Actualidad

Damià, leña verde todo é lume

por Denís Iglesias 28 febrero, 2017
Damià Sabater se une a la celebración del gol de Joselu | Foto: LFP.
Tiempo de lectura: 2 minutos

O dobre pivote é toda unha institución no CD Lugo. Éo posicionalmente, unha marca de autor que perviviu trala saída de Quique Setién; mantívose con Luis Milla, José Durán e volve a ser a ancoraxe do esquema de Luis César (con todo o que o sacro 4-2-3-1 implica). A súa importancia é tal que para opositar a xogar nesta praza había que presentar galóns.

Por iso Carlos Pita e Fernando Seoane, dous dos xogadores máis veteranos do equipo (7 e 6 tempadas, respectivamente) exercen a comandancia desta demarcación sen apenas relevo. Até este ano, no que primeiro Sergio Gil (sustituto de Carlos Pita en dolos anteriores), e agora Damià Sabater,  téñense posicionado como relevos para dous xogadores con etiqueta de insustituibles, pero ós que cedo lles comezarán a pasar factura os anos.

O técnico de Vilagarcía está na obriga de xestionar un plantel curto, que só aumentou en prestacións no inverno precisamente coa alta de Damià Sabater. O xogador cedido polo RCD Mallorca cumpriu con éxito coa difícil papeleta de sustituir ó sancionado Seoane diante do Real Valladolid. Malia que tardou uns intres en adaptarse ó rol, rematou sendo un dos eixos de distribución do equipo, repartindo xogo ó primeiro toque. Até a cita de Zorrilla tan só disfrutara de pouco máis dun cuarto de hora de xogo fronte ó Sevilla Atlético, un partido que rematou con sobredose de mediocentros (Pita, Seoane, Gil e o propio Damià).

O balear detenta a fortaleza do de Tapia, pero pon máis enxeño á saída de balón. Un híbrido enchufable a múltiples situacións que este ano non atopou oco no Mallorca de Olaizola, situación oposta á que viviu a pasada tempada cando estaba ó mando Fernando Vázquez. E só tiña 19 anos, polo que o seu é un exemplo canónico desa filosofía que parecía perseguir a dirección do CD Lugo ó comezo da tempada: xogadores novos, con fame de medrar, e con altura de miras, cos que crear músculo ou facer caixa. Esta formulación queda en suspenso á espera de saber quen asumirá a dirección técnica do CD Lugo trala marcha anticipada de Emilio de Dios.

“Síntome preparado”, afirmou na rolda previa, coa bagaxe de minutos en Segunda do ano anterior ó lombo, ben diferente á de Kravets ou Maxi Rolón, que para Luis César aínda están en pretemporada e cos que difícilmente poderá contar de aquí ó final salvo ocasións de extrema emerxencia. Damià demostra que a leña verde tamén pode ser lume e non fume como tantas veces ten comprobado o Lugo, onde os xogadores máis novos vense obrigados a asumir instrucións que requiren un alto grao de madurez.

Damià chegou a Lugo cedido até final de tempada, en principio, sen opción de compra, segundo informaron medios baleares, polo que a entidade albivermella pode converterse, outra vez máis, nun campamento barato para formar xogadores dos que logo non poderá gozar. E non todas as operacións serán tan rendibles economicamente (300.000 euros) como a de Pedraza, que esta fin de semana volveu a estar no banco do Leeds. Un equipo feito no que está a cambiar a dinámica de titularísimo que levaba no Lugo.

Comparte:

Deja un comentario