ArtículosFirma Invitada

O noso Fondo Sur: para novos seareiros e visitantes

por Colaboración 23 agosto, 2018
Instante de un pasado Lugo - Elche | Foto: Xabi Piñeiro - Lugoslavia.

Por Iago Piñeiro, socio do CD Lugo no Fondo Sur

O ano pasado pisei por primeira vez esta grada (e o Anxo Carro, sonche dos tardíos…). Para non faltarvos a verdade, case case que a sensación chegaba a ser de medo unha vez pasabas os tornos de entrada. Pasar por debaixo de semellante algarabía de andamios facía presaxiar calquera cousa, e ningunha delas boas. Sentirte por riba deles tampouco é o mellor. As primeiras veces que ocupas esta zona do Estadio preguntaste canto vai tardar en caer ou ata onde alcanza a súa seguridade, dada a súa vibración. Logo chegan as afeccións de Real Oviedo ou Sporting, con miles de persoas botando sobre a mega-construcción e xa se che pasa todo.

Mais non nos imos enganar, nós porque tragamos con todo, pero o estado desta grada é mais ben precario. Primeiro, por visibilidade. Decenas de piares dificultan, e bastante, a visión do xogo, e do campo. Dependendo de onde te atopes, tes que ir movendo a cabeza para seguir o balón, algo que carece de lóxica, sobre todo porque pagamos o mesmo que os compañeiros de Norte, que non se atopan con estas dificultades. Segundo, porque de vez en cando apetéceche baixar a por un tentempé (deso que o partido non vai como che gustaría) e raro sería que non che caiga un pouco de auga por riba do trozo de pizza, a causa de colarse esta entre o feixe de ferros. E terceiro, porque afea totalmente o estilismo do que goza o Anxo Carro dende a súa remodelación fai xa uns aniños.

Pero non todo é malo no lado escuro do Anxo Carro. A pesar de que acostuman a misturarnos con afecións foráneas, atrévome a dicir que somos, despois do fondo de enfrente, o que máis caña lle da o asunto. Cando se trata de animar, poucas veces faltamos á cita (curioso que aquí os andamios que tanto suspira -mos- a afección lucense porque desaparezcan serven para facer un estrondo tremendo a modo de ánimo que ningún aboado puido escapar de oir algunha vez). E se non que lle pregunten a Juan Carlos, que NO DÍA (si, no día, non haberá outro igual) atopou nas súas costas unha masa entregada que seguro facilitou (un pouquiño) a súa obra maestra.

O de que de vez en cando veñan visitarnos doutras partes, ten a súa cousa. Por unha parte, a diversión está asegurada. Se non cantas ti, xa cantarán eles, que para algo percorreron tantos kilómetros. E cando se trata de afeccións máis ou menos irmás as conversas e amizades futbolísticas xorden da nada. Iso sí, ás veces, como este ano cando miles de ‘carbayones’ nos visitaron a tensión é excesiva, vendo como te insultan e destrozan o teu malquerido Fondo Sur e tendo que chegar a mediar a Policía.

En calqueira caso, á nosa grada, co desinterese por parte das institucións ou do propio club para levar a cabo calquera tipo de remodelación, as ameazas de demolición por medio, as promesas incumpridas, ou o futuro incerto, e todo canto lle é propio, acábaselle collendo cariño. Tanto que hai quenes podendo cambiar a outras zonas polo mesmo prezo, o corazón acaba ditando que renovenos abono, e que o fagamos para onde si non… para o noso FONDO SUR…

Imaxe de apertura: un Lugo-Elche fotografado por Xabi Piñeiro. 

Comparte:

Deja un comentario