ActualidadPrevia

Reus non se pecha

por Denís Iglesias 3 noviembre, 2018
Linares abraza a un compañeiro durante o partido contra o Rayo Majadahonda | Foto. LaLiga123.

Malia que a macroeconomía intúa unha recuperación, o certo é que os cartos das familias seguen a contarse peso a peso. As contas das multinacionais van saíndo, con porcentaxes positivas, pero os peches de fábricas, sobre todo en territorio occidental, non cesaron. “Alcoa non se pecha” foi o último berro de solidariedade cos traballadores que se están a ver afectados pola clausura dos centros produtivos desta empresa alumínica na Coruña i en Avilés. Dous clubes antagónicos como o Real Oviedo e o Real Sporting de Gijón uníronse para amosar o seu apoio a esta causa. Riazor tamén se uniu ó clamor. 

A situación das Sociedades Anónimas Deportivas non é allea ó ir e vir de capitais e xogo de torres que formula o sistema. Javier Tebas, presidente da LFP, impuxo un férreo control económico ás entidades que forman parte do fútbol profesional. Isto permitiu reducir a débeda de algunhas, pero a medio prazo está a forzar a outras entidades a camiñar sobre o arame. É o caso do CF Reus Deportiu, vindeiro rival do CD Lugo, que se converteu en SAD en 2013, cando aínda estaba en Segunda B, e que agora ten unha débeda de cinco millóns de euros. Este buraco estálle a impedir cumprir cos pagos dun plantel semiprofesional, cun bo feixe de canteiráns, debido ó seu límite salarial: 3,1 millóns, o máis baixo da categoría, a moita distancia dos 25,2 millóns de euros do Málaga, o líder neste apartado. O Lugo é o sexto menor límite, con 5,1 millóns de euros.

Una débeda encadenada

A historia ven de lonxe. En 2016, cando equipo aínda militaba en Segunda B, o plantel denunciou o impago de tres nóminas, poñendo no punto de mira a Joan Oliver. O ex director xeral do FC Barcelona converteuse no máximo accionista cando o equipo aínda non ingresara no fútbol profesional co 90% dos títulos. Propúxose levar ó club a Segunda e conseguiuno. Ese mesmo ano aprobouse unha ampliación de capital de 2,85 millóns cos cobros aínda pendentes. Daquela falouse dun simple trámite. A pasada campaña, a SAD do Reus publicou que tiña unha débeda de 944.000 euros coas administracións públicas. Isto impediu á compañía presentarse ó concurso de licitación do Camp Nou Municipal.

Joan Laporta e Joan Oliver, cando formaban parte da directiva do FC Barcelona.

Joan Laporta e Joan Oliver, cando formaban parte da directiva do FC Barcelona.

No comezo ligueiro, durante varias xornadas, o Reus publicou semana a semana os seus problemas para inscribir xogadores (outros como o Lugo escurriron o vulto até que deron co truco). Os seareiros agardaron sen moita fe as inscricións de xogadores como Yoda, Vitor, Tito ou Isaac Cuenca mentres outros como Lekic, ante a incerteza, optaban pola fuga, neste caso ó Cádiz. Nestes intres, Joan Oliver está na procura dunha inxección de capital de 3 millóns de euros para afrontar a débeda. Ven de acollerse ó preconcurso de acredores, paso previo á suspensión de pagos. Sería o primeiro club da Era Tebas en verse nunha situación semellante, o que debe por en alerta ós accionistas do resto de SAD sobre as contas e o control. Joan Oliver ven de por en marcha unha ampliación de capital de 2,5 millóns de euros para gañar tempo e negociar cos acredores antes de que se produza unha intervención xudicial.

O Reus tivo problemas en Terceira, cando se transformou por primeira vez en SAD, que logo se disolveu para volver a retomar esta forma con Oliver

“O ano pasado tamén houbo problemas de cobro. Agora hai unha débeda de cinco millóns de euros, cando o Reus nunca foi de ter demasiados pufos económicos. Tívoos en Terceira, cando se converteu por primeira vez en SAD, que logo se disolveu, e que despois se volveu retomar con Oliver, pero daquela interviu o Ajuntament”, lembra Joan Alfons López, xornalista de Tarragona Digital e Tarragona Radio.

