ActualidadArtículos

O epílogo da mesma película de sempre

por Ramón Rivas 6 junio, 2018

Comentaba Fernando Seoane xa na zona mixta posterior ao último partido da tempada, sempre tan diáfano e natural o capitán, que nos seis anos que levamos en Segunda a película sempre foi a mesma (sic). Se ben é certo que o Lugo volveu a padecer de escasez de puntos na segunda volta para manter o ritmo da primeira e poder ilusionar así á súa parroquia, non o é menos que, por sexta vez consecutiva, temos que darnos cun canto nos dentes por acadar a permanencia sen ningún tipo de apuro volvendo a figurar como un dos presupostos máis humildes da categoría de prata do fútbol español. Para ser máis concretos, a entidade dirixida por Tino Saqués contaba neste exercicio co 18º tope salarial da Segunda División, soamente por diante de Lorca, Reus, Numancia e Nàstic e por tras de conxuntos como o Alcorcón, o Albacete ou a Cultural Leonesa. Sen embargo, hai cousas que si que veñen cambiando dun tempo a esta parte.

En primeiro lugar, as saídas tanto do adestrador como do director deportivo, as que en principio se poden ver como algo negativo para o clube, non son nada máis que o reflexo do gran traballo feito nestes últimos meses. Como xa sucedera no caso de Luis César Sampedro, e a diferenza das situacións de Luis Milla, Toni Otero e Emilio de Dios, son os propios protagonistas os que, en vista de que contan con ofertas máis atractivas enriba da mesa, deciden rachar os seus contratos -ou non renovalo, no caso de Luis César- para poñer rumbo a equipos con máis posibilidades das que ofrece o cadro albivermello. Podedes chamarme inxenuo, pero eu son dos que non cre nas teorías conspiratorias e si en que, se estás traballando no Lugo e chaman á túa porta o Valladolid, o Granada ou o Alavés, o lóxico é que acabes por marchar. Ademais, o feito de que estes contratos se resolvan dun xeito amistoso e non con malas formas supón un xesto de madurez por parte do Lugo, que non se cerra portas ante ningunha situación favorable que se lle poida presentar nun futuro, por máis irreais que poidan parecer a día de hoxe.

Víctor Moreno, o prestidixitador da palabra

Un conquense descoñecido para todos nós aterrou na cidade da Muralla aló por abril de 2017 para cubrir a vacante deixada semanas atrás por Emilio de Dios e as súas chaquetas. Pouco ou nada podíamos dicir daquel rapaz con pintas de xenro perfecto, simplemente que viña de traballar nun Albacete que marchaba líder do Grupo 2 da Segunda B cunha bonita vantaxe de puntos sobre o segundo clasificado (acabaría logrando o ascenso de categoría). Non obstante, o que nun primeiro momento parecía un movemento dirixido a reforzar a posición de Luis César no Lugo e a crear un tándem que perdurase co paso do tempo, axiña se descubriu como moito máis que iso.

O valor do traballo de Víctor Moreno reside máis nos cambios estruturais que realizou no clube que en fichaxes concretas. Vaise deixando ao Lugo máis cerca da elite.

Víctor Moreno demostrou ser un home de clube por riba da figura do arousán e no seu haber sempre quedará, máis aló da excelente claridade nas súas explicacións e esa innata facilidade para o dominio da palabra, o feito de deixar no clube unha metodoloxía e unha estrutura moito máis profesional da que se encontrou, incluso en aspectos que para nós, os afeccionados de a pé, resultan un tanto difíciles de valorar e apreciar. O seu traballo no referente ás cláusulas e á duración dos contratos mellorou moito ao dos seus antecesores, e centrouse en aportar á entidade un valor engadido con cada movemento e evitar casos como os de Ignasi Miquel, isto é, perder xogadores fundamentais con contrato en vigor por sumas de diñeiro que nin de lonxe se aproximan ao valor real de mercado do futbolista en cuestión. A venta de Marcelo Djaló, ata o de agora a máis produtiva en termos económicos da historia do cadro lucense, tamén é un tanto que se lle debe anotar ao conquense.

Como puntos negativos, cabe salientar a escasa presenza de futbolistas galegos e a falta de confianza na canteira, pois aínda que asegurou que gardaba un papel preponderante nos seus plans, á hora da verdade sempre priorizou o feito de acudir ao mercado. A renovación de Mario Barco, moi complicada de levar a cabo a estas alturas, tamén será unha espiña que quedará cravada na pel do afeccionado do Anxo Carro, aínda que nestes casos (dende o descoñecemento) sempre é complicado valorar se pesou máis a racanería do clube ou a ambición desmedida do xogador e o seu axente.

Azeez e Campabadal foron dous grandes acertos de Víctor Moreno. / Foto: CD Lugo.

En canto aos nomes concretos, penso que por riba do resto cabe destacar ás figuras de Juan Carlos, Edu Campabadal e Ramón Azeez. Bernardo, Luis Ruiz, Albarracín e Herrera estarían nun grupo medio, inmediatamente por encima dos Luis Muñoz, Josete, Guille Donoso, Sergio Díaz e Fydriszewski que, lesións a un lado, nunca foron capaces de deixar atrás esa mochila de rendemento decepcionante. O mercado invernal merece capítulo aparte, porque se ben é certo que tanto Chuli como Álvaro Lemos non foron quen de rendir á altura das expectativas, sobre o papel parecían dúas incorporacións nas que todos confiábamos e pensábamos que lle podían dar un salto de calidade ao equipo. José Carlos e Jaime Romero, pola contra, deixaron multitude de detalles interesantes. A falta de poder ver en acción coa albivermella a Kike Pérez e Hugo Rama para así poder valoralos, o gran acerto de Víctor Moreno reside na fichaxe de Francisco, un adestrador ecléctico e con carácter que por momentos levou ao Lugo ás cotas máis elevadas da súa historia e do que máis adiante falaremos.

