Artículos

Cemiterio de canelóns

por Denís Iglesias 10 abril, 2018
Tiempo de lectura: 5 minutos

Os arxentinos teñen unha capacidade espectacular para o insulto. Dominan todas as paráfrases ofensivas e sábense cada un dos xiros que permite o improperio. Por iso é un espectáculo ver as redes sociais cando perde a selección Arxentina. Eles chámanlle putear a ese arte descoñecido no que se recollen citas como “¡Movete, que te va a mear un perro!”, “¡Tenés menos definición que Atari, cabrón!”, “¡Sos más feo que un Twingo!”. O último ‘hit’ veu logo da derrota diante de España por 6-1. Trátase de: “¡Cementerio de canelones!”, referido a Higuaín, dianteiro da Juventus. Nin falla fai explicar as razóns e a motivación do insulto.

 

O fútbol é un dos poucos espazos que aínda quedan para o políticamente incorrecto. Aínda que como todo, cada vez con máis mordazas. A ningún afeccionado se lle permitiría distribuir de modo tan duro as súas frustacións en ningunha outra das súas tarefas diarias. Ben, claro está, se non quere recibir unha hostia. A LFP elaborou unha normativa coa que pretende combater este regueiro de odio. O texto en principio estaba focalizado para poñer coto á xenofobia, o racismo e á violencia. Cada semana, diferentes grupos seguen a entrar con símbolos que alentan os dous primeiros horrores, malia que os observadores da propia institución teñan sinalado esta situación, e tamén denunciado cantos dese corte nalgúns estadios. Máis aló diso, tense utilizado nalgúns casos como un reglamento que impide a protesta contra a propia LFP, ben sexa con cartaces, berros ou calquera outro tipo de acción. Incluidos árbitros, xogadores de calquera outro estamento.

Sen folla de reclamacións

O Anxo Carro é un estadio tranquilo, para o bo e para o malo. Déixase levar polas accións do partido e poucas veces ten un carácter preconcebido. Ese que sirve de reforzo nas grandes citas. Nunca é unha caldeira, até que a prenden, como sucedeu este domingo diante do Real Oviedo. O seareiro non ten moita máis forma de protestar que berrando no campo. Segundo os que dirixen este deporte forma parte dunha industria de entretemento da que é consumidor, pero non parece que unha demanda a Consumo por unha arbitraxe como a de Moreno Aragón poida prosperar.

O Lugo foi sancionado en contadas ocasións, como cando o Girona de Sandaza visitou o Anxo Carro en 2015

Unha das poucas sancións que recibiu o Anxo Carro foi en 2015 logo da visita do Girona. O Lugo foi denunciado a Antiviolencia despois de que o público berrara “Mans arriba, isto é un atraco”, “árbitros cabróns, até os collóns”, alén de dicirlle ó ex albivermello Fran Sandaza, “paiaso, paiaso”, logo de que este insinuara que o Lugo estaba comprado cando lle fastidiou o ascenso ó equipo catalán. Entre unha copla mítico de calquera deporte e unha denominación profesional anda o límite do humor actual. Por suposto que haberá formas máis elegantes de amosar a frustración, e de aí que o fío a seguir sexa o modelo arxentino. Un compendio de expresións tan requintadas que fagan difícil a súa catalogación.

No fútbol non hai folla de reclamacións polos servizos recibidos. Non se pode catalogar en Tripadvisor a labor arbitral. Nin sequera en Filmaffinity están as malas películas que montan algúns no campo. Que menos, entón, que dende a distancia un poida queixarse do pésimo circo que ás veces se monta. Xa que pan non dan, nin viño onde mollalo, porque un ter que vir comido e bebido da casa. Hainos que queren converter nun cemiterio de canelóns a aqueles que se mollan para ver fútbol, para ver ó seu equipo a centos de quilómetros, onde se deixan os aforros que non teñen. Queren estómagos agradecidos aínda que lles sirvan croquetas conxeladas e llas vendan como da casa, o mesmo que fan coa parcialidade de trato cara uns e outros equipos. Comer, calar e aceptar o discurso de que todos os colexiados se trabucan.

Sábese que o Lugo está ninguneado cando non dan unha na retransmisións ou cando non aparece nas quinielas malia ter estado arriba un bo número de xornadas

Sábese que o Lugo non lle importa ós arquitectos da competición cando nunca estivo nas quinielas da promoción malia pasar máis tempo nesa zona que a maioría. Ou cando as retransmisións que protagoniza o Lugo están cheas de imprecisións e datos sen comprobar, malia que o equipo leve seis temporadas seguidas en Segunda, máis que, por exemplo, o conxunto o ovetense. Este ateísmo nun mundo no que moitos se cren deuses tivo tamén cousas positivas como non verse alineado en ningunha rivalidade directa con outros conxuntos de Segunda.

Todo para recibir a estima que non queren

Unha rivalidade ben entendida até pode servir de alimento para medrar. Pero ten que ser sincera e asentada nalgún feito. O Girona quixo tecer un fío co frustrado ascenso e resulta comprensible. O que non é tan razoable é que parte dos seareiros ovetenses vexan un amiguismo entre o Sporting e o Lugo porque o segundo lle facilitou o ascenso ó primeiro naquela mesma tarde tensa en Montilivi. Os amigos dos meus inimigos son os meus inimigos é algo que nesta cidade non se entenda, que se viu no medio dunha dicotomía intensísima como a que enfronta ós equipos astures.

A vitoria fronte ó Lugo nas circunstancias que se produciu non é para sentir orgullo

Pola contra, si son episodios que xeran controversia os vividos este domingo no Anxo Carro. Outra casualidade, porque o protagonista real foi o colexiado. Mais un tende a recordar os malos momentos acordándose dos que non lle axudaron ou o que é peor, dos que se riron da súa desgraza. Comentaba acertadamente Pablo Durán na súa contracrónica de El Progreso que o colexiado tivo sempre claro para onde tirar e de que color era cada camiseta no campo. E lamentaba que parte dos que vestían de azul tiveran carraxe para fretarlles pola cara ós de Lugo, “a los que no se les conoce enemigo”, ter gañado así: por 0-1, cun gol que ven propiciado por un fóra de xogo, cunha expulsión rigorosa que non tivo a súa correspondencia rival e cunha actitude persoal cara o corpo técnico local. A situación é para sentir ben pouco orgullo.

Unha mágoa porque o Real Oviedo ten moito andado para ser un club amigo e aprezado polo mundo futbolístico adiante. Ségueno baluartes do xornalismo deportivo como Sid Lowe. Tragou moita lama en Terceira, da que lle custou un mundo sair mentres tiña que desputar derbis contra o Sporting B. Tivo mercenarios a soldo vivindo a corpo de Rei nas súas filas. Tivo que facer fronte ás institucións e facer acopio de capital (propio i estranxeiro) para sobrevivir. Tivo que ver como o Tartiere era un cadaleito… Hai exemplos como o Rayo ou o Cádiz que son equipos que pola súa xenética de loitadores e de ter unha masa volcada caen ben. Incluso a aqueles que poden percibir cerca ideoloxía no seu actuar. Porque son, diante de todo, conxuntos humanos que se sinten orgullosos por si mesmos. E como sucede no mundo real, quererse a un mesmo e saber de onde un ven é o primeiro paso para querer ó resto…  

Comparte:

Deja un comentario