Actualidad

Convidado de pedra

por Denís Iglesias 11 junio, 2017
Tiempo de lectura: 3 minutos

Calquera lugués que decida emigrar a Alcorcón poderáo facer sen problema. O fútbol, como ocorre en Girona, non vai ser un impedimento nin unha diana para improperios. Non, despois do sucedido este sábado en Santo Domingo, onde o Lugo case que lle puxo a alfombra vermella a un equipo necesitado. Os de Velázquez, que precisaban gañar para manter a categoría, acadaron un 3-0 limpo, sen fisuras, que obrigou ó Nàstic e ó UCAM a xogarse a salvación.
O Lugo, agás nun pequeño tramo da segunda parte, nunca deu a sensación de ir a polo partido. Adoeceu dunha gran falta de intensidade que lle permitiu porse en vantaxe ó Alcorcón ben cedo. Álvaro, de cabeza, aproveitou unha asistencia de Tropi. Non atopou oposición no remate. Se este partido se usara como referendo, a maior parte do plantel albivermello tería o ‘non’ á súa continuidade como resposta.

A primeira parte deixou ver unhas carencias gravosas no xogo combinativo ou na intensidade defensiva. Dúas materias pendentes malia que o equipo finalice a tempada nunha histórica novena posición, a mellor da súa historia. O Alcorcón puido, pero non deu, liquidar o partido antes do previsto. Ou do que se preveía se se ten en conta a historia do Lugo nos últimos partidos de tempadas anteriores.

Accións como as de Pablo Pérez, coa testa armada, só, sen marca, na área, poñían en evidencia a mansa imaxe do Lugo. Só se remexían diante das circunstancias xogadores como Yelko, que pretendeu, até o cambio, finalizar o curso con outra actuación honesta. É dos poucos que cotizou á alza nun final de curso que se fixo máis longo do esperado. Agora está por ver se para a vindeira tempada Luis César aposta por el na súa posición natural, na mediapunta, e non botado a banda, onde, malia non ser o seu hábitat natural, exerceu con valentía e descaro o seu rol.

É, precisamente o mediapunta titular, Campillo, o que expresou un final de campionato máis gris. Un dous poucos xogadores ó que Luis César non deu relevo. Logo dun inicio explosivo, con goles e asistencias, o madrileño diluise en actuacións de pouco aporte. Contra o Alcorcón non foi unha excepción. O cadro impresionista do Lugo en Santo Domingo, máis manchado que definido, fixo que o campo madrileño botase, case todo o partido, celebrando un triunfo anunciado.

Dez minutos duraron as inquedanzas do Alcorcón na segunda metade. O que tardou David Rodríguez, o seu máximo artilleiro e un dos referentes, o segundo tanto do partido. Ver repetido ese gol doe. Polos espazos deixados na contra, pola facilidade coa que o dianteiro se da a volta na área… Un tanto que ningún equipo debería conceder, aínda que vaia perdendo 5-0.

Luis César clausurou o encontro cun triple cambio, un movemento digno do FIFA. Non era a primeira vez que o facía. Causou efecto nulo. Só Igor Martínez xerou unha ocasión que puido supor un gol da honra, por chamalo dalgunha maneira. O vitoriano presentou máis ansias logo dunha tempada na que permaneceu practicamente inédito por unha lesión dun pé da que os partes médicos non aportaron case información.

A festa alcorconera completouse cun tanto de Toribio noutra cobertura defensiva inapetente. Víctor Moreno ten traballo por facer para reforzar a zaga, unha das parcelas máis tremebundas deste ano. Velázquez puido utilizar ata os cambios para que o campo ovacionase ós xogadores destacados. Un partido con historia para eles e sen a mesma para un Lugo convidado de pedra que xa estaba de vacacións.

Ficha técnica

Alcorcón: Dmitrovic; Nelson, David Navarro, Elgezabal, Bellvís; Iván Alejo (Óscar Plano, min.84), Toribio (Kadir, min.88), Tropi, David Rodríguez (Víctor Pérez, min.73); Pablo Pérez y Álvaro Giménez.

CD Lugo: Roberto; Leuko (Igor Martínez, min.58), Miquel, Carlos Hernández, Manu; Carlos Pita, Sergio Gil; Jordi Calavera, Campillo (Pablo Caballero, min.58), Yelko Pino (Fede Vico, min.58); y Joselu.

Marcador: 1-0: min.15, Álvaro Giménez; 2-0: min.53, David Rodríguez; 3-0: min.82, Toribio.

Árbitro: Alberola Rojas (Comité castellano-manchego). Amonestou a Álvaro Giménez (min.75), do Alcorcón; e a Ignasi Miquel (min.40), do Lugo.

Incidencias: partido correspondente á xornada 42 en Segunda División. Disputado no Estadio Santo de Santo Domingo. Case cheo.

Comparte:

Deja un comentario