Artículos

Socio, busca un socio

por Denís Iglesias 4 septiembre, 2014
Tiempo de lectura: 3 minutos
Calquera galego nado hai unhas décadas lembra con nostalxia a época do Xabarín Club. Si, o programa aínda existe, pero non coa forza de antes. Outrora, este espazo infantil marcou época grazas a series inesquecibles como Bola de Dragón. É raro aquel que non conserva o carné de socio dun programa que buscaba os 100.000 abonados. Así o comentaba aquela copla chamada ‘Socio, busca un socio‘. Unha oda ó boca a boca, considerada como a mellor técnica de mercadotecnia aínda nos tempos das redes sociais.

[youtube https://www.youtube.com/watch?v=jzEr7GRXlrI]

Unha vez máis temos que sacar proveito do que aprendiamos no Xabarín, que non foi pouco. Toca levalo ó Lugo e á súa campaña para a tempada 2014 / 2015, un curso que xa comezou e no que as primeiras ilusións son unha realidade. “No colexio ou na escola temos que pasar a bola”, comentaba o porco bravo aló polos 90. Aló foron os tempos cando manifestar que un era do Lugo era case tabú. Cando o equipo deambulaba por Terceira e competía man a man con equipos coma o Racing Vilalbés.

Agora é tempo de soñar. E calquera afeccionado albivermello pode facelo en total liberdade. Aqueles que viviron as fases máis duras do equipo teñen agora que exercer de apóstolos. Hai que converter á xente. Vai sendo hora de que Lugo se volva unha cidade politeísta no aspecto futbolístico. Non hai nada incompatible con apoiar ó equipo da túa cidade. Non tes que presentar un certificado de lucensismo para dar o paso, tan só tes que pensar no que esta humilde entidade está a lograr.

Moitos falaban de que a segunda aventura do Lugo en Segunda ía durar o que a primeira. Pero aquela tempada 1992 / 1993 quedou superada con estes últimos cursos. Aínda así, na bancada hai unha materia pendente. Malia que o club vive un máximo histórico en termos deportivos, a asistencia ó Anxo Carro flúe nunha curva dramática que non parece remontar. Os éxitos do Lugo son froito dun traballo en común no que participan seguidores, directivos e xogadores. Os fracasos, máis do mesmo.

O valor do fútbol no campo

Non se pode negar que o prezo dos abonos é alcanzable. Canto menos se se comparan co valor que están a impoñer os clubs da LFP. Poucos están a ser conscientes de que os estadios están a vivir un panorama desolador, sendo un fiel reflexo da actual situación socioeconómica. Certo é que o Lugo suprimiu nos últimos anos os descontos para parados e para mozos, e que algún destes poderá ter dificultades para atopar os cartos. Non é menos verdadeiro que este ano o club puxo da súa parte facilitando os pagos, á vez que pretende favorecer a aqueles que traian novos socios. Aí volve á carga a proclama ‘xabarinesca’, na que a forza da masa social xurde dela mesma.

O Lugo é un equipo pequeno, e como tal, padece certas doenzas. Doenzas que se transmiten ós seguidores con máis anos de militancia. Algúns destes posúen unha especie de síndrome que lles leva a desprezar a todos aqueles que non posúen carné. Da igual que sintan admiración ou respecto polo club. Ou que foran só a algún partido. Só lles vale afirmar que eles sempre estiveron ó lado do equipo e que ninguén os pode igualar. Eles cren que iso é amor e non é máis que unha forma de autoodio que pouco ou nada favorece ós intereses da entidade que din defender.

Así que vai sendo hora de comentarlle ós compañeiros de traballo, da escola, do bar ou do ambulatorio as virtudes de acudir ó Anxo Carro. Temos un estadio precioso. Si, non é un exemplo de arquitectura sostible, nin está dotado á última, pero é marabilloso. Perfecto en comparación con aqueles estadios nunca estarás na túa vida, aqueles nos que o fútbol se mira a quilómetros de distancia. Tantos como a distancia que as estrelas e os millóns que haxa no campo marquen. E vale que a cervexa saiba rara este ano, pero sempre vai saber mellor que a de lata que bebes no sofá mentres berras sen atopar resposta.

Socio, busca un socio e farás a ese club grande. (Até o 12 de setembro tes tempo, día no que se fecha a campaña).

Do contrario, teremos que entoar esta outra peza do Xabarín, pero coa derrota baixo o brazo… 

[youtube https://www.youtube.com/watch?v=DfaXFdRw9ZA]

Foto: LKFirm.

Comparte:

Deja un comentario