Artículos

O transistor escarallado

por Denís Iglesias 25 mayo, 2016
Tiempo de lectura: 4 minutos

Os experimentos hainos que facer na casa e con gasosa. Semella unha evidencia que cando un xoga con xofre, a cousa remata por estourar. O fútbol ten unha táboa periódica sinxela, na que os elementos non van máis aló das diferentes posicións. Hainos de maior ou menor pureza, pero hai que ordealos con sentido común. Cando queres atopar auga facendo lume, a lóxica dache unha labazada nas orellas. Como cando dis que loitarás até final e rematas xogando como se dun amigable se tratase. 

O Lugo rematou a tempada en Soria co transistor escarallado. Nin viu nin oiu como os seus rivais lle deixaban opcións para tentar unha última aproximación cara unha realidade dos playoffs que acabou converténdose en utopía pola falta de ambición. O equipo non amosou nas últimas semanas ningunha intención por meterse entre os seis primeiros, unha meta que, segundo afirmaron diferentes fontes, foille encomendada a un Luis Milla, vítima do corporativismo.

Ninguén dubida que a permanencia era o obxectivo fundamental, mais á vista dos equipos que seguen en liza na loita pola promoción, a afección manifestouse a prol dun esforzo final. En ningunha outra tempada das que o Lugo leva en Segunda a promoción estivera tan barata. E armas había para afrontar esta última entente, pero preferiron gardarse para… Para a vindeira campaña, o único no que agora pode pensar o Lugo, alén do metafórico récord de puntos na categoría de prata. O Lugo non se amosou en ningún momento capaz de bater a un conxunto soriano que chegaba a este encontro sen absolutamente nada en xogo.

24130438986_c79616576b_k.jpg

Moito nos choveu nestas últimas semanas | Foto: Xabi Piñeiro (LGV).

Roberto evitou unha catástrofe maior

O equipo albivermello tivo medo a entrar no corpo a corpo. Ó final, o curto resultado evitou unha hemorraxia. En pouco máis de media hora de xogo, o Numancia conseguira forzar dez saques de curruncho, evidencia do caos que reinou nas coberturas defensivas. O cuarteto conformado por Álvaro Lemos, Israel Puerto, Carlos Hernández e Fernando Vega non amosou garantías suficientes para conter a xogadores como Mateu.

A inesperada lesión de David de Coz no quecemento obrigou a Lemos a volver ó seu rol obrigado. O ex canteirán do Deportivo rematará asumindo dignamente unha complicada papeleta, superando ós compañeiros que se gañan a vida nesa demarcación. Este remache, a priori circunstancial, evidencia que a presumida variedade de titulares e recambios por postos non foi tal.

O que mostrou máis enteireza, malia algún esvarón puntual, foi o meta Roberto. A experiencia aporta un grao de oficio que lle falta a outros xogadores máis novos, ós que a fame por medrar éntralles en fases puntuais. Sacou varias mans que evitaron unha goleada e incluso, malia non ser o dono habitual desta posición, reprendeu a falla de concentración dos seus compañeiros. Pouco puido facer diante do gol de Valcarce, que chegou preto do descanso. Aproveitouse da febleza da defensa do equipo lucense para batir ó chantadino cun disparo dende a frontal que rebotou en Carlos Pita. O fútbol, que poucas veces entende de xustiza, deixou caer un pouco de karma.

[youtube https://www.youtube.com/watch?v=zjqXrtSD1Jo]

Reparto insuficiente

O Lugo non puido aproveitarse sequera dos dous cambios obrigados que tivo que facer Jagoba Arrasate polas lesións de Unai Medina e Martínez antes do remate da primeira parte. José Durán non esgotou os tres cambios dispoñibles. Tan só deu entrada a Sergio Marcos na segunda metade para refrescar o centro do campo. Foi o recambio dun Campillo desaparecido. Non tivo tempo para nada Abel Molinero, que esta temporada cotizou á baixa en case que todos os aspectos. Reemprazou a un Igor Martínez que desaproveitou a súa enésima oportunidade. Na segunda metade do campionato, e logo da marcha de Luis Milla, veu desfrutando de certa continuidade, pero nunca conseguiu ser un xogador mercedor da titularidade. A falta de intensidade foi tal que tan só Carlos Hernández viu un cartón amarelo.

Na segunda metade, o Lugo emitiu un espellismo. Saiu cun pouco máis de vertixe, pero a enerxía duroulle apenas uns minutos. O Numancia cedo recuperou o dominio do coiro e apostou polo xogo creativo, relegando ós visitantes ás contras, que nunca chegaron a bo porto. Aquino, preto do minuto 70, tivo a sentencia pero o traveseiro evitou o segundo. A oportunidade máis clara para a escadra luguesa foi froito dun rexeite rival. Ó final, un resultado pobre para un encontro máis pobre aínda. Desta volta, o curtocircuito estivo nas filas dun Lugo que xa facturara a equipaxe para as vacacións hai unha semana. Algúns pensarán na Champions, na Eurocopa ou na Copa América, pero ós do Lugo de corazón non se lles pasará que cando se quixo, non se puido; e cando se puido, non se quixo entrar na promoción de ascenso.

Ficha técnica:

Numancia: Munir; Medina (Regalón, min.23), Juanma, Orfila, Ripa; Mateu, Martínez (Valcarce, min.40), Gaztañaga, Íñigo Pérez, Vicente e Aquino (Alegría, min.72).

Lugo: Roberto; Álvaro Lemos, Israel Puerto, Carlos Hernández, Fernando Vega, Seoane, Carlos Pita, Campillo (Sergio Marcos, min.50), Jonathan Pereira, Igor Martínez (Molinero, min.84) e Joselu.

Marcador: 1-0, min 44: Valcarce.

Árbitro: Sagües Oscoz. Cartón amarelo para Carlos Hernández.

24130438986_c79616576b_k.jpg

Comparte:

1 Comment

Deja un comentario