Entrevistas

Javi Pita: “Só por ver a un pobo unido e alegre xa mereceron a pena os playoffs”

por Denís Iglesias 9 junio, 2018

Isto comeza cunha conversa nun adestramento de rapaces no Sagrado Corazón:

  • Ben, entón, vós de que equipo sodes?
  • Pois do Real Madrid…
  • Como?! Pero de onde sodes?
  • De Lugo…
  • Entón, entón… Sodes do CD Lugo, non?
  • En segundo lugar, si, do Madrid e do Lugo.
  • Imposible! Vós sodes do Lugo, logo do Sagrado do Corazón e logo… Logo se tal, do Real Madrid.

Quen fai esta labor pedagóxica nunha cidade na que até hai uns anos era case que un pecado ser do equipo da mesma é Javi Pita (10/01/1991, O Vicedo). Un home que outrora foi un mociño que vestiu a elástica albivermella e quen ademáis de adestrar ós rapaces da base do Sagrado Corazón anda este ano metido nun soño maiúsculo como é a promoción de ascenso que está a disputar o Racing Vilalbés. Os chairegos xogan este domingo o partido de volta contra o Atlético Levante UD, un filial dun equipo de Primeira, logo de empatar (1-1) na ida na Magdalena. Unha aventura detrás da que vai calquera que se sinta parte da mellor provincia, un autocalificativo para o maior territorio galego, aínda que tamén o máis esquecido.

  • De verdade vos viades loitando por ascender a Segunda División B?
  • O obxectivo real era a salvación. Pero fómonos metendo arriba e mira… Pero a entrada nos playoffs en case tódalas categorías defínese nas últimas dez xornadas. Estamos a gozar un montón. E con nós toda a xente de Vilalba.

Javi Pita regresou á que xa fora a súa casa o curso pasado para reemprazar a un chairego como Viusky, tamén ex xogador do CD Lugo (ambos coincidiron no vestiario albivermello), quen, malia a lesión que sufriu de xeonllo, continúa a dar leccións no Friol, que este ano acadou o ascenso a Primeira Autonómica. Este Vilalbés é un equipo esencialmente lugués, con varios xogadores das parroquias do Concello, como ilustrou o seu vídeo previo á clasificación para a promoción, polo que é imposible non sentirse identificado con eles. Á fronte dos mesmos, Óscar Gilsanz, un betanceiro que xa ten un cuarto na Torre dos Andrade, ó que lle gusta o fútbol de transición. Correr e facer sufrir ó rival roendo os seus espazos. Vivo contragolpe como o que formulou o filial levantinista no encontro de ida. “Estamos convencidos de que a eliminatoria vai ser igualada. Eles son os favoritos, ‘a priori’, por ser un filial de Primeira División, e porque quedaron campións dun grupo poderoso como o de Valencia, pero en Vilalba formulámoslle un partido moi serio. Imos loitar até o final (domingo, 11:30 horas)”.

 

O tanto do conxunto vilalbés na ida foi obra doutro ilustre ex xogador do Lugo como Sergio Arias, o Rooney de Portomarín, que volveu ós rexistros goleadores da tempada 2007/2008 en Segunda B co CD Lugo. Un tanto de calidade, porque o que tivo retivo. Aínda que nada disto tería sido posible se Javi Pita non atallara un penalti no decisivo partido de volta da primeira rolda ante o Atlético Pulpileño. Tivo que asumir a responsabilidade logo de sufrir unha lesión o seu compañeiro Marcos Souto.

