Artículos

Leuko, borrón e conta nova

por Denís Iglesias 5 septiembre, 2016

Tócache. O dedo de Luis César sabe a quen apunta. Non son as circunstancias máis propicias pero si o momento desexado para o que levas traballando toda a semana. Es Serge Leuko, tes 23 anos e vas seguir sumando en Segunda División, nun partido queimado pola pólvora, contra un rival dos que teñen pedigree, o Córdoba, e nun feudo que presiona: El Arcángel. Moitos meten o pe no campo nos coñecidos como minutos do lixo, onde só fai falla aparecer en escea para cumprir, pero ó lateral camerunés foille encomendada a difícil misión de ser o cemento que aguantara un 2-3 que ó Lugo lle custara sangue conseguir. Como ocorrera fronte ó Nàstic, no que desfrutou de menos de dez minutos, e que tamén tivo un triste final, con empate incluido.

Leuko entrou no 83 e durou pouco máis de cinco minutos no campo. Caeu na trampa que lle tendeu Federico Piovaccari, un dianteiro que ós seus 32 anos ten kilómetros suficientes para poñer o cebo no que caia o colexiado despistado e o rival con inexperto. O lateral do equipo lugués púxolle o brazo diante e o italiano, como se tivera oído o son dun caza, foi corpo a terra. Previamente, Piovaccari cometera unha entrada perigosa ante Ignasi Miquel para levarse un balón solto na área. Unha xogada calamitosa na que o colexiado Pulido Santana contribuiu ó sainete. Primeiro, obviando a falta e concedendo unha pena máxima que, para ser pitada, un ten que estar privado de todo contexto. Porque hai un código non escrito polo que se non é de obrigada necesidade, o colexiado non pitará certas xogadas.

Co tempo xa cumprido, coa dúbida en todas as frontes… A decisión, nun momento crítico, desatou a cólera dos visitantes, que xa non aturan máis deixar puntos nos últimos minutos. Outrora, as fugas foran por erros propios, desta volta foi un conxunto de anomalías que acabou coma sempre, cun gol en contra e con todo o traballo da segunda parte pola terra. O punto acadado nun campo como El Arcángel valerá a posteriori, cando as matemáticas sexan o máis importante, pero a día de hoxe segue sendo unha vitoria perdida.

A partir do 1:10.

Esborranchar e facer conta nova

Pero para Leuko aínda quedaba o peor. Se a amarela e o penalti non foran castigo excesivo, viu a vermella nun surrealista incidente. Pulido Santana recolleu na súa acta que o xogador amurallada tentou borrar coa súa bota o punto de penalti. Aínda que físicamente semella improbable, o propio estado do campo cordobés deixaba lugar para a imaxinación de certas liñas de cal e de parcelas. O verde semellaba estar ó barbeito, cunha pobre imaxe. De calquera xeito, as zapatillas de Leuko non tiñan trazas de ser máxicas, e, moito menos solucionaría o problema borrando o punto fatídico. Ou si? Haberá que tentalo noutro partido deste colexiado, quizáis se se tapa o punto con nitramón, a pena máxima quede anulada, por falta de ubicación…

LEUKO

“O segundo penalti non é, o dianteiro do Córdoba estivo brillante: plantillazo e man, pero non foi penalti”, dixo Luis César tralo partido, exonerando de calquera culpa a Leuko, que precisa facer un borrón e conta novo para seguir medrando, como até o de agora, para esquecer o peor dos escenarios posibles. O lateral ven de facer unha sobresainte pretempada, ocupando a banda dereita da retagarda lucense, que agora mesmo lle pertence a Jordi Calavera. O ex xogador do Nàstic está cubrindo un bo expediente neste inicio, aprobando nunha parcela onde se suceden os erros. A Leuko aválalle a súa polivalencia, que lle permite xogar polos dous flancos.

É o único dos xogadores que o ano pasado estiveron cedidos no Somozas que conseguiu opositar con éxito a un posto no plantel de Luis César. No conxunto somocense tan só foi expulsado nunha ocasión, pero co cambio de chanzo vai dar con moitos máis Piovaccari, artilleiros que no fondo son bandidos, dispostos a facerse os mortos nas peores circunstancias. Aprendida a lección, toca seguir sumando nun equipo que ten claro marcar pero ó que lle falta filosofía defensiva para vivir tranquilo.

Comparte:

Deja un comentario