Previa

Make Lugo great (again)

por Denís Iglesias 29 enero, 2017
Tiempo de lectura: 4 minutos

A sangue aínda percorre o rostro do Lugo logo da labazada que lle deu o Nàstic de Tarragona (2-3), que chegaba á cidade amurallada en condición de pechacancelas. A derrota, con remontada incluida, acendeu todas as alertas. E non polo risco clasificatorio que supón, que segue sendo moderado para o obxectivo fundamental do equipo (permanencia). Senón porque puxo en evidencia a fraxilidade defensiva dun Lugo que nos últimos tempos vive dos ímpetos puntuais de xogadores como Joselu, Calavera ou Pedraza.

Adestramento e ansiolíticos. A única receita válida para reparar un sinistro total imprevisto. Un accidente que tamén deixou ó descuberto o escaso umbral de dor que ten parte da afección luguesa, que coma se dun concerto ó aire libre se tratase, agarrou a bufanda recén mercada e marchou para a casa sen saber sequera o resultado. Peor aínda é o panorama do vindeiro rival dos albivermellos, o Real Zaragoza, que se presenta coma outro rival envelenado, ó que só lle vale gañar, por plantel e por metas. As tres derrotas consecutivas que acumulan son unha realidade que os seus seareiros non aceptan.

A visita do Lugo preséntase como unha reválida para Raúl Agné, que asumiu as rendas do conxunto maño na duodécima xornada, trala saída de Luis Milla. O turolense, tal e como sucedera o ano pasado en terras luguesas, non foi quen de completar un ano no banco. Agora probará sorte como seleccionador de Indonesia… Ningún dos dous técnicos dotou de identidade a un equipo, que como tantos en Segunda, aspira a estar no tren de cabeza por historia. No verán, cada alerta ou rumor que saía dunha fichaxe levaba o selo aragonés. Rerforzáronse a esgalla, pero de novo, a fórmula de acumular xogadores nun pallar resulta baldía.

K.Ombitativo

Agné acode cun paracaídas sen sistema de seguridade logo de falecer diante do UCAM (1-0)  a semana pasada, que volveu gañar logo de sete xornadas, para apretar máis a zona baixa. Como a derrota do Lugo, o Real Zaragoza presentou unha clara doenza que o deixou sen fútbol combinativo. Con Zapater e Jesús Valentín nun dobre pivote insulso, con Edu García e Xumetra naufragando nas bandas e con Ángel (10 tantos), o seu máximo goleador, nunha fronte solitaria. Algúns destes homes, con etiqueta de Primeira, pero ós que lles está faltando un estilo de actuar.

Se a Luis César lle agarima unha espada o pescozo, Agné leva tres puñais na columna vertebral. Aínda así, tentou amosarse vital na rolda previa. Chegou a dicir que nada cambiara, que seguía sendo o mesmo do primeiro día. En definitiva, ocultou calquera síntoma de debilidade e evitou a autocrítica, con esa máxima filosofófica, pero cada vez máis futbolística de: “O que non te mata, faiche máis forte”.

O seu discurso podería ser intercambiable co de Luis César, obcecado en valorar os fracasos coma unha inxección de dopamina. O políticamente correcto como norma, aínda que a mensaxe interna do Lugo, logo dunha gran primeira volta, sexa máis “Make Lugo Great (again)” (lema de moda trala vitoria de Trump nos EEUU) populista e popular nunha bancada proteccionista, á que só lle importan os puntos, sen ter en conta o modo de conseguilos. Para nós as vitorias, e que as derrotas as pague o resto.

Agné e Luis César son dous exemplos dunha retórica tan propia das roldas de prensa deportivas, e máis nesta categoría, onde unha derrota ou ou triunfo fai que cambie por completo a temperatura do equipo. Do ascenso ó descenso, e así unha montaña rusa fronte á que os empregados tiran de rutina. Nese camiño do medio, o Lugo e o Zaragoza están separados nada máis que por catro puntos.