Outro xornalista que cubre a actualidad do equipo reusenc, Gerard Amigó, narrador de Liga 123 TV e dos partidos do Reus en Radio Marca, tilda a situación de “grave”. “A débeda, que a propri non parece moita, porque outros clubes tiveron máis, si o é no caso do Reus, o penúltimo equipo en socios da categoría de prata con pouco máis de 2.000. Hai equipos como Sporting ou Real Zaragoza, que teñen 20.000, e que lles supoñen ingresos de 5 ou 8 millóns”. Joan Alfons López refuta a tese de como a directiva se escuda na pouca afección como desencadeante da situación. Isto tería obrigado ós xestores a gastar máis da conta para poder se competitivos.

Un plantel con orgullo pero que pode quedar libre

O desenlace pon en evidencia o fracaso que supoñen as SAD para os clubes modestos, nalgúns casos saneados, como o foi o Lugo. Esta transformación, obrigada para militar en Segunda, supuxo na entidade da cidade amurallada unha convulsa adxudicación de accións, un cambio de quenda na presidencia e un terremoto que aínda se sente. De igual xeito, este proceso evidencia que unha ampla masa social pode ser un colchón para os tempos máis duros. Materia pendente esta tamén no CD Lugo, dos equipos con menos abonados da categoría.

O axente Jorge Mendes é o nome que soa con máis forza para facerse co conxunto accionarial da SAD do Reus 

O túnel sen saída só pode ser alumeado por un inversor foráneo que imporá a súa lei nas necesidades. Agora mesmo, segundo conta Amigó, só está sobre a palestra o nome do axente de futbolistas Jorge Mendes, quen mantén boas relacións con Joan Oliver. Gus Ledes, Vitor Silva, Ricardo Vaz, Guzzo, Dinis Almeida, Cassama e Semedo viñeron da man do portugués. Este luns, o Reus celebrou unha xunta de accionistas na que podía terse apuntado quen sería o inversor, pero non quedou nada pechado. Xunta á que tan só acudiron uns vinte accionistas que se reparten o 10% que non ten o ex director xeral do Barça. O escenario, aínda que accionarialmente diferente, lembra moito ás xuntas que convoca o CD Lugo SAD en Nadal con escasísima participación. Nesta reunión o consello de administración reduciuse a tres persoas para facilitar o proceso de compra, que podería darse de diferentes xeitos. Ben coa entrada de varios actores ou cun único que se faría con todo o paquete.

“Penso que o plantel está sostendo ó club. De feito, o que están facendo os homes de Xavier Bartolo é digno de admirar. Aínda non cobraron a nómina e semella que podería facer atraso coa de outubro”. “Se o Reus acumula tres meses de impagos, os xogadores poderán irse libres do club. Eles non cren no discurso de Joan Oliver, quen o pasado 31 de agosto, a pregunta dos medios, dixo que o club non corría ningún perigo”, defende Joan Alfons López, quen apunta que os futbolistas que pertenceron ó Reus a tempada pasada tampouco cobraron as primas por obxectivos.

Xavier Bartolo, en su presentación con el CF Reus.

Xavier Bartolo, na súa presentación co CF Reus.

Malia ter o pescozo mergullado na auga, o Reus está aguantando o tirón inicial. É 17º, con 12 puntos, un por riba do descenso que marca o Cádiz, e os mesmos que o CD Lugo, tamén boureado polo famoso límite salarial. Os de Bartolo están decididos a erguer o cartaz de ‘O Reus non se pecha’, polo menos mentres duren as enerxías e a esperanza dun troco. Ou simplemente para porse no escaparate ante unha posible saída. Ningún xogador quere sair a perder, e a historia demostrou que ás veces as necesidades poden derivar en fitos, como o de aquel Xerez desfarrapado de Emilio Viqueira, director deportivo do CD Lugo, que subiu a Primeira.

Os de Bartolo tampouco están dispostos a pecharse fronte a un rival directo por eludir o descenso como é o Lugo dun Alberto Monteagudo que debuta en liga logo do empate contra o Levante da Copa. No eido puramente deportivo, o adestrador do Reus deixou caer en rolda de prensa que seguirá formando con defensa de cinco. De ser así, continuará tendo minutos Pereira (en detrimento de Mikel Villanueva, lesionado), central do Reus CF Cambrils, filial reusenc que milita en Terceira División e cuxos xogadores están a ser clave para a supervivencia do primeiro equipo. O Lugo atoparase diante un 5-3-2 que podería estar conformado por: Badia; Bastos, Catena, Olmo, Pereira, Borja Herrera; Gus Ledes, Mario Ortiz, Juan Domínguez; Fran Carbia e Linares.

Foto: LaLiga

Comparte:

Deja un comentario