Artículos

O capitán que sacou ao Lugo do inferno

por Aarón Cabado Vázquez 6 abril, 2018
Tiempo de lectura: 6 minutos

O Club Deportivo Lugo está a vivir a mellor época da súa historia, o punto álxido, polo menos ata o momento, dunha traxectoria que non destaca por albergar numerosos éxitos. Porén, a situación actual do equipo lucense non podería entenderse sen coñecer a súa historia, que é, a fin de contas, a que o levou ata aquí. A identidade do club albivermello, a súa única esencia, vólvese incognoscible se non somos capaces de retrotraernos ás décadas de intranscendencia nas que viviu inmerso durante a meirande parte da súa existencia.

O Lugo precisou tocar fondo para atopar o punto de inflexión que o catapultou ao mellor momento da súa vida. No ano 2002 descendeu a Terceira División, onde pasou tres tempadas que aínda permanecen na memoria dos afeccionados. Foron tempos convulsos, con moitos cambios de adestrador, onde os xogadores ían e viñan. Foi unha época anterior á chegada de Manu, de Carlos Pita ou de Fernando Seoane, unha época sen estabilidade algunha. Emporiso, houbo un xogador, só un, que despois do descenso decidiu quedar en Lugo para intentar levalo de novo ao seu lugar natural, a Segunda División B. E ademais, conseguiuno. Ese xogador foi Rafa Casanova.

Rafa recalou na disciplina lucense, previo paso polas categorías inferiores do Sporting de Xixón, grazas a unha chamada de Alberto López, que por aquel entón adestraba ao equipo xuvenil de División de Honra. O seu debut co primeiro equipo foi na tempada 200102, nun momento delicado para o conxunto amurallado: o inicio de ano foi nefasto, co equipo en postos de descenso, o que levou á directiva a tomar a decisión de botar ao adestrador, Víctor Basadre, e outorgarlle o temón a Julio Díaz, o técnico que levou ao Lugo a Segunda no ano 92. Ante as cuantiosas baixas, no seu primeiro partido, Díaz deulle a oportunidade a varios xogadores da canteira, entre eles a Rafa, que actuou na punta do ataque. O encontro, ante o Aurrerá Vitoria —adestrado por un novísimo Mendilíbar—, rematou cun 2-0 a favor do conxunto vasco. Á semana seguinte, Rafa debutou coma titular no Anxo Carro. «Aquel dia foi un dos mais especiais da miña carreira», asegura o actual xogador do Ribadeo, que ademais fixo un gran encontro: as crónicas daquel día falan del coma do mellor futbolista do partido, e estivo a piques de marcar cun disparo que petou no traveseiro. As sensacións que transmitiu foron tan boas que o xogador asturiano se mantivo no once titular incluso cando os lesionados volveron a estar dispoñibles. Esa tempada disputou 31 partidos coa remeira lucense. «Se mo chegan a dicir un ano antes non o crería. Pasar do xuvenil ao primeiro equipo e ser titular case sempre… creo que é un soño. Foi todo moi rápido, compartía vestiario con xente profesional e moito máis maior. Ao principio foi complicado, pero era un gran vestiario, todo foi mais fácil así», explica. A pesar do mal inicio de tempada, o equipo mellorou e conseguiu a permanencia con varias xornadas de marxe.

Secasí, Rafa conta que case ten «máis recordos malos que bos» daquela tempada, debido ao trato recibido por «algún personaxe» ao que prefire manter no anonimato. A hemeroteca invita a pensar que se refire a Xulio Díaz, pois ao longo da tempada existiu algunha que outra crítica pública por parte do adestrador. O seguinte verán, Rafa saíu cedido ao Xove Lago, que naqueles tempos estaba en Terceira División. «Creo que foi un erro, pero iso é pasado», explica. En inverno —xa sen Díaz ao volante— regresou a Lugo, pero apenas participou en seis partidos, en todos eles saíndo coma suplente. Foi un ano de altibaixos para o club: os primeiros compases da tempada foron pésimos, pero logo entrou nunha boa dinámica e paulatinamente foi achegándose á salvación. Porén, foi un nadar para morrer na beira: o Lugo chegou ao derradeiro encontro dependendo de outros resultados para poder manter a categoría. Malia que se adiantou ante o Real Madrid B, nun Anxo Carro a rebosar, o conxunto madridista remontou, impúxose por 1-3 e certificou o descenso do Lugo a Terceira División.

Se xa no verán anterior o equipo se viu obrigado a reconstruírse debido á marcha de varios xogadores, no período estival de 2003 a fuga foi practicamente completa. Rafa decidiu quedar no Lugo porque considerou que sería «unha gran oportunidade para seguir crecendo» e pola súa vontade de contribuír a devolver o equipo á Segunda B e así quitarse a espiña do descenso.