  • Como se para un penalti así?
  • En primeiro lugar gustaríame dicir que entrei pola desgrazada lesión de Marcos. Foi un partido de moita tensión, por ser fóra de casa. Calquera detalle, polo 0-0 que levabamos da ida, podíanos eliminar. Tiven a sorte de parar o penalti. Pero é só a culminación de todo o traballo do ano do equipo, que foi o que nos levou a poder vivir este partido. Se os meus compañeiros non meteran os seus, de nada ía valer.
  • Xa, pero pódese preparar?
  • Mira, a labor dun porteiro é intentar parar o máximo. Pero ten moito máis que gañar que un xogador nunha tanda de penaltis. Porque o normal é que non as pare. Sempre penso nestes episodios que non teño nada que perder. Se non o paras… Pois é o que se esperaba… E por suposto que nunca se pode preparar algo así. É moi difícil imaxinar unha situación semellante a esta. A presión que ten o lanzador non se pode reproducir.
  • E como se sente un despois de facer historia?
  • Moitísima ledicia, pero… Non fixemos nada realmente. O éxito rotundo sería ascender. Isto é tremendo, pero o realmente incrible é ver a un pobo enganchado. Poder alegrarlles a vida a todos os vilalbeses, a eses que son do Racing de toda a vida, con algo tan pouco importante como fútbol… Só por ver a un pobo unido e así xa mereceron a pena os playoffs. Non teño palabras suficientes cara todos aqueles que se desprazan para vernos gastando do seu peto (máis de 1.000 kilómetros separan Pulpí e Vilalba. Cara Valencia xa partiu un bus e coches particulares).

Incluso no fútbol os cartos poden non conducir á felicidade, aínda que axuden: “Hai dous xeitos de acadar o éxito. Ben con capital, ben con traballo. No caso do Vilalbés é o segundo, que é como das con resultados a medio prazo. O outro pode ser efémero. Aquí levan oito anos facendo ben as cousas“. Para o gardián, o mellor exemplo é o ascenso de hai dúas tempadas do xuvenil chairego a División de Honra. Ou que un xogador como Villares, que anotou o penalti decisivo en Pulpí, acabe de ser fichado polo Fabril. “A todo isto engádelle xente de club tal que Pablo Vivero, que senten as cores, e tes as razóns do que estamos a vivir”.

O recurso para todos os seus adestradores no Lugo

Pita forma parte das últimas fornadas de adestradores de fútbol base, ben formados fronte a eses técnicos de vello cuño que lle berraban ós pequenos como se foran uns profesionais. El é un ser inquedo, que precisa estar a mil cousas para non sentir que está a perder o tempo. Alén de adestrar no Sagrado Corazón, ten o seu propio traballo e logo de ter unha titulación a súa cabeza fedella sobre un máster. Pita traballa con cativos, pero xa non é un deles. Malia ter nacido no 91, acumula nas súas costas experiencias en varios clubes da provincia, entre eles, o CD Lugo.

Cando si era un cativo recibiu a primeira chamada de Fonsi Valverde aló pola tempada 2008/2009. Era tan só un xuvenil pero as molestias físicas do sevillano Javi Muñoz obrigaron ó de Nigrán a tirar dun rapaz que compatibilizaba o instituto coas sesións de adestramento de tarde do primeiro equipo: “Gustáballe non tanto o balón combinativo como o balón longo. Daba moita liberdade ós atacantes“.

“Sempre lle tiven aprezo ó Lugo, era unha referencia. Para min foi moi ilusionante poder defender a súa camiseta”

Setién tamén tirou del na 2010/2011, na que o Lugo se proclamou campión do seu grupo de Segunda B, malia que logo non foi quen de acadar o ascenso directo que si alcanzou no curso vindeiro. Ese ano xogou dous encontros, “con dúas vitorias” (contra o Atlético de Madrid B e o Rayo B), lembra ledo. Sendo xogador do Polvorín, xa rebautizado como filial do CD Lugo, foi chamado a filas por Luis Milla na 2015/2016 debido á mononucleose de Roberto, recentemente retirado. “Foron anos moi bos. Lembro con moita ilusión todas as convocatorias. Tiven a sorte de estar no equipo que quedou campión. Foi unha mágoa non poder ascender. Aquel ano ademáis puiden competir na División de Honra de xuvenís. Xa cando estiven no filial, conseguimos ascender con esforzo ascender a Preferente. Non era tarefa doada”.

Pita é orgulloso ex membro do plantel do CD Lugo pero tamén seareiro do mesmo. Malia ser da Mariña, contradi a tendencia que afirma que máis aló do estrato central, o conxunto albivermello non coloniza nin o norte nin o sur da provincia: “Eu marchei para Lugo con toda ilusión do mundo. Sempre lle tiven aprezo ó equipo. Era a miña ilusión defender a albivermella. Sempre me fixei nel cando estaba en Segunda B. É o equipo da provincia”. Pita destila en casa frase iso que se da en chamar lucensismo: “Temos que poñer a provincia máis arriba. Por desgraza somos agora a última no eido futbolístico, por detrás de Ourense, diante da que sempre estivemos”.

