Actualidad

Recalculando…

por Denís Iglesias 12 febrero, 2017
recalculando... despeje en el Sevilla Atlético Lugo
Tiempo de lectura: 3 minutos

Se vostede procede dunha cidade pequena e acode a unha grande urbe co seu coche pensará que en vez de entrar nun territorio civilizado, as rodas do seu automóbil están pisando unha xungla. Onde calquera está predestinado a turrarlle, cortarlle o paso e mandalo fóra da vía. A un non lle queda máis remedio que acollerse a un dos santos da automoción como é o GPS, que malia falar o seu propio idioma converteráo en zurdo ou diestro segundo o xiro que acometa… Un cristo no que se require moita atención. Recalculando…

O Lugo incorporouse á autoestrada da Segunda División logo dunha longa circunvalación, con ascenso frustrado incluido. Fíxoo polo carril da dereita, sempre cun ritmo paseniño. Deixando que os grandes bólidos o adiantasen ou se escarrachasen no seu intento por volver a ser grandes. Sempre coas revolucións baixas, participando na longa caravana de equipos que aspiran a manterse. Mais este ano, coa asunción de Luis César da pilotaxe da nave, o rumbo semella por veces ser outro.

O equipo non ten caído en ningún momento máis alá da zona morna da táboa e a costume, até o momento, é a de coquetear cos playoffs. Pero sempre que o Lugo tenda adiantar e presentar a súa candidatura a estar definitivamente arriba mete a zoca, confúndese de xiro e ten que esperar un par de xornadas para volver a engancharse. Recalculando… Esa é a mensaxe que aparece no cadro de mandos dun equipo que malia a súa óptima marcha clasificatoria é pouco dado a enganchar varios triunfos consecutivos. Fronte ó Sevilla Atlético, o conxunto galego perdeu unha oportunidade de ouro para subir unha marcha.

Malia a leria confirmada de que este equio é un submarino ó que se lle desconxuntan os parafusos nos treitos finais, fronte ó Sevilla Atlético o final era menos predecible. En choques anteriores o Lugo dera un paso atrás contra equipos de semellante tallaxe e estes aproveitaron o espazo. Pola contra, os rapaces do galego Diego Martínez non conseguiron librarse dunha desorde (inflúe a condición de filial, co que iso conleva) que provocou o magnífico tanto de Ignasi Miquel. O PCI, unha fórmula máxica de Pita, Campillo e o catalán que exemplifica o que debe ser un contraataque.

Até o golpe final, o Lugo rozara a corrección defensiva. Sen complicacións, sen erros na salida de balón e sobre todo, con confianza. Un atributo que pouco a pouco recuperan homes coma Carlos Hernández, que ó comezo do campionato era unha vara de vimbio que se abaneaba coa simple presión do rival. Parte do mérito reside en Luis César, un excelente adestrador pero que non sempre da na tecla á hora de tomar decisións nos partidos, tal e como se refería Dani Baniela, redactor deste medio e do Diario As, na súa lectura posterior.

A do Sánchez Pizjuán foi unha oportunidade perdida para engancharse arriba

Das nove vitorias que leva o equipo até o momento, tan só tres foi quen de acadalas por unha renda maior dun gol: 0-3 ó Elche, 3-1 ó Mallorca, 3-1 ó Numancia. Non é quen de pechar os partidos e coa soga no pescozo tende a claudicar. Para a psicoloxía do seareiro, estos golpes de efecto, case spoilers, son terribles, porque fan que a xenética do equipo pase de ser a un tótem ofensivo á dun que perde os pantalóns polo camiño, malia que os ten limpos. Calma saber que o equipo é quen de recalcular logo de caer na rede, e no vindeiro partido sairá coma novo, pero opcións como as que formulaba o Sánchez Pizjuán quedan poucas.

A ameaza do tedio

Luis César non só quere gañar, tamén quere sacar conclusións de todos os partidos. De aí que o seu discurso na derrota e na vitoria sexa semellante. Toma a aventura deportiva coma un proceso de aprendizaxe, e só até coñecer todas as variables que ten ó seu dispor é quen de poñer o piloto automático. Por estas mesmas datas, o Lugo, na primeira volta, encadeou tres triunfos consecutivos (Sevilla Atlético, Elche e Real Valladolid) que supoñen a mellor xeira até o momento. Só tres xornadas despois, veu a réplica, con tres tropezos que acenderon as alarmas (Getafe, Reus e Cádiz). De súpeto, os doce ou trece xogadores que conformaban a despensa pública do adestrador fixéronse curtísimos, e o campionato unha carreira de cross.

O de Vilagarcía está convencido de que iso non ten que repetirse. En Andalucía optou pola acumulación de centrocampistas: Sergio Gil, Seoane; ós que logo se sumaron Carlos Pita e Damià Sabater. O parapeto resistiu até unha xogada puntual que escarallou un novo sistema inmunitario, pero aínda non o suficientemente efectivo. Porque o Lugo, un novísimo equipo que cada vez ten máis futuro, aínda non mutou no sufridor-gañador, binomio que casa sempre coas revelacións e que Luis César ten que traballar para evitar que a permanencia sexa o único obxectivo. Só así as masas luguesas, tan susceptibles elas, evitarán sublevarse contra o tedio dunha segunda volta sen máis intereses que os de ver se Joselu quedara pichichi ou de se Perea pode meter unha entre os tres paos.

Comparte:

Deja un comentario