Actualidad

O Lugo da de comer

por Denís Iglesias 26 septiembre, 2016
Tiempo de lectura: 3 minutos

Lembro de pequeno escoitar moitas veces na casa que o fútbol non me ía dar de comer. A frase chegaba logo dunha choreira por perder algún partido propio ou alleo. Era una lección sinxela, para aprender a ordear as prioridades na vida, pero que recibía cun balonazo do Tricolore contra a parede da garaxe. E a súa consecuente sanción. Hoxe o fútbol segue sen darme de comer, ou polo menos non paga as facturas nin o aluguer, aínda que conceda algunha propina, pero non me deixa con fame, en ningún sentido.

O Lugo ten alimentado o soño de moitos neste comezo de tempada. Algún partía sen apetito, convencido de que o dream teen sería como unha pílula de Efferalgan, que se disolvería dende o primeiro grolo. Nada máis lonxe da realidade, o equipo comezou con banquetes de goles, pura gula, que conseguiu estabilizar nestes últimos partidos cun estrito rexime defensivo. Como aquel que un día se ergue e apreta o cinto, pecha os puños e di que nunca máis vai volver sobrepasarse. Así, até 13 puntos en sete xornadas que colocan ó equipo nun terceiro posto de honra.

Neste contexto de bonanza, de maioría absoluta de felicidade, o club e os seareiros teñen dado un paso adiante, tamén co xantar como excusa. Por un lado, o CD Lugo S.A.D prepara unha paellada de balde, que de seguro atentará contra o gusto de máis de un valencián. Servirá para presentar o autobús oficial do equipo, unha demanda tardía, como tantas coas que a directiva tenta cumprir co paso irregular dos meses. Este acto transcorrerá na previa ó partido fronte ó Mallorca, no que o equipo quere manter a súa xeira de imbatibilidade, unha etiqueta envexable.

Doutra banda, o principal grupo de animación do Anxo Carro, Brigadas Lucenses (que este ano celebra o seu XV aniversario), organiza unha churrascada preto do Anxo Carro para recuperar o espírito daquelas previas que acompañan ó equipo nas grandes citas. Nas que a Calzada da Ponte se volve un escenario de cantos e cores sen os que este deporte non tería moito sentido. Dúas realidades que non se contraprograman senón que esparellan un mesmo sentimento sostido por algo tan noso como é a felicidade por comer. Quen non o entenda non é desta terra.

Pero o sustento vai máis aló. Ter unha entidade profesional na cidade é sempre un pulo económico que non todos parecen entender. Compróbase nos partidos a domicilio, nos que gran parte da hostalería decide facer caso omiso ós partidos do equipo da cidade. “Non o poño porque non veñen”, e outras escusas fornecen unha pescada tan longa que aínda que os poucos comeza a afogar.

A media de pouco máis de 3.300 seareiros que acoden cada fin de semana a ver o equipo é baixa, pero nunca debe desprezarse. Esa lóxica do autoodio é a que lle impide medrar a un conxunto que ten conseguido centralizar as miradas de moitos polo seu xogo. Primeiro foi baixo a batuta de Quique Setién e agora co bo facer, até o momento, de Luis César. Os xogadores teñen amosado unha fame que había moito tempo que non se vía. Eles non ven se o rival ten cinco veces máis público, só recoñecen un xeito de facer o seu traballo: gañar ou canto menos tentalo.

O Lugo da de comer tamén ós hoteis, ós medios de comunicación e a miles de empresas insertas na rede do deporte empresarial, que aínda que moitas veces alleo á realidade na que vive, pode servir para cohesionar e estimular unha comunidade. O CD Lugo tamén é quen de alimentar un sentimento de orgullo provincial e local que vende a marca da cidade fóra das nosas fronteiras.

Este pulo ambiental tenlle que servir tamén á masa social do Lugo para acabar de cementarse, porque os bos tempos nunca son perennes. É o momento de formar unha afección consistente que poida estar nas asambleas e que sexa quen de soportar unha caída. Como acaba de amosar o Recre Trust, unha asociación de pequenos accionistas do decano do fútbol español, outrora finalista de Copa e orgulloso ancián que andivo este ano con respiración asistida.

Asistida polos folgos deste colectivo, que conseguiu sentar por primera vez sentar a un presidente no banco dos acusados, Pablo Comas-Mata, por presuntos delitos societarios, apropiación indebida e corrupción nos negocios. Porque para comer xa era Lugo, dende o tardofranquismo, pero agora pode dar, por primeira vez, de comer, a unha cidade esfameada que ten tido poucos motivos para unirse, e que atopa agora no fútbol unha maneira de sentirse propia.

Comparte:

Deja un comentario