Artículos

O ‘derbi eterno’

por Denís Iglesias 18 mayo, 2018
Tiempo de lectura: 10 minutos

Confeso que hai unhas xornadas non puiden ver o Lugo, pero tenteino. En concreto, a 2.500 quilómetros en liña recta da antiga capital romana: en Sofia, Bulgaria. Non teño conexións con ningunha organización internacional, tan só foi un intento por internacionalizar os escasos emolumentos que lle queda a un perioleiro, escribano ou torceletras. Chámenlle como queira. O caso é que teclear un contrasinal en cirílico para o Wifi non foi boa idea, porque o único que conseguin foi un nivel de ira bastante importante. Fumiguei os datos para seguir os avances do partido por Twitter. Suficiente para pegar un chimpo no City Avenue Hotel de Sofia, unha das capitais máis antigas do Continente, e remexer o descanso dos hóspedes de tal inmoble.

Pregunteime entón sobre como vivirían o fútbol neste país do leste, no que aínda se percibe un certo aroma soviético mesturado con moitos McDonalds. Lembreime do seu xogador máis carismático: Hristo Stoichov. O que fora dianteiro do FC Barcelona quitoulle moitos complexos a este club, co seu xen balcánico. Un guerrilleiro a pé de campo que obtivo o Balón de Ouro en 1994. Pero logo veu á miña mente Lubo Penev, outro artilleiro que vestiu as camisolas de equipos como o Compostela e o Celta. Tamén Kiriakov (Deportivo e Mérida), Petrov (Atlético i Espanyol), Iordanov (Sporting)… Xogadores con caracteres moi diferentes que se corresponden á perfección coa etimoloxía do país, que significa ‘mestura de tribos’. Dende fóra, o panorama futbolístico do país vése así.

Nos postos de souvenirs o fútbol está presente. Tan só o patrio, malia que é habitual ver a búlgaros con merchandasing do FC Barcelona. As estanterías repártenas dous dos equipos de Sofía, o Levski e o CSKA, e o Ludogorets de Razgrad. Logo, un feixe de camisetas da selección de Bulgaria, con máis ou menos nivel de parecido coas orixinais. Os escaparates están trufados con prendas como “KGB is still watching you” ou de Vladimir Putin. Pero só os estantes dos produtos dos clubes están perfectamente ordeados, para que as bufandas non se mesturen unhas coas outras.

Polas enormes rúas da capital búlgara hai un feixe de colantes dos diversos grupos ultras da cidade, con referencias á pirotecnia e á estética Casual. É difícil identificar cales son os seguidores deste corte porque visten como calquera outro. Alén de que o peiteado oficial do búlgaro, sobre todo se é loiro, é o rapado ó un ou ó cero. O fútbol está presente en Bulgaria como a máxima expresión de vida social despois da igrexa. Un cirio e pin co escudo do seu equipo son tan fundamentais como as North Face ou as Adidas no aparataxe do seguidor ultra búlgaro. Observamos un caso dun seguidor que entrou na Igrexa de Santa Sofía cunha candea e saiu coa bufanda enredada ó pescozo, agardando unha milagre…

Deume por ver se había algún partido que se disputara esta pasada fin de semana en Sofía. A idea era aproveitarse do cambio favorable cara o Euro da Leva, aínda moeda búlgara. A regla para comprar aló é fácil. Todo prezo en levas réstase á metade para saber o seu importe en euros. Os búlgaros están a loitar contra unha enganosa adaptación á moeda común europea. Tal e como pasou en España coa peseta, trala integración do país na Unión Europea en 2007, os prezos anteriores en levas traducíronse a euros, sen ter en conta a diferencia das diferentes realidades europeas. Un exemplo: unha media de cervexa vale dúas levas. En Europa valería dous euros. Un refresco vale un 1,5 levas, que en Europa custaría 1,5 euros. Como cando todo aquilo que valía 100 pesetas pasou de súpeto a custar 166,386, porque ese foi o cambio fixado para un euro.

