ActualidadArtículos

Camino Soria

por Denís Iglesias 22 mayo, 2017
Tiempo de lectura: 4 minutos

Vivir nunha gran cidade como Madrid ten algún que outro aspecto positivo. Un deles, a facilidade de comunicacións, algo que para un de Lugo é un tesouro. A Peña do Lugo en Madrid aproveita esta circunstancia e ten estado en estadios ós que doutra maneira sería difícil chegar. Un deles, Los Pajaritos, unha experiencia de fútbol modesto altamente recomendable.

Ir a Soria é revivir aquela canción de Gabinete Caligari, onde o sol asoma e non chega a quencer e onde o esquezo do amor se cura en soidade. En definitiva, un lugar tranquilo radicalmente oposto á metrópole que ten a dúas horas en coche. Nese remanso tibio naceu medrou e triunfou un equipo como o Numancia, que chegou a militar en Primeira durante catro tempadas que fixo dobrar os xeonllos a máis dun grande.

Os sorianos sinten orgullo polo seu equipo e nos bares non é difícil ver fotos ou bufandas do equipo. O ambiente futboleiro parece sacado dunha película de Berlanga. Charanga, avos, fillos e netos… Grolos de viño, cordeiro… Castizo como mínimo. Rody mais eu, o outro compoñente do núcleo madrileño, coincidimos con outros dous lugueses que tamén tiñan carné malia levar toda unha vida fóra da cidade amurallada.

Con Claudino

Trátase de Claudino Iglesias e maila súa dona, residentes na capital madrileña dende o ano 75, “cando morreu o vello”, como aínda citan algúns a morte de Francisco Franco. Moito tempo fóra pero coa identidade intacta. Claudino presume de ter sido xogador do Iris de Magoi. Aínda hoxe se celebra anualmente unha xuntanza anual de ex membros daquel club, que como outros na cidade, loitaban por poñer no máis ó alto ó seu barrio.

O gañador daquela competición coñecida popularmente como ‘Modestos’ ía xogar despois polas festas. E habitualmente perdía diante do equipo local, para poder comer de balde… Seica unha vez o Iris de Magoi foi xogar a Guitiriz. Veu unha copa xigante no medio do campo e os seus xogadores dixeron: “Esta é a nosa!”. Cando chegou o momento da entrega dos galardóns, os da capital levaron un trofeo dun torneo de tute cunha escala sobre o orixinal que non chegamos a describir. O prezado tesouro era só para lucir ó inicio… Fútbol doutro tempo, pero xenuinamente humano.

Estas son algunhas das anécdotas que sairon con moita retranca da boca de Claudino, socio do Lugo dende o 1958 (toda unha vida, tendo en conta que o club se fundou no 1953). Poucos coma el para entender o momento histórico dun club que certificou en Soria a súa sexta tempada consecutiva no fútbol profesional, algo impensable non hai tanto, cando os albivermellos eran carne de Terceira. Coma bo lugués conta coa habilidade xenerosa de convidar ós compatriotas. Algo difícil de ver en Madrid, onde non se pagan as roldas nin por crowdfunding.

“Roberto, en Chantada bo viño”

A Los Pajaritos chégase tarde, logo dunha longa sobremesa, que cedo se alixeira co camiño que leva ó campo. O vento que corre polo estadio tampouco permite a sesta. O estadio numantino é un campo mítico i encantador logo da última reforma. Sinxelo, máis aproximado ós exemplos británicos e lonxe das estruturas modernistas ou das expresións de feismo que constitúen os estadios parcheados, con cada bancada do seu pai e da súa nai (non miramos para ninguén).

Sergio Gil estivo arroupado polos seus familiares en Los Pajaritos

O ambiente que se respira é semellante ó de Lugo, e, pode que ó de calquera cidade pequena. Os ánimos non son excesivos e só unha mala actuación arbitral fai erguer ó público. Ata o que se presupón coma o sector radical da afección é calmo. Un neno cunha bandeira diante dunha faixa de ‘Orgullo’ (referente á peña Orgullo Numantino) é a mellor mostra… E o Frente Rojillo xa viviu tempos de máis raiba. Certo é que para frear ó desprazamento albivermello non facían falla tanques. Iso si, xeramos máis balbordo. Logo de semanas de botarse as mans ó queixo para pensar e avivar os medos do descenso, o Lugo recolleu o espírito dos primeiros encontros e saiu con forza para gañar.

Tamén sabemos que en Zaragoza son do Lugo. Polo menos os Gil, que desembarcaron en Soria para animar a Sergio no día que retornou á titularidade. A familia que medra unida permanece unida. Tamén viñeron da capital maña varios seareiros albivermellos que traballan aló: “Bótalle máis droga á auga, utillero”, “Roberto, Chatanda bo viño!”, foron as súas citas célebres.

Tinder en Soria es La Vida Moderna

Aínda que os hai que van ó fútbol para outros menesteres. Nunca entenderei ó que prende no móbil dende o asubío inicial. E aínda menos a un bo home que tenta buscar moza co Tinder en Soria. Que non digo eu que non sexa un territorio fertil de solteiras e solteiros, pero o stock é máis reducido. Un destes seareiros que van para facer vulto. Do Tinder (o sustituto de ligar nos bares) a Forocoches (o sustituto de preguntar á xente), mentres comía flocos. Con desprazados así quen quere afección rival. Descoñecemos se as súas labores de pesca chegaron a bo porto durante uns 90 minutos nos que vivimos na habitual montaña rusa do Lugo. Desta volta saiu ben e nunca unha viaxe de volta se fixo tan pracenteira, coa absoluta indeferenza que provocaba o chque do oligopolio na Primeira División.

Eses seareiros que onte se bañaban na Fonte do Rei e espertaban á viciñanza con foguetes caducados posúen unha hipermetropia que lles impide ver diante dos seus fuciños. Só divisan o que hai a centos de quilómetros e que nunca chegarán a palpar. Mentres na casa de Claudino descansa a camiseta de Calavera para o seu neto, que xunto ó resto de xogadores achegouse a saúdar ós desprazados, a conversar con eles e a darlles o seu agradecemento. Unha comunión perfecta que só o equipo da túa cidade é quen de facercho sentir. E como diría Gabinete Caligari Voy camino Soria, ¿tú hacia dónde vas? Allí me encuentro en la gloria que no sentí jamás. 

Comparte:

Deja un comentario