Artículos

Sacho sen glifosato

por Denís Iglesias 29 noviembre, 2017
Os seareiros do CD Lugo reciben ós xogadores antes do partido co Osasuna | Foto: LaLiga.
Tiempo de lectura: 4 minutos

Este pasado luns a Unión Europea renovou por cinco anos o uso do glifosato, que se utiliza na agricultura, por exemplo, para rematar coas malas herbas. É o elemento deste tipo máis usado no continente. “A química”, como lle dan en chamar os que teñen as mans cheas de terra. “É barato, eficiente e evita o uso doutros produtos posiblemente máis contaminantes”, din dende Asaja (Asociación Agraria de Jóvenes Agricultores). “Hai alimentos con restos deste herbicida. A súa presenza pode ser canceríxena para os seres humanos, prexudica ó sistema endocrino e reproductor masculino”; teiman dende Greenpeace.

No fútbol tamén se usan fertilizantes como o agasallo de entradas, enchentas previas ós encontros ou promocións con todo tipo de motivos e porcentaxes. Materia de engorde que non sempre se traduce en músculo, máis ben en graxa. Por iso non hai abono máis natural i efectivo que os bos resultados e a comuñón entre plantel e xogadores. Que isto é Lugo e que aquí hai que sachar é algo que se ven comprobando dende hai unhas xornadas, nas que a bandeira albivermella ondea máis alto.

O Lugo – Osasuna deixou máis verde aínda a eira na que Francisco cultiva o soño desta provincia na que o sector primario é vida. O pasado domingo rexistrouse unha entrada de 4.700 espectadores que superou a incentivada do Córdoba, no remate do San Froilán, que xa tiña na data suficiente reacción química para provocar unha suba. A isto habería que engadirlle que foi un encontro no que houbo oferta de entradas. 

A afección respondeu. Tanto no recibimento perpetrado antes do encontro coma co mesmo partido. O Anxo Carro está lonxe de ser unha caldeira, pero si está a corresponder o esforzo deste núcleo que transmite unhas sensacións inmellorables. O bengaleo previo, os cánticos durante todo o choque, os xantares cos seareiros do Osasuna… Todo evidencia que esta afección está collendo corpo e identidade propia. Ser do Lugo xa non é unha anomalía. 

Malia que aínda sexa novembro, o equipo de Francisco resiste ben as xeadas. Os banquetes de ledicia (e puntos) que están a encher o bandullo do Lugo son motivo suficiente para celebrar o presente. A prudencia e o carpe diem tentan cubrilo todo, pero os datos desprovistos da súa cáscara máis sentimental evidencian que a permanencia é xa, a estas alturas, un obxectivo matemáticamente probable.

Se hai algo que diferencia a este equipo do de anos anteriores é a súa capacidade competitiva. Aínda tendo en conta os primeiros partidos sen goles e sen puntos, é difícil poñerlle a etiqueta de vergoñento a algún dos duelos disputados até este momento. Outrora o equipo era feble, tanto no aspecto físico como mental que van completamente asociados nun deporte intenso coma este. A fuga de puntos dos últimos minutos era tan flagrante que estragaba toda a colleita das primeiras partes.

Este Lugo construiuse con tantos nos últimos encontros. Golpe a golpe, verso a verso agora é quen de dar en calquera fase. Francisco vai camiño de confirmar esa condición de psicólogo que lle outorgaban cando foi presentado. O adestrador andaluz cotiza á alza nun equipo polo que ninguén apostaría os seus aforros a comezo de tempada. Este ano existe un bloque pétreo no que as pezas encaixan á perfección, tal e como están a demostrar os trocos, que sen ser excesivos, se aplican cada semana, na maior parte das ocasións por motivos como lesións.

Non por iso Francisco deixa de ser meritócrata e cando a insistencia e o traballo diario se manifestan, o xogador que pregoa con estas aptitudes tenas todas consigo. Esa confianza no esforzo é a que lle está facendo medrar a xogadores como Cristian Herrera. O outro día anotou o seu terceiro gol da tempada e xa supera as cifras do seu mal ano anterior. Por detrás, moitos quilómetros no verde perseguindo o balón e sombras ó comezo; e agora presionando e abrindo ocos para os seus compañeiros. Máis atento ó erro, o truco máis eficaz desta categoría. O tanto é froito dunha boa presión que un ve no seu mapa de calor, con continuos apoios a Campabadal na parte final do encontro, logo da saída de Iriome.

A aperta do banco despois do gol do canario é un vivo retrato da unión que reina no vestiario albivermello. Nunha competición na que a clasificación vale de pouco, na que calquera equipo pode gañarlle ó outro, o Lugo ten afiado unha regularidade case anormal, con poucos baixóns emocionais e moita implicación do grupo. Contaba Suso Ramada que este conxunto lembráballe ó de Julio Díaz, competidor por natureza, e ten razón. Un grupo de anónimos que, con extrema naturalidade, están esfolando viva á esta división tan besta.

Nin así o Lugo vai reunir máis titulares dos xustos e dos que marca a axenda. Porque non hai nada exótico ou estraño ó que sacarlle punta. Nin unha estrela que sirva de artigo determinado para construir as frases que se desprenden dos seus triunfos. Só os que viven o día a día desta cidade e deste club son quen de ponderar o éxito. Nun profundísimo silenzo tamén aqueles para os que Juan Carlos era un paria goleado ou Campabadal un lateral escacharrado, dous reforzos cociñados por Víctor Moreno. Este plantel era segundo os gurús que son quen de ver 20 partidos á vez un candidato ó descenso. Hoxe o sacho ferve e fende na terra un rego do que pode brotar unha tempada de ensoño na que de seguro fame non imos pasar. E como diría Ramón Cabanillas, esta é a aldea que traballa disposta pra loitar. 

Comparte:

Deja un comentario