Artículos

Un lucense en San Lázaro

por Xabier Piñeiro Neira 10 febrero, 2016
Tiempo de lectura: 3 minutos

Sábado. 6 da tarde. “Chove en Santiago”, como cantaban Luar na Lubre. Séntome na bancada de San Lázaro para ver o Derbi Galego dos pequenos que un día foron grandes e empezo a ver pasar por diante de min recordos de tempos mellores. Veñen á miña mente, como paisaxes fugaces na fiestra do FEVE, imaxes daquel outro fútbol, de tempos no que o Compos se codeaba cos grandes e nos que ó Pontevedra había que roelo. Fago unha panorámica coa mirada e penso en Fabiano, Ohen ou Nacho, e en como todo cambia dun xeito case instantáneo e cruel.

Un lucense infiltrado vendo traballar ós veciños, respirando outros ambientes, comparando sen querelo. A grada rosma sobre o tempo e sobre a vida. Chegou Fredi como novo adestrador e parece que todo é distinto pola cidade xacobea. Detrás de min, un grupo de vellos fan chistes durante todo o partido entre comentarios futbolísticos e informes de achaques. Pregúntolles polo equipo e falan dos xogadores como o avó que fala orgulloso do seu neto, con calor e cariño, pero cunha sorna e unha retranca tan galegas como o caldo de berzas. Eses homes viron a menos de 100 metros aquel gol de Ronaldo, e non se levantaron do seu asento cando o equipo se tivo que refundar sobre as súas cinzas desde Preferente. Non podo facer nada máis que sorrir, escoitar e aprender.

Baixo o diluvio, comeza o encontro e ó balón non lle da a gana de correr hoxe, prefire revolcarse nos charcos e saltar de cabeza en cabeza. Catú, criado na canteira compostelana, como Jimmy ou Chiño, convértese no Rei das Mareas e domina sobre a auga, marcando dous goles en sendos corners que achegan á Esedé a ese obxectivo tan impropio como é a salvación.

Cerca de mil valentes dispérsanse polas gradas enormes e intentan conseguir que os xogadores sintan o apoio, impulsando bombo e voz a través da pista de atletismo, e parece que funciona. Hai ambiente de derbi, de fútbol, pero dese fútbol de abaixo, no que se lle berra ó recollepelotas que trota cerca da grada, no que se lle berran bromas ó entrenador rival para picalo e non pasa nada, no que os xogadores son parte da familia e o negocio aínda é menos importante que o balón.

Entonces penso no meu. Penso en que no Anxo Carro xa nos esquecimos daqueles tempos nos que Cabo era como o avó de toda unha familia que poblaba a grada, de que xa non animamos e solo nos quentamos cando o árbitro de turno nos toca as narices. Temos un problema de memoria. Pode que as cadeiras novas do estadio sexan demasiado cómodas e pensemos que estamos na casa, vendo o fútbol pola TV. Estamos acomodados e só unha hostia de realidade nos pode sacar de este estado vexetativo no que vive a nosa afección.

Fai pouco que en San Lázaro xogaban o Madrid e o Barcelona e nos estabamos partíndonos o cobre co Porriño Industrial ou o Rápido de Bouzas, (con todo o respecto que estos merecen) e hoxe todo é distinto. Non podo deixar de ter esa sensación de que os mellores anos do CD Lugo aínda están por chegar, pero non sin o noso alento.

CanWXFKXIAA-6Lz

Foto: Xabi Piñeiro – LGV

Comparte:

Deja un comentario