Con Emilio Viqueira no punto de mira

A estas horas, o santiagués parece o mellor colocado para capitalizar a secretaría técnica do Lugo. Máis aló daquel técnico -e nos seus últimos anos pasado de peso- xogador que irrumpira na canteira do Dépor e desenvolvera o groso da súa carreira no Xerez e no Recreativo de Huelva, está un puxante director deportivo con 7 anos de experiencia ás súas costas. Logo de dous cursos introductorios no Xerez, o Nàstic de Tarragona confioulle o proxecto de devolver ao equipo grana ao fútbol profesional, e vaia se o conseguiu. Tras quedarse ás portas do ascenso na primeira tempada, lográrono no segundo intento e a piques estiveron de acadar a machada de subir a Primeira no seu debut na categoría de prata, pero xa nada sería igual. A gran parte dos pesos pesados do vestiario fóronse en busca de mellores contratos, e isto forzou unha reconstrucción que o Nàstic non afrontou da mellor maneira. Despois de dúas tempadas moi complexas, nas que o cadro tarraconense acadou a permanencia de forma moi apurada, Emilio Viqueira decidiu dar un paso ao costado por mor da tensa situación que se vivía entre a afección e o equipo. Entre bágoas, e arroupado por presidente, consello de administración e plantilla, o galego ofreceu unha emotiva rolda de prensa na que se despedía da entidade granate.

Se finalmente fructifica a opción, Viqueira contará ao seu favor con dous factores fundamentais: a experiencia no cargo (contactos, consciencia dos procedementos a seguir…) e o coñecemento da categoría. É previsible que a circunstancia de ser galego lle confira unha sensibilidade especial cara os xogadores da casa, pero tamén xera algunha dúbida o feito de que no Nàstic, e significativamente nos dous últimos anos, apostase por incorporar a unha gran cantidade de futbolistas estranxeiros.

Francisco, un pura sangue na banda do Anxo Carro

A pesar de ter descendido co UCAM de Murcia unhas semanas atrás, cando se confirmou que Francisco Rodríguez sería o adestrador do Lugo fumos moitos os que acollimos a decisión con optimismo. Adestrador moi novo, pero xa con experiencia en Primeira e en Segunda e que parecía responder a un perfil de gusto polo fútbol asociativo. Sen embargo, e sen deixar isto de ser certo, pouco a pouco descubrimos a un home adaptable que o único que non negociaba era a intensidade e o esforzo ao longo dos 90 minutos. A pesar de ter un arranque de liga un tanto dubitativo, outorgoulle ao equipo un carácter que lle axudou a coller unha racha impresionante de victorias nos últimos minutos que o levou ata o máis alto da clasificación, postos nos que se movería durante o resto da primeira volta.

O seu forte carácter costoulle a Francisco varias expulsións ao longo da tempada. / Foto: Cadena SER.

Tendo en conta que ao longo de toda a tempada o equipo non tivo un goleador consolidado e por tanto baseou o seu gran rendemento na solidez defensiva, a lesión de Campabadal e a venta de Ignasi Miquel foron dous óbices imposibles de superar e o Lugo baixou considerablemente o seu rendemento na segunda volta, o que o inhabilitou para ser capaz de pelexar polos postos de promoción de ascenso. O debut de Pedro López, a consolidación de Escriche no primeiro equipo e a prolífica reconversión de Pita á posición de central serán detalles que favorecerán ao Lugo nun futuro e que levan indefectiblemente o selo do técnico almeriense.

Tras quedarse a un punto de igualar a máxima puntuación histórica do clube na categoría, o que sen dúbida se pode calificar como un éxito, é unha mágoa que a despedida de Francisco non sexa todo o positiva que podería selo, e isto foi provocado únicamente pola actitude do adestrador, que tras reunirse con outros equipos tendo contrato en vigor e sen agardar sequera a que rematase a tempada, dedicouse a responder con ambigüedades en rolda de prensa cando o seu futuro parecía claro que non pasaba por Lugo. Aínda así, clube e adestrador racharon o seu contrato de mutuo acordo, e agora falta por ver cal é a cantidade que isto reporta á tesourería albivermella, en principio unha cifra entre os 200.000 e os 500.000 euros. Curro Torres, perfil similar ao de Francisco e que xa formara parte da terna de candidatos durante o verán anterior, parece a estas alturas o mellor colocado para ocupar o oco que deixa libre o almeriense. Sexa quen sexa, non queda outra que desexarlle sorte, e sen dúbida vaina precisar para tratar de igualar ou superar a quen para min foi, coas súas luces e as súas sombras, o mellor adestrador que pasou por Lugo despois da saída de Quique Setién.

Foto principal: Xesús Ponte / El Progreso

Comparte:

1 Comment

Anónimo 6 junio, 2018 at 15:41

👏👏👏👏

Reply

Deja un comentario