe logo dun curso pasado no que non contou coa confianza de Francisco. Víctor Moreno incluso tentou darlle saída, pero dende a directiva impediuse este movemento. Polo momento segue a vestir a albivermella, para disfrute e confianza dos seareiros do equipo lugués, aínda que o Getafe amenaza con levalo, pero para iso terá que pagar os seis millóns que ten de cláusula. 

Creativismo máxico

No centro do campo a primeira aposta de Javi López foi polos homes de creación. Os que a tocan con máis esmero. Así formaron Sergio Gil, Carlos Pita, Juan Muñiz e Calderón. Por momentos, o ‘tempo’ no centro do campo foi guardiolesco, segundo informou Ramón Rivas, que estivo presente no partido de Guntín. Calderón é o nome máis descoñecido nesta nómina. O de Almansa ten diante de si unha gran oportunidade. O ano pasado estaba a xogar na Terceira madrileña e agora loitará por un posto no primeiro equipo dun club que milita na categoría de prata.

Na punta de ataque, Javi López descubriu unha das súas cartas. A priori, tentará buscar unha dobre parella atacante. Na primeira metade probou con Dongou e Jona. O que mellores sensacións obtivo foi o atacante camerunés, que atopará no vestiario do Lugo un aliado no seu compatriota Serge Leuko. Ambos os dous sairon da Fundación Eto’o, o gran manantial de talento de Camerún. Dongou ven de varias malas campañas co Real Zaragoza e co Nàstic. Unha gravísima lesión en pretempada cando era xogador maño tenlle impedido consolidarse na categoría de prata. Por iso que que ser de quitare a preguiza do gol tan rápido é un bo xeito de encarar o curso con máis confianza. Fixo dous tantos e a súa actuación convida a máis.

Este ano haberá máis competencia que nunca na dianteira: Jona e Dongou súmanse a Herrera mais Escriche

Non estivo igual de atinado Jona, quen ven cunha etiqueta de ‘gafe’, porque a case todos os seus ex equipos lles sucedeu algo. Ben descensos ou falta de consecución do obxectivo do ascenso. En Lugo estamos especializados en ter amuletos contra o mal de ollo. Case que todos os veráns veñen xogadores con malas experiencias ás súas costas que atopan na cidade amurallada un lugar para redimirse. A falta de presión aparente, nunha categoría onde os pasados pesan máis da conta, axúdalles. Este ano semella que haberá máis competencia que nunca na dianteira do Lugo. Alén destes dous nomes, hai que contar co de Cristian Herrera (mais Escriche), quen tamén fixo un tanto, na segunda metade. O canario non fixo grandes números o curso pasado. Só marcou sete goles que, aínda así, lle valeron para ser o máximo artilleiro do equipo. A chegada destes dous perfís, e a apertura dunha dupla arriba, será un acicate.

Canela en Rama

Na segunda metade o equipo cambiou case por completo. Xogaron os outros dous porteiros, Alberto Varo e Juan Carlos, entre os que estará hipotéticamente a loita pola titularidade. De Juan Carlos non hai moito que dicir que xa non se saiba. Tamén foron os primeiros minutos para homes como Gustavo Quezada (improvisado central, malia ser central) ou Rayco (xogador de segunda liña, chegador), fichados para compaxinar o primeiro equipo co filial. Os dous teñen pasado polas categorías inferiores de equipos de Primeira como o Getafe ou o Betis e buscan no Lugo unha oportunidade na categoría de prata.

Pedro López parece non ter oco no primeiro equipo despois de ver o seu dorsal, algo que prometera Víctor Moreno ex director deportivo do Lugo

Recibiu bastantes boas críticas Hugo Rama, o máis positivo que se levou o Lugo do convenio co Cerceda. Un medio con bo manexo de balón. Terá tamén as súas oportunidades, algo que tamén debería ser aplicable a Pedro López. O central lugués, quen xa debutou o ano pasado co primeiro equipo fronte ó Reus, xogou a segunda metade. E no medio da nómina dos que poden quedarse ou marcharán un Dani Escriche cuxa situación no equipo ten mudado de xeito radical. Nuns pasou de ser un estilete na Preferente, co filial albivermello, a ter fichado polo Huesca de primeira na que pode ser a venta máis importante do CD Lugo. Está por ver se se confirman os máis de 800.000 euros dos que deron conta varios medios pero que Viqueira non quixo confirmar: “Non vou dar nunca cifras”. Será a Xunta de Accionistas a que permita ver nas contas o montante destas operacións, unha xunta á que só acostuman a acudir catro gatos que miañan o que poden.

Teñen aínda moito que rodar os rivais do Lugo nesta primera cita, pero o Racing Vilalbés volverá a ser un exemplo en Terceira de confianza na xente da provincia. Javi Pita, os irmáns Varela, Make, Edrosa… Liña por liña un é consciente de que apoiar a este equipo é apoiar a toda unha provincia. Iso mesmo debería ser o Polvorín – CD Lugo B, un escaparate e trampolín para os mozos da provincia e nun abrigadoiro para xogadores doutras latitudes que buscan integrarse la estrutura dun club profesional.

Ficha técnica:

CD Lugo: Cacharrón; Varo, Bernardo, Miguel Vieira, Kravets; Calderón, Pita, Sergio Gil, Juan Muñiz; Dongou y Jona. Tamén xogaron: Alberto Varo, Leuko, Pedro, Gustavo Quezada, Luis Ruiz, Iriome, Seoane, Hugo Rama, Rayco, Escriche, Cristian Herrera, Juan Carlos e Kike.

Racing Vilalbés: Javi Pita; López, Cadenas, Xusto, Álex; José Varela, Javi Varela, Make, Mario; Arón y Vizoso. Tamén xogaron: Vérez, Clemente, Javi Ballesteros, Samuel, Diego Rey, Juan de Dora i Edrosa.

Marcador: 1-0, min.20: Dongou; 2-0, min.26: Dongou; e 3-0: min.64: Cristian Herrera.

Incidencias: encontro amigable de pretempada disputado no campo do Ladaoiro (Guntín), diante de 600 espectadores.

Comparte:

Deja un comentario