Previa

En busca dun sol de carallo

por Denís Iglesias 1 abril, 2018
Leuko encara a un rival no partido da primeira volta | Foto: CD Lugo.
Tiempo de lectura: 5 minutos

Unha das cousas que un máis bota de menos cando non pode ir habitualmente ó Anxo Carro é a lista de temas incribles que se poñen nos descansos dos partidos. Pola graza de Deus fomos bendecidos cun animador que nunca vai ter o mal gusto de poñernos a Marta Sánchez. O outro día, contra o Real Valladolid, deu na tecla pondo o Galicia Canibal, incluido no álbume Fai un sol de carallo, xusto nunha xornada na que había chuzos de punta. Non hai nada que máis nos pegue que esa retranca, a mesma que utilizaron Os Resentidos para compor un tema que fala de toda a esencia da Movida Viguesa. E tamén da nosa. 

Fai un sol de carallo.
Con isto da movida haiche moito ye-yé que, de noite e de día, usa jafas de sol: ¡Fai un sol de carallo!
A matanza do porco
A matanza do porco.- A berra e un conxunto de berros dun porco cando o van matar.
San Martiño oficial de Monforte ó Nepal, o magosto para agosto, safaris do porco,
filloas de sangue, Galicia embutida: ¡Fai un sol de carallo!, ¡Galicia caníbal!
Etiopía ten fame
Etiopía ten fame.- Un parado occidental sostén un filete.
Un negro deitado, o negro non lle chega, arrastra o bandullo.
O parado occidental sostén o filete; o parado altivo, o negro non lle chega.
Doa os teus riles: un ril á merenda. Doa os teus riles: outro ril á cea.

Haiche moito ye-yé

Que de noite e de día usas as gafas de sol, cantaba Reixa, en referencia ás criaturas nocturnas que habitaban locais vigueses nos ’80 como o Kremlin ou o Manco, que sen ter conxuntivite ían sempre cos ollos tapados. O tamaño dalgunhas daquelas olleiras e pupilas… Esa procura do sol do carallo logo dun inverno prolongado entre tres estacións é o que busca o Lugo en Tarragona, cidade con múltiples identidades se un visualiza o seu actual contexto sociopolítico. Iso si, no Nou Estadi o único que se entende é o gol.

As aspiracións do Nàstic están lonxe das que se xeraron ó comezo dunha tempada na que levan tres adestradores

Se os de Francisco foron quen de aturar treboadas durante meses, en forma de rivais, árbitros e lesións, agora todo está disposto para que a vida vaia cara o verán. Cara uns playoffs soñados, que, antes de nada, teñen unha parada coa permanencia aínda que a afición sexa ben canibal e queira ir máis aló. E nesa misión de salvarse anda envolto o Nàstic, con só tres puntos sobre o descenso que marca a Cultural Leonesa de Rubén de la Barrera, un terzo futbolista, un terzo entrenador e un terzo artista. A vida en Tarragona transcorre no eido futbolístico lenta. Moi lenta nas dúas últimas tempadas nas que o equipo está moi lonxe das aspiracións que sobre el se crearon, e máis tendo en contra que hai tres cursos conseguiu a terceira posición no que era o seu ano de regreso a Segunda, logo de tres en Segunda B.

O actual adestrador, Nano Rivas, é o terceiro que se senta no banco do Nàstic esta campaña. Leva oito xornadas logo da destitución de Rodri, que á súa vez fora o recambio para Carreras. É ben sabido que cando as cousas van mal, o técnico convértese automáticamente no cabeza de turco, porque aínda que máis de un quixera, non é posible botar a todo o plantel.

A berra e un conxunto de berros

Dun porco cando o van matar. E iso é o que pasa no Nou Estadi de Tarragona, que ten asistido este ano a dez derrotas dos seus. Imaxinen só poder ver as vitorias do seu equipo pola TV. Ben preto a moerte e por iso berran.  O último tropezo foi, aínda por enriba, contra un rival directo por non descender como o Córdoba. Por 0-2, que xa fixo saltar todas as alarmas, se é que estas non estiveran xa por enriba do umbral permitido. Hai que remontarse até o 10 de decembro do ano pasado para encontrar un resultado en verde, tamén contra outro dos que están afogados pola auga ó pescozo, como o Sevilla Atlético.