Inconfundible look taleguero de Hristo | Foto: FC.

Inconfundible look taleguero de Hristo | Foto: FC.

Pois xustamente esa fin de semana (17-18 marzo) celebrábase o coñecido como o ‘Derbi eterno de Bulgaria’, que enfronta ó Levski de Sofía e o CSKA de Sofía, os dous equipos máis laureados do país malia que o Ludogorets Razgrad (que data de 2001) teña gañado as últimas sete ligas disputadas. O Levski foi creado en 1911 por estudantes e  homenaxea a Vasil Levski, fundador do Comité Búlgaro Revolucionario en 1869, que liderou a independencia do Imperio Otomano. O segundo, fundado en 1948, e cuxo nome significa, traducido, Club Central de Deportes do Exército, volve a estar no máis alto logo de deambular na terceira categoría do país por un cúmulo de desastres, sobre todo, fóra do campo (amaños). 

“Vostedes están manchando a moral socialista”

O enfrontamento máis destacado entre ambos os dous conxuntos data de 1985, na final da Copa Búlgara. E non polo xogo. Houbo paos por todos os lados. Tantos que o Partido Comunista búlgaro decretou a disolución de ambos os dous equipos. Futbolistas coma o propio Stoichkov, que daquela militaba no CSKA, foron suspendidos. Como non, foi expulsado. Proclamouse campión este último equipo, por 2-1, despois dun encontro que foi unha secuela de La Jungla de Cristal.

No minuto 25, Slavkov inaugurou o marcador despois de conducir coa man un balón. Ahemd Yasharov, o colexiado da contenda, foi zarandeado coma un espantallo polos xogadores do Levski. Non pensen que Slavkov celebrou o gol con discreción. Todo o contrario, foise cara os afeccionados rivais e fíxolles a puñeta. Markov puxo o 2-0 no electrónico xa na segunda metade. Entón volveu entrar en acción Slavkov, todo un predecesor do fútbol trampulleiro que tanto se estila agora. Tirouse coma se lle pegaran un tiro logo dunha entrada sen perigo dun rival.

 

O árbitro estaba moi lonxe da acción, vendo se medraban patacas na liña de fondo contraria. Con todo, asubiou penalti. Markov dispúxose a tirar a pena máxima pero errou fronte a Mihailov, porteiro de Bulgaria no Mundial do 1994, que antes de cometer a heroica parada deulle uns cantos empurróns a Yasharov. Non o expulsou, xa que por aquel entón perdera por completo o tempo do partido. O sainete completouse cun 2-1 anotado por Sirakov, ex xogador do Zaragoza e do Espanyol, tamén froito dun penalti por desmaio repentino. En canto se asubiou o final, comezou o peor. Mihailov saiu correndo detrás do árbitro e o túnel de vestiarios converteuse nun ring de boxeo.

“Vostedes acaban de manchar a moral socialista”, ditaminou o Comité Central do Partido Comunista de Bulgaria, que renomeou ós equipos disoltos. O CSKA pasou a chamarse Sredets, antigo nome de Sofía, e o Levski foi Vitosha, polos montes que arrodean a cidade. As sancións ós xogadores rebaixáronse meses despois. Bulgaria clasificarase para o Mundial de México 1974. Aí disolveuse o ‘problema de Estado’ que se xerara… Bulgaria caeu nesa cita en octavos fronte ó anfitrión. Un só partido serve para entender a rivalidade entre os dous equipos i explica o que vivin o domingo de partido. Estas imaxes seguramente se volveron a repetir nos partidos da promoción polo título en Bulgaria. Ambos os dous equipos coincidiron nunha pequena liga final na que se miden os mellor clasificados, pero partindo dos puntos que xa tiñan. Faise o propio cos da parte baixa, que se enfrontan por manter a categoría na Parva Liga (nome pouco comercial para Galicia).

