ArtículosCrónica

San Benitiño de Paredes

por Denís Iglesias 9 agosto, 2018

Conta unha copla ben coñecida, interpretada entre outros grupos pola Roda, que no caso de que un queira ir de festa en xullo, non debe escoller o San Benitiño de Paredes, que seica hai un máis milagreiro en Pontevedra, o de Lerez, que cumpre con tódalas prerrogativas. Son dúas versións do mesmo santo e da mesma festa. Segundo o cantor, na primeira non se pasa mal, e incluso se un ten fortuna pode sanar a perna que tiña desgrazada e botar uns bailes ben animosos, pero, ai… coma o de Lerez non hai para colmar a felicidade.

Algo así lle pasou ó CD Lugo fronte ó Dépor na súa presentación oficial no XXXV Memorial Manolo Martín, que perdeu pola mínima logo de conceder dous tantos na primeira parte e non ser quen de remontar na segunda. O conxunto de Javi López amosou unha solidez defensiva que estragaron os dous erros que conduciron ós goles branquiazuis e adoeceu de efectividade ofensiva, pero que en termos xerais sentiuse un conxunto feito fronte a outro da súa categoría pero que aspira a escapar da mesma cara Primeira.

A excelencia do San Benitiño de Lérez está aínda lonxe do Anxo Carro. Tamén no tempo, pero iso si que sería unha milagre. O sol que acompañou ás ringleiras que se formaron pola mañá nas oficinas do CD Lugo para recoller as entradas mudou en chuvia intensa pola tarde. Nada que vaia extrañar ós xogadores albivermellos este curso. Auga e frío en agosto, para confirmar o que dicía outro poema, esta vez de Curros Enríquez, no que afirmaba que para el nunca había maio, que para el sempre era inverno. O ballón é tamén unha perfecta metáfora do que lle espera ó club esta temporada: moitos chuzos de punta ós que haberá que secar para sacar adiante a incrible misión de sobrevivir na Segunda máis dura que se lembra.

Dous erros desfixeron a solidez que amosou o Lugo durante case todo o partido

Están chamados a por luz no camiño xogadores como Juan Muñiz, que onte se desvelou na primeira parte como o temón do Lugo. Con traballo, vai ser o faro e os seus continuos centros e debuxos coa perna á beira da área así o confirmaron. Pero nin Jona nin Dongou souberon atopar o camiño do gol que si descubriu o Deportivo preto do descanso. Primeiro, logo dunha contra que abriu as costuras da defensa albivermella e que José Carlos acabou desviando cara a meta propia. Son erros que doen, porque botan ó lixo un depurado traballo defensivo. Da mesmo índole foi o que cometeu Juan Carlos fronte ó remate de Pedro Sánchez, nome que parece ser sinónimo de triunfo nos últimos tempos…

Chove sen fin, pero ti estás lonxe de min

Pero a oposición do Lugo non se desfixo na segunda parte, na que o baile de trocos trouxo un equipo de novo, aínda que non a mudanza do novo versículo deste club: o neoclásico 4-4-2. Agradou ver a forma na que se atopan xogadores como Kravets ou as posibilidades que ofrecen outros como Vieira, un central cunhas características identitarias neste Lugo e que evidenciou que malia prever que é un central zurdo, manéxase igual de ben coa perna dereita. Outros que aterraron hai pouco como Aburjania ou San Emeterio son quen xa de amoldarse ó bloque, algo que agarda facer axiña Lazo, chamado a ser a referencia no flanco esquerdo, malia que terá que coller o ritmo logo de non adestrar no que vai de verán.

Os de Javi López tiveron dificultades para defender o xogo aéreo do Deportivo

Quixo Jona porlle emoción ó partido rematando un preciso centro de Leuko, que terá unha dura competencia nesta posición co propio San Emeterio e Campabadal, tripla entente misteriosa que veremos si se mantén. A choiva fíxose ó final a auténtica protagonista dun encontro que non vería máis grandes ocasións que os achegas sempre perigosas do Deportivo a balón parado. Aí o CD Lugo amosou un gran déficit para defender estas opcións, que serán cruciais no devir do curso regular. Comentaba Dani Tortolero nunha entrevista con esta web que unha das antigas obsesións de Javi López eran as xogadas de estratexia, polo que deberá revisar eses cadernos nos que presumiblemente facía debuxos de todas as posibilidades coa pelota estática.

Ficha técnica: 

RC Deportivo: Dani Gimenez, David Simón, Domingos, Bóveda, Caballo; Pedro Mosquera, Borges; Pedro Sánchez, Edu Expósito, Fede Cartabia; e Quique González. Tamén xogaron: Uxío, Krohn-Dehli, Carles Gil, Dubarbier, Gerard, Albentosa e Pablo Marí.

Marcador: 0-1: José Carlos en propia meta (min.36); 0-2: Pedro Sánchez (min. 43); e 1-2: Jona (min.55).

Árbitro: Javier Iglesias Villanueva. Amonestou ó local Bernardo (min. 60).

Incidencias: XXXV Memorial Manolo Martín, no que a recadación foi para un Banco Farmacéutico de Galicia. Preto de 3.000 espectadores nunha tarde chuvosa.

Camisola de Gaza, accesos de Cisxordania

Máis aló do sucedido no terreo de xogo, o conxunto albivermello presentou ó fin as súas camisolas para a tempada que comeza nunhas semanas. Máis ben, a primeira… Este ano presenta unhas franxas desiguais á altura do pescozo e unha especie de arame de espiño que o deseñador deberá explicar. Non sabemos se será unha homenaxe ós pastores eléctricos ou á loita palestina. Detalle telas presentado tamén cos rapaces do filial, pero pouca visión de mercadotecnia facéndoo sen aviso previo e na zona mixta do campo, a diferenza doutros anos. A segunda segue a ser a do ano pasado e a terceira, coa que viñan xogando en pretempada, a que usaron os porteiros outros anos. Cero imaxinación para Hummel que ten no Lugo un cliente barato e fácil de servir.

Peor é o estado dos arredores do Anxo Carro, onde a broza segue a ser a dominante fronte a inoperancia do Concello de Lugo. O mesmo sucede cos accesos, propios dun territorio en guerra. Nin pasarela nin melloras semellan preto para un campo da Xunta abandonado polas institucións que precisa unha urxente reforma, dentro e fóra, para animar á xente a baixar ó estadio e para que os visitantes sintan que aquilo non é un inmoble artellado polo mismísimo Dr. Frankenstein.

Comparte:

Deja un comentario