Artículos

15 minutos tarde

por Xabier Piñeiro Neira 31 diciembre, 2017
Tiempo de lectura: 3 minutos

De Lugo hai que sair pero non irse nunca. Sair durante días, meses ou incluso anos. Coller a A6 e non mirar hacia atrás, coma Lot huindo de Sodoma, con medo a converterse nunha estatua de sal.

E volver. Volver de cando en vez, pero o xusto para pasar un informe de danos, o xusto para comprobar que os teus seguen ben, que todo está no seu sitio, que todo vai coma sempre.

Porque en Lugo non cambia nunca nada. Non cambian as rúas, nin os costumes. Non cambian os bares nin as casas, e, sobre todo, non cambia a xente. En Lugo sempre seremos os nenos que eramos no patio do colexio e nas pachangas do barrio. Non cambia nada.

Co paso do tempo, ves que os grupos de amigos funcionan igual con 5 anos que con 20, con 20 que con 40, con 40 igual que con 70. En Lugo nada cambia, en Lugo as cousas perduran, porque non queremos cambiar, non nos interesa. Gústanos como somos, como funcionan as cousas e como están establecidas. Aquí as amizades son de por vida, os veciños son para sempre e a familia está por riba de todo, a de sangue e a que se escolle, a parroquia do bar vai mutando por selección natural, pero non cambia.

Lía nun artigo fai uns días que Lugo vai entrar tarde no 2018 porque o reloxo do Concello vai un cuarto de hora atrasado. E que? Déixao que vaia. A quen carallo lle importa o paso do tempo desta terra? Que 2018 chegue cando lle de a gana.

Voltar a Lugo e botar unha ollada dende a fiestra do Alsa é ver unha cidade estancada, que non vai nin para adiante nin para atrás. Somos inconformistas dentro do conformismo, ainda que non haxa Dios que entenda esta reflexión. Voltar a Lugo é baixar ó Anxo Carro e ver as caras de sempre, ver que animan os de sempre, que todo vai coma sempre.

Que non nos cambien o Lugo

O problema ven cando o de sempre nolo cambian. Non nos gustan os cambios, porque o noso, é noso tal como está. Non entendemos a evolución como tal. Gústanos evolucionar sen cambiar, ainda que sexa complicado. Este non é o noso Lugo, por moito que tratemos de querelo coma quen quere a un sobriño rabudo.

Este clube medrou a base de humildade e cercanía, de esforzo e normalidade. Este equipo fíxose querer porque aquí se facían as cousas ben. Isto era unha familia.

Non nos interesa que Tebas nos dea palmadas no lombo nin  terlle que vender nada ós chinos

Cambiar isto é un erro grave, é ir en contra dos principios fundamentais dunha masa social á que lle ensinaron a amar o contrario. Non queremos mercadotecnia. Non nos interesa que Tebas nos dea palmadas no lombo nin venderlle nada ós chinos. Queremos que pelexen por nós para nós pelexar por eles, queremos xogadores e adestradores que nos queiran.

E pode que por iso esta sexa a mellor temporada do CD Lugo de sempre. Porque, señores, por números este é o mellor momento da nosa historia. Temos xente comprometida remando nunha mesma dirección. Merecen que lles respondamos coa mesma moeda. Que esté na silla quen esté.

Que non nos cambien o Lugo. Non nos gusta. Non queremos un Lugo distinto, queremos un Lugo mellor, pero mantendo a esencia, porque aquí ensináronnos que os resultados chegan facendo as cousas dende o corazón e o traballo, aquí o tempo danos igual.

2018 pode ser histórico, pero ollo coas bases sobre as que se está escribindo a historia, que a veces o que parece hormigón é engrudo.

Feliz Ano, parroquia.

Comparte:

1 Comment

María del Carmen 1 enero, 2018 at 21:53

Mi enhorabuena por ser como sois porque la gente sana la de corazón en todos sitios caben desde Málaga Andalucía somos muchos los que seguimos al CDLugo y yo de corazón digo #ForzaLugo

Reply

Deja un comentario