La Romareda como salvavidas

Dos 27 puntos que teñen os maños, 20 conseguíronos en La Romareda, que sofre cando os seus percorren a xeografía española. A diferenza doutros anos, o Lugo é máis letal fóra das súas terras, unha condición que lle ten permitido manterse, até o de agora, na zona nobre. Na ida, ambos os dous conxuntos asinaron un partido tolo no que os de Luis César conseguiron igualar un adverso 3-1. Foi o vivo exemplo do que estes dous equipos son: tanques ofensivos pero sen marcha atrás.

Agné convocou a 22 futbolistas para evitar debates

Consciente do que se xoga, Agné colleu todo o que tiña na despensa. Non vaia ser que non volva, de aí esa convocatoria de 22 futbolistas, da que deberá facer catro descartes. Todos nunha fronte común, dende os tocados Casado, Isaac e Fran; até Xiscu, rapaz do filial. Un xeito de evitar calquera debate previo. Un dos que se quedará na bancada terá que ser, pola forza, un dos tres porteiros. O adestrador do equipo zaragozano insinou na previa que Saja, recentemente incorporado, podería reemprazar a Irureta na meta. Agné tamén poderá contar coa tripla conformada por Cani, Xumetra e Lanzarote, fetiche dos primeiros tempos de Luis Milla.

Precisamente, o meta do Lugo, José Juan, tantas veces seguro de puntos, foi un dos máis cuestionados logo da derrota diante do Nàstic. Pero Luis César anticipou que fará o mínimo número de cambios. Sacou o escudo para protexer ó gardamallas vigués e tamén á súa aposta persoal para cubrir a baixa de Pita, Sergio Gil. “Foi un dos mellores o domingo”, asegurou, polo que non sería de estrañar que repetise no dobre pivote con Seoane.

Sergio Gil terá triple e até cuadruple presión. Non só terá que asumir a responsabilidade de facer olvidar ó timonel do Lugo, tamén terá que sacar peito no seu regreso a casa, de onde saiu da peor das maneiras en verán. O mediocentro chegou a Lugo coa bucina soando. Fíxoo logo de rexeitar a renovación do Zaragoza e de non ter atopado praza en Francia. De feito, ambas partes teñen aínda contas económicas pendentes.

Según informaba El Heraldo, o club aragonés reclama ó futbolista o impago da indemnización de 210.000 euros pactada en agosto a cambio de desvincularse do Real Zaragoza.  A novidade na lista do Lugo é o central Ángel Dealbert, que ocupa o lugar do dianteiro colombiano Brayan Perea, diana dos asubíos da afección albivermella no último partido.

Jordi Calavera e Joselu, dous dos homes máis en forma do CD Lugo. | Foto: Xabi Piñeiro.

Convocatorias

Real Zaragoza: Irureta, Saja, Ratón, Fran, Casado, Cabrera, Erik Morán, Dongou, Cani, Ángel, Javi Ros, Edu García, Manu Lanzarote, Marcelo Silva, Bagnack, Isaac, Xumetra, Barrera, Zapater, Jesús Valentín, Edu Bedia e Xiscu.

CD Lugo: José Juan, Roberto; Leuko, Calavera, Hernández, Manu, Marcelo, Miquel, Dealbert; Sergio Gil, Seoane, Fede Vico, Campillo, Yelko Pino, Iriome, Pedraza; Caballero e Joselu.

Posibles onces

Real Zaragoza (15º, 27 p.): Saja; Carcelén, Silva, Cabrera, Casado; Zapater, Valentín; Xumetra, Cani, Lanzarote; e Ángel.

CD Lugo (10º, 31 p.): José Juan; Calavera, I.Miquel, Djaló, Manu; Seoane, Gil; Iriome, Campillo, Pedraza; e Joselu.

Árbitro: De la Fuente (Castela e León)

La Romareda – 20:00 horas

TV: GOL

Comparte:

Deja un comentario