  • Ti, que viviches dende dentro, que cres que lle falla ó Lugo para dar un paso adiante nas segundas voltas?
  • Non o sabería dicir, nin agora que estou fóra, nin antes que estaba dentro. Xa que cando eu estiven, o discurso do adestrador non cambiaba (Setién). É raro… Oxalá un ano haxa sorte e neses partidos chave para engancharse, en vez de perder, sexamos quen de gañar.
  • Agora que ves a Setién na elite, como era daquela cun rapaz novo coma ti?
  • Podo dicir que me sinto moi afortunado de poder traballar con el. É un privilexio dar con alguén así. Pode soar vantaxista, pero víase que ía chegar lonxe. Aínda que ben se sabe que no fútbol tes que estar no momento e no lugar axeitado. El sempre apostou por propoñer coa pelota. Defendíase con ela. Non lembro un partido no que saliramos a especular. Daba gusto ir ós adestramentos.

“Hai que buscar outra camada de xogadores galegos que fagan de columna vertebral do CD Lugo”

  • Que cres que falla para que o Lugo non poida ter estabilidade total a nivel de plantel?
  • O que lle sucede a este equipo é que o bo traballo provoca que outros equipos con maior presuposto lle leven ós seus puntais. Por iso está ben ter a xente como Pita, Seoane ou Manu (cando estaba) que sinten as cores. Xogadores que poden recibir unha oferta mellor pero que son quen de valorar estar preto da casa. Porque se non é mareante, eu, polo menos, non movería á miña familia. Dame un pouco de medo que haxa un ano no que non se acerte en catro ou cinco fichaxes e que iso poida supor o descenso, sabendo o durísimo que é volver ó fútbol profesional. Por iso hai que buscar outra camada de xogadores galegos que fagan de columna vertebral ou convencer a outros de fóra, como por exemplo pasa con Campillo.
  • Xa que falas do profesionalismo, como ves o salto de Segunda B a Segunda?
  • Agora mesmo, brutal. Nunca estiveron tan separadas estas categorías. Xa, mesmamente, polos salarios. En Segunda hai un mínimo salarial, algo que non existe na división de bronce. E logo están os seguros de descenso que teñen os que baixan… E aínda, así, volvemos ás mesmas, os cartos non o fan todo. Non podes volverte tolo. Mira este ano a Ponferradina, que fixo un proxecto para ascender e acabou salvándose ó final.
Javi Pita, fronte ó Atlético de Madrid B, un dos dous partidos que xogou como porteiro do Lugo.

Javi Pita, fronte ó Atlético de Madrid B, un dos dous partidos que xogou como porteiro do Lugo.

“Te tiras como Arconada, tío”

Nos seus anos en Lugo, Javi Pita puido compartir traballo con porteiros de moi diferente índole pero dos que garda grandes lembranzas por igual. Por exemplo, Escalona, un dos Heroes do Carranza: “Era moi cercano. Típico porteiro vasco, moi sobrio e correcto en todos os aspectos. Ti imaxina o que era para min poder disputarlle un posto a un gardamallas coma el!”.

“Algo de bo tería Robeto Valeiro cando foi quen de sacar o mellor de porteiros moi diferentes”

Sacou leccións verdadeiras tamén doutros que non xogaban pero que ordeaban o cosmos das luvas como Roberto Valeiro, adestrador de porteiros do CD Lugo até hai dúas tempadas: “Unha persoa que sempre tiña un sorriso na boca. Algo de bo tería cando sacou o rendemento que sacou de todos os metas do Lugo… O propio Escalona. Diego Rivas, incrible. José Juan, incrible, sen palabras. Dani Mallo, o mesmo. Yoel, igualmente. Algo sabería… Pero xa se sabe que ás veces o fútbol non ten memoria”.  Unha sentencia que tamén fai extensible a Roberto, que ven de retirarse como profesional no Lugo.

