O Lugo, por todos é coñecido, experimentou un crecemento moi significativo nos últimos anos. Ademais de asentar un equipo no fútbol profesional, cousa nada sinxela tendo en conta as dimensións do clube e da súa masa social, está sendo capaz de, pouco a pouco, ir creando unha estrutura que lle permita asegurar o futuro da entidade mediante o desenvolvemento das categorías inferiores e a contratación de xogadores novos con proxección. Neste artigo repasaremos, como facemos a miúdo na conta de twitter, a marcha do Lugo B / Polvorín e a do Lugo Xuvenil A, así como a dos xogadores que están cedidos noutros equipos galegos á espera da súa oportunidade no cadro albivermello.
En primeiro lugar, como comentábamos, é necesario facer mención ao filial lucense. Coa chegada da nova diretiva e con Toni Otero como responsable da área deportiva, dende o Lugo decidiuse facer unha aposta forte por un equipo filial e ser capaces de asentalo, como mínimo, na Terceira División. Tras facerse co Polvorín (a previsión é que nun prazo non demasiado longo remate por ser “Lugo B” a todos os efectos), o éxito foi rotundo ao conseguir, xa no primeiro ano, dar un paso moi importante co ascenso ao Grupo Norte da Preferente galega. Agora, cunha gran nómina de futbolistas, entre eles algúns xa coñecidos como Pablo Cacharrón, Asier, Pedro, Julio Camba, Josito, Javi Rey ou Duque, o equipo estase a mover nos postos altos da táboa, e tentará acadar o ascenso para acompañar ao Castro e ao Rácing Vilalbés como únicos equipos da provincia de Lugo na Terceira División. Actualmente, ás ordes de José Durán, o Polvorín marcha no cuarto posto a tan só 3 puntos do líder, sufrindo o pasado fin de semana a primeira derrota de todo o campionato no campo dun dos cadros máis potentes da categoría como é o Noia. Para todo aquel que se queira acercar a velos en acción, acostuman a xogar os domingos, e o campo de O Ceao acolle os seus partidos como local.


Josito desfrutou de moitos minutos na pretempada co Lugo
En canto ao xuvenil, que a pasada campaña estivo adestrado tamén por José Durán ata que recibiu a chamada do primeiro equipo, encadea o seu segundo ano de éxitos. Ata a absorción do Polvorín, esta categoría era o último paso de calquera xogador da canteira antes de subir ao primeiro equipo, polo que o salto ao profesionalismo se facía prácticamente imposible. Agora, coa perspectiva dun filial e incluso dalgunha posible cesión en equipos de Segunda B, os rapaces ven esta categoría como unha boa oportunidade para empezar a mostrar maneiras de profesional e seguir ascendendo no escalafón do clube, polo que a motivación está máis que garantizada. A día de hoxe, o Xuvenil é lider do Grupo 1 da División de honra nacional, que acolle os territorios de Galicia, Asturias e Cantabria. Por tanto, avantaxa na clasificación a equipos da historia e dimensión de Celta, Deportivo, Spórting de Xixón, Oviedo ou Rácing de Santander. Cómpre recordar que se trata da máxima escala nacional en canto a categoría xuvenil, polo que o Lugo compite ao mesmo nivel que Barcelona, Real Madrid, Atlético, Espanyol ou Vilarreal, por citar algúns exemplos. A modo de anécdota, todos os sábados ás 13:00 horas, o canal da TDT en aberto ‘GOL’ emite un partido de xuvenís nesta categoría. Estaremos atentos por se algún día somos os afortunados.
Sen embargo, estes rapaces non son os que se encontran máis preto de dar o salto ao plantel que agora dirixe Luis César. Para paliar a diferenza de competitividade que existe entre a Segunda División e a categoría na que se encontra o filial, o Lugo decidiu buscar acordos de cesións co Pontevedra e o Somozas, na Segunda B, e co Compostela na Terceira. Mario Barco, Pedrosa, Keko e Manu Cedrón deberán demostrar ao longo destes meses que posúen o nivel suficiente para formar parte dun cadro tan esixente e competitivo como é este Lugo.