Todo futboleiro ten a tentación de visitar os estadios das cidades nas que fai turismo e, se cadrar, merca algún elemento de merchandasing do equipo local. Puxen rumbo entón ó Estadio Nacional Vasil Levski. Cheguei dúas horas antes de que fóra o encontro, simplemente para vivir a previa. É un dos momentos litúrxicos de calquera afeccionado, onde o ambiente de cánticos, bengalas e tragos engancha a calquera. Dende que me metín no metro de Sofía fun vendo efectivos policiais en todas as paradas polas que pasaba. En ningún dos vagóns coincidín con ningún seareiro. Ou polo menos non era quen de identificalos por levar unha bufanda ou algún distintivo.

Frontal do Estadio Nacional Vasil Levski | Foto: Eurocom.

Frontal do Estadio Nacional Vasil Levski | Foto: Eurocom.

Máis tarde un comproba que é case imposible ver isto. Os que acoden ó estadio son maiormente ultras dalgún dos dous equipos. É difícil ver un ambiente familiar ou ver a pais indo cos seus fillos. Son mozos ou homes entrados en anos os que desfilan cara o campo con aire marcial. Polo menos para ese encontro foi imposible comprar entrada se un non era abonado ou simpatizante (con carné) dalgún dos clubes. Preferían ter divididas a ambas afeccións antes de engordala caixa. Na parada de metro, sobre dez policías bastante menos mentalizados que os hinchas. Un rañando a cabeza, outro lendo un xornal, outro cun vaso do Starbucks e outro comendo un bocadillo de algo que descoñezo pero que ulía fortísimo (unha especie de barriña enerxética balcánica). Só racharon a súa informalidade para rir cando intentei por tres veces pasar polo torno de saída. Asinarían para que todos os afeccionados foran coma min.

Casualmente recoñecible

Xa no exterior, unha ringleira de tanquetas equipadas con mangueiras para regar á multitude. Miles de cercas de metálicas construindo un labirinto dende a saída da parada até unha rúa principal que conduce ó estadio, a rúa General Yosif V. Gourko. Este amplo boulevard, como case todos os da cidade, de clara inspiración soviética, tamén cheo de policías en cada recuncho. Toda a mazá convértese nun circuito guiado. Lembra a unha das pantallas do Bomberman. Segundo sexas seareiro dun ou doutro equipo podes pasar por unhas rúas ou outras. É como un salvoconducto. Chegas á boca da elixida e tes que confesar a túa fe. Lembra a cando nas tráxicas Guerras Balcánicas se lle pedía á xente que se santigüase para saber cal era a súa relixión. Isto permitía saber se eras ou non dun dos bandos dese tolo conflito.

En 2013 os ultras do Levski botaron ó novo adestrador do equipo, Ivaylo Petev, na súa presentación, por terse declarado anteriormente seguidor do CSKA | Vídeo: https://www.youtube.com/watch?v=sxo5Z0rSgkU

En 2013 os ultras do Levski botaron ó novo adestrador do equipo, Ivaylo Petev, na súa presentación, por terse declarado anteriormente seguidor do CSKA | Vídeo: https://www.youtube.com/watch?v=sxo5Z0rSgkU

É o único xeito de diferenciar ós seareiros dun e doutro equipo: as vías polas que circulan. O resto de diferenzas non se aprezan a simple vista. Todos visten dun xeito semellante baixo a estética casual da que antes falabamos, que tomaron os hooligans ingleses a finais dos ‘70. Comezaron a deixar de lado as botas militares e a vestirse con roupa ‘elegante’, alonxada roupa de traballo pola que eran identificados, sobre todo por quen non querían: a policía. A evolución virou en mozos que básicamente visten tenis de Adidas, polos e parkas de marcas fetiche como Stone Island e algunha prenda de cadros para romper tanta cor plana. De tanto comprar todos as mesmas cousas, ó final, un cun pouco de olfato tende a identificalos, e case que eles o queiran, lonxe do efecto camuflaxe dos primeiros tempos.