                                                                   

Non foi unha tarefa sinxela. A primeira tempada en Terceira foi a peor dos últimos trinta e cinco anos do club. «Foi un ano moi complicado. Con cambio de adestrador, impagos, malos resultados, nervios por ver que non se podía ascender…todo axudou a que fora unha tempada horrible», recoñece. Segundo conta, a situación levábase mal, porque a presión por ascender estaba aí, pero «o club tampouco cumpría cos xogadores». O Lugo rematou sexto e nin sequera puido disputar a promoción nunha tempada claramente marcada pola inestabilidade institucional que propiciou a dimisión de Eliseo Corral tras oito anos na presidencia da entidade. O seu cargo foi ocupado por José Bouso.

«Creo que foi o rexurdir do Lugo, e as bases do Lugo actual», opina Rafa sobre o expresidente. Dende o seu punto de vista, nese momento empezáronse «a facer as cousas ben dende dentro». A 2004-05 foi a súa tempada máis frutífera —en termos goleadores— co club albivermello, pois anotou doce tantos, aínda que sinala que non foi un éxito meramente individual: «todo é mais fácil se o equipo está en boas dinámicas», comenta.

Ese ano, o Lugo finalizou segundo no grupo galego de Terceira División. Na promoción, desfíxose do Ribadesella pero caeu ante o Valladolid B despois de encaixar un 4-1 en Pucela. «Fixéramos unha boa tempada e unha boa primeira eliminatoria. Chegamos ben a Valladolid, ao descanso tiñamos o partido controlado, con un 0-0, pero unha páxara de 10 minutos na segunda metade deixounos case sentenciados», narra. Porén, o asturiano sostén que «esa eliminación non foi un paso atrás», pois a dirección ascendente do club estaba fóra de toda dúbida.

Deste xeito, á terceira acadouse o obxectivo do ascenso. Rafa mantívose no equipo un ano máis, porque «quería estar no equipo que devolvera ó Lugo a Segunda B». Aínda que nesa tempada o seu protagonismo se viu reducido pola chegada de varios xogadores, entre eles Ángel Cuéllar, os acontecementos lle gardarán eternamente un oco na historia do CD Lugo. Na eliminatoria definitiva polo ascenso, o Lugo enfrontouse á Gimnástica Segoviana, á que venceu por 3-1 no partido de ida. «Estábamos algo tristes, porque o marcador era de 3-0, falláramos un penalti e ao final marcaron ese gol que lles daba esperanza», explica. E na volta, o Lugo sufriu, e de que maneira, para certificar o ascenso. Os segovianos golpearon primeiro e puxéronse a un gol de arrebatarlle a gloria ao conxunto lucense. No tramo final do encontro saltou Rafa ao campo e anotou o tanto do empate que daba tranquilidade ao equipo. «Inolvidable. Unha sensación única», asegura. A situación foi traxicómica: coa ledicia do gol, Rafa quitou a camiseta sen decatarse de que xa tiña unha tarxeta amarela. O árbitro amosoulle a segunda e mandouno aos vestiarios. Logo engadiu aqueles inesquecibles dezasete minutos de prolongación, un cuarto de hora de sufrimento extra para o afeccionado lucense. Porén, o marcador non se moveu e o regreso á Segunda B tornou en realidade. Tras tres anos de loita, o obxectivo estaba cumprido. «So pensaba en volver co Lugo outra vez a Segunda B, custou moito pero fun quen de velo. Mais que orgulloso», explica o xogador.

Xa na categoría de bronce, Rafa contou con poucos minutos debido a unha lesión de xeonllo e á escasa confianza do adestrador, Juan Fidalgo. Así, no mercado de inverno dixo adeus ao Lugo tras máis de cinco tempadas defendendo as cores albivermellas. A pesar de que a súa despedida non foi a ideal, non lle garda ningún resentimento ao club: «Funme contento, porque neses anos dino todo por ese equipo. Non creo que ninguén me poida reprochar nada nese sentido. Aprendín moito e pasei grandes momentos. Era o momento de marchar. O club sempre quixo contar comigo durante ese tempo, creo que iso xa o di todo».

Xa pasou máis dunha década dende aquel ascenso, pero o paso do tempo non debe facernos esquecer onde están as orixes do equipo co que desfrutamos hoxe en día. Nunha época turbulenta, totalmente oposta á bonanza actual, Rafa foi un dos poucos que deu a cara polo Club Deportivo Lugo. Que non caia no esquecemento.

Comparte:

Deja un comentario