Artículos

E para comer e beber… CD Lugo

por Denís Iglesias 21 julio, 2014
Tiempo de lectura: 2 minutos

O equipo luciu unhas curiosas camisolas no seu primeiro partido de pretempada

Se hai algo polo que destaque a cidade amurallada é pola súa ilustrísima cultura gastronómica. Os encargados de deseñar as equipacións do Lugo –Enfíos Texgroup–  están sabendo sacar partido a este valor engadido. Así o amosaron no primeiro partido da pretempada, no que o equipo abandonou a albivermella por un día e vestiu unhas orixinalísimas camisolas nas que estaban impresa deseños culinarios.

Unha caña… 

Cando o Lugo saiu ó campo da Veiga de Riotorto, os afeccionados non daban creto ó ver a equipación que portaban os lucenses. Algún debeu pensar que se pasara co licor de herbas á comida. Pero non había lugar para os engaños. O patrocinio de Estrella Galicia estaba mellor integrado que nunca nunha camisola que lembraba a unha caña de cervexa, grazas á cor dourada, ás burbullas e á escuma branca.

… e unha tapa de polbo

As sorpresas non remataron aí. Porque cando un sae en Lugo a tomar un algo sabe que o fai coa intención de chegar ceado ou comido a casa. A tapa do conxunto foi nesta ocasión Jon Ander Serantes. O recén incorporado meta vasco enfundouse unha camisola que levaba tatuado un longo rabo de polbo. Nada máis lucense para acompañar ó zume de cebada.

Á venda na tenda da Rúa da Raíña

A estratexia de marketing do tándem Enfíos – Estrella Galicia tivo un éxito inmediato. Como non podía ser doutro xeito, a imaxe da camisola estendeuse como a pólvora a través das redes sociais. O seguinte paso foi o traspaso da repercusión ós medios de comunicación.

A intención é que o Lugo vista esta equipación durante a pretempada. A finalidade da mesma é a de promocionar dous produtos tan nosos como son a cervexa e o polbo, á vez que busca reforzar a marca do club lucense fóra da cidade amurallada. Este conxunto non estaría incluido dentro dos tres oficiais que foron presentados hai unhas semanas. Malia todo, os afeccionados poden adquirir estas gastronómicas vestimentas na tenda oficial do club, situada no nº19 da Rúa da Raiña. O prezo das mesmas é de 39 euros cada modelo.

 

Comparte:

Deja un comentario