Artículos

Brotes verdes

por Denís Iglesias 17 mayo, 2016

O pasado domingo, a UD Somozas pechaba a súa segunda tempada en Segunda División B. Facíao cunha vitoria diante da súa afección fronte á Cultural Leonesa (2-1), un equipo con máis de 90 anos de historia que tenta recuperar o terreo perdido. Con este triunfo, o conxunto verdiblanco quedou a tan só un punto dos leoneses, asinando unha histórica octava praza.

No verde do Manuel Candocia compareceron até cinco xogadores do CD Lugo, cedidos na disciplina da escadra somocense grazas ó convenio asinado entre ambas as dúas entidades este verán no que supuxo unha clara aposta pola canteira e fútbol base. Manu Cedrón (6 partidos), na portería, alcanzando a súa quinta titularidade do ano; ó seu carón, de partida, tamén estiveron Keko Vilariño (6) e o goleador deste equipo, Mario Barco (33), que pechou o ano cun gol, o seu oitavo no campionato.

CLASIFICACIÓN

Na segunda metade, ‘Stili’, a cabeza pensante desta xesta, introduciu neste Somozas con ADN albivermello ó lateral camerunés Serge Leuko (28) e ó dianteiro mariñao Pedrosa (5, 1 gol), que entrou en lugar de Keko. Ambos os dous xogadores aterraron no clube no mercado de inverno en busca de minutos. Quizais sexa este un dos grandes avances dados na nova etapa que comezou no CD Lugo no verán, co cambio de directiva.

As oportunidades que outros non tiveron

Todos estes xogadores, están a formarse nunha categoría tan competitiva como é a Segunda B, mentres agardan a dar o salto á división de prata. Conviven con outros con pasado no club lucense que tiveron que marchar fóra a todos os efectos para facer carreira. Este é o caso de Álex Bao e Pablo Antas. O primeiro, do 89, o segundo, do 90. Coincidiron no Lugo en Segunda B durante varias tempadas. Os dous, lucenses, pero que non conseguiron atopar o seu oco no equipo da súa cidade. Con todo un mundo para comerse decidiron probar sorte noutras parroquias futbolísticas.

antas e bao

Pablo Antas e Álex Bao | Foto: CD Lugo.

Os dous xogadores formaron parte do plantel que conseguiu o histórico ascenso a Segunda B co Somozas en 2014 logo de superar ó Tenerife B. Así, unha vila de pouco máis de 1.200 habitantes, conseguía ter un club, fundado no 1984, nunha categoría que foi un castigo para conxuntos con solera coma o Real Oviedo ou o Cádiz -que volverá xogar por enésima vez os playoffs este ano diante do Racing Ferrol-, pero que para os conxuntos modestos é unha absoluta delicia. Foi a merecida homenaxe para o presidente do club, Manuel Candocia, tristemente falecido durante un partido do Somozas en xaneiro de 2014.

No Somozas tamén milita outro xogador con pasado albivermello como é Diego Rey, que chegou até os xuvenís. “Ariete clásico. Rápido, potente e con olfato de gol. O seu futuro está no primeiro plantel do CD Lugo”, dicía del El Progreso en 2011 logo de ver varias actuaciones sobresaíntes na Liga Nacional Xuvenil. O redactor foi un vidente errado e Diego Rey rematou peregrinando por Galicia e fóra dela: Estradense, Somozas, Compostela, Atlético Levante e volta ás Somozas. El, como tantos outros, non puido nin lle deixaron afrontar o brutal chimpo que supón sair dos xuvenís para meterse nun club profesional.

diego-rey-8837305023

Diego Rey | Foto: CD Lugo.

Un Lugo de tres velocidades

Pódese afirmar que o Lugo leva unha década de continua progresión, na que pasou de estar soterrado no pozo da Terceira a confirmar a súa quinta presenza consecutiva na Segunda División, categoría na que só posuía un ano de experiencia até o seu ascenso en 2012. Pero este crecemento non veu acompañado dun satisfactorio traballo de canteira. Non se buscou crear músculo nun apartado fundamental para calquera equipo que pretende asegurar a súa pervivencia no tempo.

Cando Quique Setién fixo debutar a Iago Díaz en decembro de 2011 ante o Rayo Vallecano B algún tipo que fregar os ollos. A súa foi unha espléndida excepción que veu acompañada doutras esporádicas protagonizadas por xogadores como Julio Camba, que xogou en Segunda sendo un xuvenil en novembro de 2014 diante do Sabadell. Camba tamén foi cedido ó Somozas no pasado mercado estival, pero que deixou de militar no equipo somocense no seguinte período de fichaxes para regresar a casa, esta vez, ó Polvorín. O CD Lugo B, a efectos de organigrama, completa a aposta polo fútbol base e de canteira do equipo albivermello. Tres estratos diferentes nos que se están conseguindo éxitos de diferente calado.

camba

Julio Camba executa un pase no Anxo Carro | Foto: CD Lugo.

Se a clasificación do equipo adestrado por ‘Stili’ é fabulosa, non o é menos o ascenso acadado polo filial albivermello no seu primeiro ano baixo esta denominación. Os rapaces adestrados por Juan Carlos recibiron a súa merecida homenaxe diante do Alcorcón. Tanto os xogadores visitantes como locais fixéronlles un corredor de vencedores a uns rapaces que supoñen, xunto a todos os cedidos no Somozas, os gomos ou brotes verdes do Lugo, xa non do futuro, senón do presente. Estas sementes son imprescindibles para un equipo que quere seguir madurecendo, pero con terra propia, porque os fertilizantes foráneos e regos por aspersión son perecedeiros no darwinismo futbolístico que te atrapa se es incapaz de pensar máis aló de curto prazo.

26352973345_381c76ffa3_b.jpg

‘Broken’ controla un balón diante do Lourenzá | Foto: Xabi Piñeiro – LGV.

Foto principal: Leuko, lateral camerunés cedido no Somozas | Foto: Xabi Piñeiro-LGV.

Comparte:

1 Comment

Deja un comentario