Mario Barco, en primeiro lugar, protagonizou unha das novas do verán. Tras unha primeira tempada cedido no Somozas, onde rozou a decea de goles e mostrou un gran compromiso a nivel de esforzo e traballo, as súas expectativas pasaban por quedarse no Anxo Carro a pelexar un posto con Joselu e Caballero. Sen embargo dende o clube, e en previsión de que non iba contar con demasiados minutos, apostaron por que volvese a saír cedido e continuase coa súa progresión. Tras varios rumores que o situaban na Malata por mor dun intercambio con Joselu, que chegaría dende o Rácing de Ferrol, a situación non chegou a máis, e foi cando apareceu Luisito cun gran interese por levar o dianteiro a Pontevedra. En Pasarón, Mario Barco está explotando. No que levamos de competición xa foi quen de situarse como un dos máximos realizadores da categoría, e está sendo a estrela dun Pontevedra que roza os postos de playoff de ascenso. A súa altura e composición física obrigan a calificalo como un dianteiro de área, rematador puro e que domina tanto o primeiro toque coas dúas pernas como o remate de cabeza á perfección. Sen embargo, conta cunha gran mobilidade e capacidade de caer aos costados, polo que de única referencia ou ao lado doutro dianteiro, sempre supón unha dor de cabeza para as defensas rivais. Se continúa con esta progresión, agárdalle un lugar destacado na familia do Lugo.
En canto a Pedrosa e Keko, son dous rapaces máis novos que aínda se encontran nunha fase de crecemento. O primeiro xa viña sendo habitual como unha das apostas da canteira dende a época de Setién, pero non está sendo quen de dar o salto definitivo. Aínda que no último tramo da pasada campaña xa estivo no Somozas firmando boas actuacións, na pretempada co Lugo non se adaptou todo o rápido que debería, e outros xogadores como Duque pasáronlle por riba. Sen embargo está volvendo a contar coa confianza de Stili no Manuel Candocia, polo que ten ante si a oportunidade de reivindicarse e volver a pedir o sitio que algún día se lle tiña reservado no cadro albivermello como un dianteiro moi rápido e versátil, capaz de desempeñarse en distintas posicións pero firmando sempre unhas boas cifras de cara a gol.
Un camiño moi similar ao de Pedrosa é o que está a seguir Keko Vilariño. Logo dunha internacionalidade con España que o levou a firmar polo Levante, o áxil mediapunta decidiu regresar á cidade amurallada. A pasada campaña tamén asinou polo Somozas durante os últimos meses do campionato, onde comezou a acumular minutos de calidade. En compañía dun mediocentro defensivo ou en calquera das tres posicións da mediapunta, Keko é un xogador moi inquieto, cun gran nivel técnico e bo regate en espazos reducidos. Sen embargo, o seu físico, moi miúdo, faille sufrir cando necesita abarcar grandes parcelas do campo ou cando os encontros se poñen demadiado agresivos, polo que é un punto no que deberá progresar significativamente. Este curso, en posicións cercanas á area rival, está sendo un dos principais activos de Stili en canto a produción ofensiva, e se é capaz de mellorar físicamente, non cabe duda de que é un futbolista con sobrado talento para actuar en Segunda División.


Pablo Cacharrón é a aposta de José Durán na portería do filial
Por último está o caso do gardameta Manu Cedrón, que ao igual que os tres compañeiros citados anteriormente, tamén estivo cedido no Somozas ao longo da campaña anterior. Sen embargo, a diferenza deles, non contou con demasiados minutos, entre outras cousas, porque diante del tiña a un auténtico porteirazo para a Segunda B como é Javi Mandalúniz. Aínda así, as veces que tivo a oportunidade de xogar non estivo demasiado acertado, polo que se viu obrigado a ser o porteiro suplente na maioría dos encontros. Pasado o verán, o clube atopou unha boa oportunidade para el no Compostela tras o descenso a Terceira, pero por desgraza tampouco está a contar con minutos no que levamos de campionato, e Lucas está sendo a primeira opción para o adestrador. Cedrón é un porteiro con gran habilidade para sacar o balón xogado cos pés, pero que debe mellorar especialmente en seguridade e xerarquía baixo os paos. Estaremos atentos tanto á súa evolución como á de Pablo Cacharrón, pois non debemos esquecer que tanto José Juan como Roberto atópanse nunha idade avanzada, e non sería nada ilóxico que comezasen a pensar na retirada a estas alturas da súa carreira.
Fotos de Xabi Piñeiro.