Se o Nàstic non é quen de anotar na primeira parte, o Lugo ten moitas posibilidades de gañar, segundo as estatísticas

O Nàstic, malia coquetear co descenso, é o mellor visitante da liga, pero os seus tropezos na casa son de récord. As 10 de 15 derrotas son só igualadas pola xeira do Mollerusa na 1988-1989. Aquela Ilíada do pequeno equipo ilerdense rematou con 11 puntos. Pero dende a liga de tres puntos, nunca o mellor visitante foi o quinto pola cola. De feito, se o conxunto catalán non é quen de anotar na primeira metade, non gaña, polo que aí vai estar a clave do encontro. Á inversa que o Lugo, que no último cuarto de hora ten un 9-3 a favor.

“A salvación pasa polo Nou Estadi”, dixo Nano Rivas en sala de prensa, consciente de que os puntos a domicilio veñen dados por unha serie de factores moito máis complexos que os que derivan nos triunfos locais. Logo da visita do Lugo acode a Tarragona o Real Valladolid de Luis César, por certo, responsable do seu último ascenso a Primeira aló polo 2006. “O problema existe e falamos abertamente disto”, manifestaba Rivas na previa ó encontro, quen non ten mellorado os números dos seus predecesores con dúas vitorias, dous empates e catro derrotas.

E se a permanencia pasa por asegurar os partidos da casa, a promoción do Lugo pasa precisamente polo contrario. Por se quen de sorprender a domicilio. A regularidade fóra e dentro do Anxo Carro foi o que permitiu á escuadra de Francisco situarse en postos de playoffs durante gran parte de primeira volta. Na segunda o rendemento fóra ten baixado. Non vence a domicilio dende o 13 de xaneiro. Precisamente, esta vitoria obtívoa na provincia de Tarragona, en Reus.

O magosto para agosto

Porque ata entón quedarán deberes por facer nunha categoría que, sobre todo na zona alta, está sometida a continúas viraxes. A propia dinámica do Nàstic evidencia que as celebracións son estado efémeros nesta categoría. En xaneiro, logo de ganar ó Osasuna, o equipo grana poñíase sete sobre o descenso. Pero unha xeira de dúas vitorias, dous empates e seis derrotas, con seis goles a favor e 12 en contra tenos deixado na actual situación. Iso si, segundo comenta a Lugoslavia Joan Alfons, xornalista de Esports del Camp e Tarragona Radio, o xogo mellorou en tanto a sensacións.

O único positivo para Nano Rivas é que só vai ter unha baixa. Por sanción, a do lateral zurdo Abraham. Quen volve tras cumprir a súa é Fali. Volven logo de xogar coas súas seleccións Dimitrievski (Macedonia) e Kakabadze (Xeorxia). Porque este Nàstic segue a ser un crisol de culturas. Estes dous, xunto co nipón Suzuki, son habituais nos onces titulares. Mais a ONU tarraconenses tamén acolle a outros xogadores como o mítico Uche (Nixeria).

Pola súa parte, Francisco recupera a Kravets despois da súa experiencia internacional con Ucrania sub-21: amigable contra Eslovenia (vitoria por 2-3) e partido de clasificación contra Inglaterra (derrota por 2-1). Chega xusto a tempo para suplir a Luis Ruiz, que cumprirá sanción. Alén das lesións de longa duración de Campabadal, Polaco e Sergio Díaz, o descarte de José Carlos tense convertido en tónica. O central que incorporou o Lugo no mercado de inverno está completamente fóra da dinámica das listas do adestrador andaluz. Alén del, quedaron fóra Sergio Gil e Álvaro Lemos. Precisamente nunha parcela, a defensiva, na que máis está a sufrir o equipo nos últimos tempos. Contra o Real Valladolid, o Lugo rachou unha xeira de 9 encontros consecutivos encaixando.

Ficha do partido

Nàstic de Tarragona (18º-36 puntos) – CD Lugo (11º, 48 puntos) 

Xornada 33 en Segunda División. 

Árbitro: Figueroa Vázquez (Comité Andaluz). Ficha en BDFutbol. 

Día e hora: 1 de abril de 2018, 20:00 horas. TV: LaLiga123 TV.

XI probable Nàstic: Dimitrievski; Kakabadze, Pleguezuelo, Arzo, Jiménez; Márquez, Fali; Morente, Omar; Barreiro e Álvaro.

XI probable CD Lugo: Juan Carlos; Kravets, Bernardo, Josete, Kravets; Seoane, Pita; Iriome, Campillo, Albarracín; e Mario Barco.

Previsión de tempo: https://bit.ly/2pXEBLJ

Comparte:

Deja un comentario