Actualidad

Play-OFF

por Denís Iglesias 27 mayo, 2017
Tiempo de lectura: 2 minutos

Luis César Sampedro borrará do seu discurso a palabra ‘playoffs’. Xa poderá sustituir a mesma por ‘vacacións’, ou por ‘vindeira tempada’. A derrota diante do Huesca deixou ó Lugo sen opcións para meterse entre os que aspiran a soñar co ceo da Primeira, algo para o que o conxunto oscense mercou billetes. Os de Anquela saíron a gañar dende o intre inicial e acadaron o seu propósito pola mínima, logo dunha contra inicial que Samu Sáiz rematou con acerto.

O Lugo repetiu outra mala entrada no partido, algo que lle ven pasando máis a cotío do que lle gustaría nesta tempada. Falta de intensidade. Erros na colocación. Ou simplemente un despiste na zaga. As causas son diversas pero sempre acaban cun gol en contra moi cedo. O Huesca, malia a calor, quixo acender o partido como sabe: con voltas e reviravoltas nas áreas e cravou o pico antes do que se esperaba. Os de fóra foron as ganas de comer e os da casa a fame.

Samu Sáiz culminou unha contra conducida por Brezancic e Borja Lázaro que puxo en evidencia unha das grandes carencias do Lugo como é a consistencia defensiva. Os de Luis César replegaron como cantando o Miudiño e a falta de axudas entre liñas abriu cedo a porta da victoria local. O que veu despois foi un monólogo oscense de continuos disparos que non conseguiron agrandar a conta.

Na segunda metade a fatiga fíxose un oco nas filas de ambos os dous equipos. Os cambios foron cambiando a orientación do encontro. A entrada de xogadores como Yelko Pino permitíronlle ó Lugo rabuñar un pouco as costas dun Huesca que foi concedendo a posesión ós locais. Samu Sáiz, Ferreiro ou Vadillo, que na primeira parte camiñaron pola área do Lugo coma se fora a súa casa, baixaron revolucións.

Pero só un remate de Caballero (que fixo notar a ausencia de Joselu) a centro de Calavera e algunha internada do debutante Escriche (a única noticia positiva do partid) cambiaron o monopolio dun Huesca que ten todo o dereito de soñar cos playoffs. Mentres, en Lugo, Luis César apaga xa a luz coa que tentaba alumear a unha afección que, en case todos os casos, daba por pechada a tempada logo da vitoria diante do Numancia. E como dicía a canción de peche do Xabarín: Vai sendo hora de ir para casa, carolo en Mate a ver quen lle conta, un dous en Historia, esta historia a meus pais… 

Ficha técnica

SD Huesca: Sergio Herrera, Akapo, Jair, Carlos David, Brezancic, Aguilera, Melero, Ferreiro (David López, 78), Vadillo (Alexander, min. 67), Samu Sáiz e Borja Lázaro (Vinícius Araújo, min. 72).

Lugo: Roberto, Jordi Calavera, Carlos Hernández, Miquel, Kravets, Sergio Gil (Carlos Pita, min. 62), Seoane, Iriome, Fede Vico (Yelko Pino, min. 46), Campillo e Pablo Caballero.

Marcador: 1-0, min.5: Samu Sáiz.

Árbitro: Guillermo Cuadra Fernández (comité balear). Amonestou ós visitantes a Calavera e Sergio Gil.

Incidencias: Partido correspondente a xornada número 40 da Segunda División disputado en El Alcoraz.

Comparte:

Deja un comentario