  • Foches despedir a Roberto no derradeiro partido contra o Almería?
  • Dende logo. E deume moita mágoa ver como dicía adeus a toda unha vida de fútbol mentres o Anxo Carro se baleiraba sen ser moi consciente de quen é Roberto. Posiblemente, o xogador máis prestixioso que vestiu a camisola do Lugo, con máis de 14 tempadas e 400 partidos como profesional. Roberto, sen chegar a xogar o número de partidos que se esperaba del no Lugo, axudou moito a profesionalizar o club. Un non ten máis que abrir a Wikipedia para ver quen é. Non hai nada que poida empañar a súa traxectoria. Non deixa lugar a discusión e damos grazas por ter desfrutado del. De verdade, repito, neste deporte non se ten memoria. Pero nunca se debería esquecer o bo compañeiro que foi. E mira, aínda que a súa carreira non fora exitosa, lembraríame igual del pola súa calidade persoal.

“Deume moita mágoa ver como o Anxo Carro se baleiraba durante a despedida de Roberto. Foi o xogador máis prestixioso que vestiu a camiseta do Lugo”

  • Influiu tamén que logo de volver da súa atípica lesión (mononucleose) deu cun José Juan moi inspirado?
  • Podo dicir sen lugar a dúbidas que foi o xogador que máis me sorprendeu. Eu víao nos adestramentos e pensaba: “Pero de onde saiu este home?”. Parábao todo. Jose podía parecer máis introvertido, pero sempre estaba ó teu lado. Lembro algunha anécdota como que me dicía: “¡Te tiras como Arconada, macho!”, e eu, ríndome, preguntáballe se iso era bo ou malo… Non era tan vistoso a nivel mediático como podía ser Roberto, pero daba gusto falar con el. Ambos os dous son un exemplo para alguén que queira ter unha carreira longa baseada no traballo.
Javi Pita, no quecemento do partido contra o Real Oviedo da primeira xornada da tempada 2015/2016 | Foto: CD Lugo.

Javi Pita, no quencemento do partido contra o Real Oviedo da primeira xornada da tempada 2015/2016 | Foto: CD Lugo.

Malia a anécdota real que abre esta entrevista, na que Pita se atopa diante dunha audiencia infantil que non sinte de todo preto o Lugo, recoñece que se ten evoluído moito neste aspecto. “Case todos os pequenos que van ó Anxo Carro teñen algo do equipo: unha pucha, un suadoiro… Iso ata hai pouco era inédito. É froito de visitar os colexios e de que o equipo está comezando a coller arraigo entre os máis novos”. O meta do Vilalbés segue vendo a historia do Lugo, un recén chegado á categoría de prata, e a influencia do Breogán, como dúas barreiras a superar, “pero eu creo que se dende pequeno mamas unha cousa, quédache aí. Se o Lugo segue en fútbol profesional, dentro de dez anos vai haber outra masa social. Mesmamente, eses dez ou doce recollepelotas que están ó lado dos seus ídolos en cada partido. Eses van ser do Lugo si ou si. Só temos que ter fe e darlle tempo”.

“Cacharrón ben podería ser o primeiro porteiro do Lugo nun tempo se non se lle mira o DNI”

  • Fostes varios os metas lugueses que pasastedes polo Lugo, coma ti, Javi Liz ou Yebra, que finalmente non puidestes quedarvos. Pensas que Cacharrón pode chegar a romper a dinámica algún día?
  • Como acostuman a dicir, un non é profeta na súa terra. E moitas veces valórase máis o de fóra, pero iso non é algo que te poida frear. Cacharrón nunca debe pensar niso. Eu traballei con el e ben, agora non está para ser o primeiro porteiro, pero nun tempo, se non se lle mira o DNI, ben podería, Claro que si.

Outro factor de filiación será, sen dúbida, a paulatina incorporación de xogadores da canteira ó primeiro equipo, que amosarán o camiño á base luguesa. “Pero para que todo isto vaia adiante tamén é preciso volver a ver ós nenos nas rúas. Gustaríame ver máis cristais rotos por un balón”, sentencia Pita, quen gustosamente pagaría os desperfectos dunha mocidade activa e desexosa de comerse o mundo a través das rúas como da que el fixo parte.

Foto principal: El Progreso.

Comparte:

Deja un comentario