ActualidadArtículos

Progresión aritmética

por Denís Iglesias 31 julio, 2017
Tiempo de lectura: 4 minutos

No verán a xente decide inverter as tardes do domingo en múltiples opcións. Hainos que fan un curso acelerado para converterse en caranguexos. Outros apuran as horas nalgunha das múltiples festas gastronómicas que, no caso galego, están en cada desvío dunha estrada nacional. E logo figuran aqueles que pagan dez euros por ver un adestramento con xogadores profesionais, que visten equipacións oficiais. Iso que chaman partidos de pretempada, cando non lle poñen o nome dalgunha autoridade local para darlle carácter de torneo.

O terceiro partido de preparación do Lugo diante do Racing do Ferrol resultou, como o encontro fronte ó Compostela, unha pachanga institucionalizada. Coma cando xogabas na liga interna do colexio contra un equipo doutro curso. Pero como daquela, o maior está obrigado a gañar para non sementar dúbidas. E así o fixeron os de Francisco, que pasaron por riba dos departamentais co piloto automático, descifrando os trazos elementais do que poderá ser o equipo da vindeira tempada: bo trato de balón, inmersión por bandas e presión alta.

No bando contrario, o ex albivermello Tena configurou un once como puido. Con seis baixas e reforzos por chegar que obrigaron a xuvenís como Aitor Pascual, Sergio Otero ou Luis Rodríguez a tirar do carro. É inevitable que iso non se note no campo, aínda que estes rapaces tiveran oito encontros máis de preparación que os xogadores do conxunto lugués.

Aluvión dende os primeiros intres

A barricada ferrolá non tardou en arder e Fede Vico inaugurou o marcador cando aínda non se cumpriran dez minutos. O cordobés aproveitou un rexeite logo dunha botada por Campillo. Ratificou unha secuencia de bo xogo que está a desenvolver no que leva transcurrido de pretempada. De fóra cara adentro é un xogador sobresaínte, que amosa con eses modos ter alma de mediapunta. No partido contra o Racing estivo en todas. Non houbo xogada ofensiva de perigo que non pasase polas súas botas.

Co 0-1 os locais tiveron a ocasión más clara. Logo dun erro de Kravets na cobertura, Luis Rodríguez encarou a Roberto, que por dúas veces nun man a man conseguiu desviar o disparo do xuvenil ferrolán. A destacar os espaventos que o ucraíno realiza para marcar as xogadas a balón parado, dignos dun bailarín de zumba. Esta curiosa forma valeulle os agarimos do público desprazado malia o seu erro. O mozo do leste devolveu o abeiro cun sorriso e cunha chiscadela.

Iriome Lugo Ferrol

Iriome loita por un balón diante dun rival | Foto: CD Lugo.

Malia que a megafonía da Malata anunciara a Joselu como titular, aínda que algún lle tentamos buscar parecido con algún dos que iniciou, o de Ribeira entrou dende o banco na primeira parte para sustituir ó lesionado Sergio Otero. O dianteiro galego, cobizado polo Lugo en tempos, deulle un punto máis de mordente ó ataque verdibranco, pero insuficiente para que o Racing collera a batuta do encontro. Coa vitoria pola mínima chegouse ó descanso.

E comezou a búsqueda infrutuosa dun bar que nunca houbo na zona visitante. Tan pouca era a expectativa para este partido que nin o rapaz que traballa nese curruncho se persoou. Os visitantes desprazados tiveron que pedir que lles abrisen unha reixa, ó máis puro estilo Prison Break, para pedir no bar local unha riquísima cervexa sen alcohol. Como curiosidade, había racións de pizza durante un tempo limitado. E tamén dous furgóns de antidisturbios, como medida de prevención contra os dez seareiros lugueses desprazados. Cousas dunha vella rivalidade apagada… E da pretempada.

Pistón Azeez

O Lugo ampliou a súa mellor versión no segundo acto, no que os cambios reforzaron máis aínda o dominio dos forasteiros. Iriome ampliou distancias ó pouco da reanudación logo dunha boa xogada de Kravets na área, que controlou, regateou e orientou para servirlla ó seu compañeiro, famento de goles.

O aumento da influencia ofensiva dos de Francisco foi posible grazas a Azeez, que entrou xunto con Sergio Gil para ocupar o dobre pivote. O internacional nixeriano xoga cunha velocidade mental por enriba de moitos. Supera ó contrario por superioridade física pero tamén ten cerebro para distribuir o coiro. Só nove minutos despois Campillo culminou unha boa contra. O mediapunta madrileño foi sustituido ó pouco. Tamén Kravets e un Cristian Herrera, que non conseguiu asociarse como con Sergio Gil no encontro diante do Compostela. Entraron Luis Ruiz, Guille Donoso i Escriche.

Escriche está a loitar con todo por un posto no primeiro equipo

O último, o xogador de Burriana, non está a desentoar nesta a súa primeira pretempada co primeiro equipo. Francisco só optou por Pedro López e por el como opcións valedeiras da canteira para completar o equipo. O andaluz non quere figuras de recheo, senón opcións reais das que poder tirar ó longo do curso, ou, quen sabe, xogadores que poidan compatibilizar a presenza no primeiro plantel co filial. Escriche está a facer todo o posible para que esta non sexa unha experiencia transitoria. Pelexa cada balón como se fóra o último e magóase cando erra un tiro, como neste encontro, no que lle tocou formar en punta de ataque ante a escasez de efectivos nesta parcela.

Precisamente, un dos últimos en ingresar, Sergio Gil, dispuxo da última gran oportunidade. Ian Mackay sacou unha man milagreira para evitar un remate sen apelación do zaragozano. O colexiado non quixo nin tivo motivos para alongar o partido e en cantou viu que o reloxo marcaba o 90 pitou para certificar a progresión aritmética dun Lugo que dende o inicio da pretempada, aínda que sexa ós poucos, non deixa de sumar.

Ficha Técnica

Racing de Ferrol: Néstor (Ian Mackay, min. 46), Aitor Pascual, Churre (Martín da Lama, min. 70), Nano (Iván Pérez, min. 70), Borja Freire; Gonzalo, Joseba Beitia, Sergio Otero (Joselu, min.35), Luis Rodríguez Chacón (Carlos Díaz, min. 58), Fran Sota (Edu Blanco, min. 63) e Mendi.

CD Lugo: Roberto; Leuko (Azeez, min. 46), Campabadal, Miquel, Kravets (Luis Ruiz, min 66); Carlos Pita, Seoane (Sergio Gil, min. 46), Iriome, Fede Vico, Campillo (Guille Donoso, min. 66) e Cristián Herrera (Escriche, min.66).

Marcador: 0-1, min 7: Fede Vico; 0-2, min 53: Iriome; e 0-3, min 62: Campillo.

Árbitro: Víctor García Villaverde (Ferrol). Amosou amarela ó local Joseba e ós visitantes Seoane, Pita e Ignasi.

Incidencias: amigable disputado na Malata, diante de medio milleiro de seareiros.

Foto principal: CD Lugo.

Comparte:

Deja un comentario