Os ultras do Levski e do CSKA comparten ideoloxía: ultradereitistas e racistas, como a maior parte dos grupos do leste

Noutro elemento fundamental se asemellan os Ultras Levski e os do CSKA (a facción máis importante é Sektor G) é a súa ideoloxía: son ultradereitistas, racistas e todos os derivados dun patrón común en case todos os grupos de Europa do Leste. Se un procura información sobre os primeiros atopará unha web vella desas que un bota en falta. Chea de gifs e de imaxes estáticas abigarradas por todos os lados. Un dos apartados titúlase ‘Anti’ e dentro atópase un elenco de ilustracións ofensivas cara os afeccionados dos CSKA ós que se cualifica de turcos e comunistas. Alén diso, os Ultras Levski reivindican a súa ‘amizade’ con outros grupos ultradereitistas como os Ultras Sur do Real Madrid ou os Irriduccibili da Lazio.

“Es un maldito mono”

Mais se un lle da a volta a moeda, atopa máis do mesmo. No CSKA, malia que todos os seus símbolos retrotraian a un pasado comunista, atópase un perfil de hincha movido polo odio racial. En 2015, logo dunha derrota contra outro dos equipos da cidade, o Lokomotiv, o Sektor G e derivados saltaron ó campo para quitarlles as camisolas ós seus xogadores. O máis damnificado foi Toni Silva, extremo luso pero de orixe bisauguineana: “Es un maldito mono”, tivo que aturar. A cultura do odio está asentada nas tripas desta liga, “Encántame o CSKA e os seus fans. O que ocorreu despois do partido non foi agradable, pero podo entender o estado emotivo dos hinchas. Estou decepcionado e non estou contento coa derrota. Perdonarei a eses seguidores que me berraron”. A situación é traxicómica.

Os hinchas do CSKA celebraron a vitoria fronte ó Levski outorgada polo brasileiro Karanga cun saúdo fascista

O Eterno Derbi que vivín colateralmente decidiuse a favor do CSKA por un gol del brasileño Fernando Karanga, certamente pouco caucásico… E aló estaba o Sektor G erguendo os brazos á romana para celebrar o tanto do seu representante no campo. Un pouco delirante. Como o corteo (desfile) dos ultras do Levski polo centro da cidade. Unha grea duns cen homes e mulleres cargados de pirotecnia e bandeira. No medio do traxecto pararon nas escalinatas do Teatro Nacional de Bulgaria para facer a foto de familia de rigor. Como non o seu ‘pataca’ particular foi facer o saúdo fascista e proferir cánticos como ‘Heil Levski’. A proximidade ideolóxica entre case todas as hincadas fai que o escudo sexa o único que as diferencie. Incluso teñen un código de honra.

Toni Silva, ‘dialogando’ cun ultra local | Foto: AFP.

Segundo publicaba Vice Sports, existe unha especie de código da honra que foi asinado polos principais grupos do país. Entre os mandamentos está que “as armas están totalmente prohibidas con outros fans”. De igual modo, “se un ultra queda noqueado, o combate finalizará” ou que non se poderá atacar a outros ultras “mentres estén traballando, na casa ou na presenza da súa familia”. A policía non será avisada en ningún caso, os ataques de moitos contra un están prohibidos e non se poderán organizar pelexas en festas nacionais ou durante os partidos da selección búlgara completan este curioso dodecálogo. Así como na previa un sentía estar nunha especie de territorio de guerra, nada máis asubiarse o final, as hordas camiñan dereitas para a casa. Ordeadas. Como se se lles desconectara o modo Berseker que se lles encende dende que se erguen na casa. Un final que completa unha liturxia difícil de ver nos estadios que nos arrodean. Xa que por moitos partidos que xoguen ó ano ambos os dous rivais, o derbi sempre parece eterno… Por tempo e por historia.

Comparte:

Deja un comentario