ActualidadArtículosFirma Invitada

Unha visión distinta do entorno albivermello

por Lugoslavia 7 marzo, 2017
Tiempo de lectura: 3 minutos

Antes de comezar coa miña argumentación, cómpre unha breve presentación. Vaia por diante que a persoa que escribe estas palabras non é de Lugo (polo menos non da capital da provincia) e tampouco é do CD Lugo. Algúns xa non verán ningún interese no que poida vir a continuación deste parágrafo, pero para os que siguen mantendo a curiosidade direilles que dun tempo a unha parte estou a vivir un proceso de acercamento á cidade de Lugo e ó CD Lugo, situación que fai que a miña humilde opinión poida tomarse coma unha visión imparcial.

Poñámonos en antecedentes, como moitos rapaces da provincia de Lugo da miña xeración o primeiro recordo que teño do CD Lugo é grazas ó PC Fútbol 5.0 (un simulador de  xestión deportiva que se converteu en referencia naquela época), por simpatía e cercanía, un elixía ó Lugo en Segunda División B para poder aliñar e ver a evolución dos irmáns Murado, observar o gran rendemento de Pablo Lago e disfrutar dos goles de Melo e Vicente Borge. A pesares de todo iso, un rapaz de 10 anos acaba por elixir ser seguidor doutro equipo de superior categoría, un clube que pode ver cada fin de semana na televisión e ó que pode seguir nos medios de comunicación daquela época.

O seguimento mediático é mínimo e resulta realmente complicado poder informarse da súa actualidade.

No ano 2004 un provinciano coma min chega a Lugo e non escoita falar a nadie dun CD Lugo que deambula polos campos da Terceira División sen pena nin gloria. O seguimento mediático é mínimo e resulta realmente complicado poder informarse da actualidade dun conxunto que vive á sombra dun CB Breogán de ACB e incluso por debaixo dun Prone Lugo que disputa os playoffs da LNFS e que incluso consegue gañar a Recopa de Europa.

Esa foi a situación que viviron moitas xeracións durante os últimos quince anos. Unha circunstancia que pode parecer trivial, pero que explica moitos dos males que está a sufrir o CD Lugo e o seu entorno na actualidade. O clube viviu unha época longa condenado ó ostracismo e ata o ano 2012 non conseguiu volver a flote, polo que podemos falar dunha historia moi curta no fútbol profesional máis recente.

Tras  varios anos no desterro coruñés (con visita incluída ó Anxo Carro), recupero a cidadanía “lugoslava” fai pouco máis dun ano, e ó chegar observo de cerca un clima de inestabilidade institucional e de clara tendencia autodestructiva. Un ambiente moi crítico e con certos tintes pretenciosos.  Supoño que todo iso ven provocado por unha evolución precoz e un crecemento demasiado excitado en todos os aspectos que rodean ó CD Lugo.

A présa é unha mala compañeira de viaxe, e por iso a crítica aflora en abundancia.

A realidade actual do clube nada ten que ver ás dos últimos anos, e agora estase a vivir un proceso de adaptación en todos os aspectos: institucional, deportivo, mediático… Moitos cambios necesarios nos que a présa é unha mala compañeira de viaxe, e por iso a crítica aflora en abundancia en todos e cada un deles.

Xa entrando en valoracións persoais, penso que cómpre recoñecer os logros acadados polo clube a nivel económico, o gran crecemento social, a firme aposta pola base e a profesionalización da comunicación, prensa e audiovisual, entre outros moitos, que o que fan é unha aposta manifesta polo futuro.

Será un proceso longo, xa que o CD Lugo está a escribir a súa historia “actual” case dende cero e todo irá de maneira paulatina. Deberá gañarse o seu propio “status”, así como o respeto dos seus iguais e dos medios de comunicación. Para iso debe primar o traballo e a humildade.

Toda crítica constructiva deberá ser ben recibida, pero é preciso ser realista e ter os pés no chan, tan só fai falla botar a vista atrás, ver de dónde vimos, e recordar o fácil que é caer ata o máis baixo.

“Las contracrónicas son el revés de la historia. Una historia que puede contarse a través de la primerísima primera persona, o del ojo del voyeur que se pierde en lo que está viendo.” – Silvina Quintans-.

Por Dani Dorado.

Foto vía: futboldelugo.com

Comparte:

Deja un comentario