Artículos

Memorias dun neno albivermello

por Denís Iglesias 1 abril, 2017
Tiempo de lectura: 4 minutos

Eu son Balbino, un rapaz da aldea. Como quen dis, un ninguén. E ademáis, pobre, ou polo menos non tan rico coma Pelayo, o curmán de Madrid, o fillo de Aurorita, que casou cun da banca que é segoviano. Pelayo ven cada verán a Sober -os veciños chámanlles os limpadespensas– a pasear unha bicicleta coa que non sabe subir nin unha costa, “porque allí hay carriles ‘ispicifícios'”. Pero da aldea tamén é Manolito, e a el non hai quen lle tusa, polo que o madrileño cala cando o ve, e xa dende hai uns vraos non se atreve a preguntarnos aquilo de: “¿Pero cuál es tu equipo de verdad? El Lugo ese no tiene ni tres estrellas en el Fifa”.

Aquel día Manolito pegoulle un furolo ó balón co que deitou a Pelayo. Este tivo a mala sorte de caer encima dunha bosta coa súa impoluta camiseta branca de Ronaldo. O Manolito tamén caeu, pero da risa, ó ver ó cativo da capital revolvéndose para tentar erguerse, coma se fose unha carracha. Manolito máis eu somos de Sober e somos do Lugo. E coma nós, moitos outros nenos da comarca, dende que os de Segunda viñeron á Pinguela.

Ós dous vólvenos tolos o fútbol e dámoslle patadas ás latas, ós estróbilos e ó que se poña por diante. Pero nunca tiveramos un equipo predilecto. Ó ser todos os encontros de pago, non tiñamos máis remedio que escoitar a Radio Galega para poñernos ó día. Pero moitos dos que saían nos cromos non sabiamos quen era. Hai un par de anos, ó pai de Manolito tocáronlle unhas entadas pra ir ó Anxo Carro. Aquel día o Lugo gañoulle 4-3 ó Osasuna. Sete goles!  E a un equipo que estivera en Primeira! Onde se vira tal cousa! E dende entón imos cada quince días á capital a ver se aquilo volve a repetirse.

Por iso tiñamos marcado con vermello o mes de abril, cando o club albivermello faría unha parada máis na súa ruta pola provincia. A xente vía aquilo cun pouco de receo. Até non hai tanto, o Lemos, o equipo histórico da nosa comarca, xogaba contra o Lugo en Terceira División. Pasalle o mesmo a Marcial, o meu curmán da Mariña, que é do Valadouro, ó que tamén lle tentaron revirar a vista pra ser do Viveiro. Mais os tres cremos que se pode ser do equipo da vila sen deixar de sentir ó Lugo, que, agora si, pretende representar a toda unha provincia.

En Monforte eu pedinlle un autógrafo a Calavera. Tamén xogo pola banda, coma el. Gústame que saúde á bancada, á que algúns de nós vimos logo de facer uns cantos quilómetros. Ogallá houbera un bus para que todo fora máis doado. Manolito é máis de Caballero, porque é dianteiro, coma el. Dime que debería cambiar, porque Calavera marchará ó final de tempada ó Eibar, pero eu replícolle que o resto de xogadores terían que coller exemplo del.

Balbino, Marcial ou Manolito, quen sabe | Foto: CD Lugo.

A Marcial gústalle José Juan, porque non lle ve xeito ós peiteados que se deixan a maioría dos futbolistas. Por iso quere que renove. O seu pai é calvo e xa sabe o que lle queda. Di que el non atura ós parvos e que os xogadores teñen que dedicarse a iso, a xogar. Bota os recreos cantando aquela de “José Juan, ídolo do Anfield” e agarda medrar rápido pra poder ir ó Fondo Norte, cos ‘ultras’, como lle advirte seu pai, ó que logo non lle caben os insultos na boca en cada partido.

Os maiores sempre están dacordo que no mundo hai pobres e ricos, e nós cremos que non debería ser así. Dínnolo para que nos quitemos a cabeza iso de que se pode vivir de fútbol sendo e nacendo en Lugo. Nós calamos, por non discutir, pero non debería ser así, por iso queremos xogar no Polvorín. Marcial xura o que a un neno non se lle permite cando lembra que este ano o bus do filial foi apedreado en Ribadeo e pensa que foi algún ó que lle sentaron mal as gotas, e non precisamente as dos oídos.

Xa que logo, esta fin de semana iremos velo Lugo B. Xógase co Laracha parte das súas opcións de ascender a Terceira, imprescindible para o seu mantemento. Por que non podemos ser nós coma o Góngora ou o Iago Díaz? Eu xurei para min que cando chegue a grande farei cousas de valemento para non morrer de todo cando morra. Ademais, que nós non queremos marchar a un sitio onde as rotondas teñan cinco carrís e o aire saiba a tizón.

Esta fin de semana, vainos levar meu tío Pepe, que seica marchou a Lugo a estudar agrónomos, aínda que el é máis de agromar cervexa. Por iso tamén se fixo albivermello, polo ben que o pasa nas previas e nas viaxes. O seu favorito é Seoane, porque di que é o único que só fala galego. Meus pais afirman que é porque o Pepe se fixo “nacionalista” dende que foi para a universidade. Eu non sei o que é iso, pero si que son galego sobre tódalas cousas e por iso me gustaría triunfar nun equipo da miña terra. Despois iremos ver o partido contra o Reus, no que os de Luis César, que se parece en rosmón e metódico ó noso profe de ximnasia, xóganse estar en paz coa súa afección, da que pequenos coma nós formamos parte, co orgullo, ao fin, de ser do equipo da nosa cidade ou provincia sen que ninguén te mire raro.

 

Comparte:

Deja un comentario