Artículos

Diario dun ‘minoritarísimo’ accionista do CD Lugo

por Denís Iglesias 6 enero, 2018
Instante de la Junta de Accionistas del CD Lugo | Foto: CD Lugo
Tiempo de lectura: 9 minutos

Nas seguintes liñas imos falar da Xunta de Accionistas do CD Lugo que se celebrou o 30 de decembro (xa o ano pasado, así de rápidos imos coas nosas análises). Lonxe da estrutura xornalística, faremos disto algo semellante a un conto de Nadal. Xa cadaquén entenderá se ten ou terá un final feliz ou non. Se non queres darlles moitas voltas: hai superávit por primera vez dende que Tino Saqués asumiu a maioría accionarial do club. Non vai haber Cidade Deportiva en 2018. Tampouco reforma do Fondo Sur. Estamos xogando co límite do teito salarial para incorporar dous futbolistas. O resto son múltiples interpretacións ás que trataremos de darlle forma.

Primeiro gustaríame contarvos como me convertin en accionista da SAD sen sequera querelo. Obrigado pola actual Ley do Deporte, que data nada máis e nada menos que do 1990, o CD Lugo viuse obrigado a cambiar a súa forma de club deportivo por este tipo de entidade xurídica. Esixiuselle un capital de máis de tres millóns de euros para que a conversión fose efectiva. Finalmente, en xuño, 330 accionistas, que reuniron un total de 252.736 títulos (o 84% do capital social do club) apoiaron a SAD. Tan só un rexeitou esta obrigada conversión.

Accionista por sorteo

Foi unha transición pacífica na que moitos pequenos accionistas colaboraron comprando títulos a 10 euros. Malia que o groso da transformación foi asumida, como ocorre ben veces, polas institucións públicas: a Diputación de Lugo puxo 900.000 euros e o Concello 600.000. Máis aló de todos estes formalismos, eu fíxenme accionista do CD Lugo, por sorteo, e nun bar. Un honorable socio, tamén taberneiro, organizou un certame para fomentar a participación da masa de abonados neste proceso. Mediante a compra dunhas rifas, un entraba no sorteo dun paquete de accións. Dende aquela xa me quitei a frase feita esa de: “A min non me toca nada”.

Nese momento considereino como unha anécdota. Hoxe dame mágoa non ter participado máis activamente nun proceso de conversión en SAD que foi vendido como un trámite pero que supuxo pasar de ser socio dun club a una accionista minoritarísmo dunha empresa deportiva. Supón un cambio de estatus enorme. A pequena gran familia que fora o CD Lugo até ese momento, aínda que cos mesmos protagonistas á fronte, cambiaba totalmente o seu rostro.

Trala celebración da última Xunta Xeral de Accionistas, teño claro que o conxunto da masa social albivermella non ten claro o que é unha SAD. A data non acompañaba pero escasísima participación de todos aqueles que puxeron parte dos seus aforros en 2013 evidencia a súa falla de interese polo futuro da entidade. Máis aló dos partidos, e do que sucede no terreo de xogo, é a xornada máis importante do ano. Día para botar un ollo ás contas do club, para poder preguntar de ti a ti a todos os membros do consello por tódalas partidas que resulten dubidosas. Por tódolos aspectos que xeren dúbida.

Esta era a segunda ocasión que acodía á cita no Pazo de Feiras e Congresos. De novo, coas accións delegadas, posto que no sorteo comentado non fun quen de acadar o premio gordo de 15 títulos que che permite entrar á asemblea. O ano pasado, as inquedanzas trasladadas foron maiores. Os continuos cambios no banco e na dirección deportiva mobilizaron a un maior número de accionistas. Tampouco unha cifra esaxerada, pero que si amosou certo nivel de compromiso.

Números positivos

O CD Lugo contará para este ano cun presuposto de 7.675.000 millóns de euros, que supoñen un 10% máis que o do período anterior. Idéntica progresión á do ano pasada, sempre pautada polos límites que impón a LFP.  O primeiro que se detecta neste balanzo global é a absoluta dependencia que teñen as SAD actuais do reparto televisivo, principal fonte de ingresos. O aporte económico dos socios, outrora importante, é simbólico a efectos das contas. O equipo albivermello recibiu o ano pasado 5,4 millóns desta partida, con todo, a cuarta menor da categoría se se pon en comparación co resto de equipos. Con todo, esta partida supón 2,4 millóns máis que o ano pasado, grazas ó novo decreto que regula o reparto televisivo. [Lea: Como se reparten os dereitos televisivos?]

Como resultado do pasado exercicio obtívose un superávit de 65.848 euros fronte ós 71.000 de déficit do ano pasado. Malia ser os primeiros números negros da era Saqués, son insuficientes para tapar un buraco de 800.000 euros de débeda que se ven arrastrando dende a directiva anterior. Segundo a auditora que elabora o informe, esta cantidade non pon en risco a viabilidade da entidade.

Tódolos puntos, este incluido, aprobáronse co 99,9% dos votos a favor. A porcentaxe só variou unhas décimas (ou centésimas) coas abstencións e os votos en contra dalgúns dos minoritarios presentes.

O acordo co Cerceda, nas contas do próximo exercicio

Unha das preguntas formuladas versou sobre a non inclusión nas contas do convenio establecido co Cerceda. En xullo deste ano, o CD Lugo propiciaba o ascenso do equipo coruñés a Segunda B nos despachos, algo que non fora quen de acadar logo de máis dunha década de continuas tentativas. Nun primeiro momento foron 133.000 euros que se corresponderon co importe da praza que deixou libre o Boiro por impago de xogadores.

Con este convenio, o CD Lugo busca ter un club no que poida controlar ós xogadores cedidos

Esta colaboración vai un punto máis aló da que, por exemplo, mantivo o Lugo co Somozas, ó que lle cedeu diferentes xogadores durante un par de tempadas, pero con desigual participación. Mentres que a Mario Barco ou a Serge Leuko valeulles para gañar minutos de calidade cos que logo afrontaron o salto ó primeiro equipo do CD Lugo, outros como Julio Camba ou Keko permaneceron inéditos no primeiro curso do convenio. A situación equilibrouse no segundo ano, no que, pola contra, o Somozas descendeu a Terceira, disolvéndose calquera tipo de acordo.

O Lugo é o responsable do proxecto deportivo do Cerceda. O propio Tito Ramallo, actual adestrador, foi designado polo club lugués. Saqués dixo ós accionistas que o importe invertido neste club aparecerá nas contas do vindeiro ano e que o acordo segue vivo malia a saída do conselleiro Miguel Otero, principal artífice do mesmo.

Nas filas do conxunto afiliado, que ocupa actualmente postos de descenso, están varios xogadores propiedade do Lugo: Dani Pedrosa, Keko ou Kike, fichado ó Rayo Vallecano. O obxectivo é poder ter xogadores cedidos, pero controlados,nunha categoría ponte, até que o filial, o Polvorín, non acade unha división que sirva de trampolín. Para así evitar cesións como a de Mario Barco o ano pasado ó Pontevedra, que, malia ter sido proveitosa para el no deportivo, ocasionoulle non certos prexuizos físicos por ser forzado nalgún momento da tempada. Esta é unha das causas que lle impediu ó Lugo contar con el boa parte da primeira volta.

800.000 euros de inversión na canteira

En relación co punto anterior está a aposta pola canteira que defendeu o consello na Xunta. Púxoo en valor cunha serie de diapositivas que amosan a evolución en inversión e número de empregados neste eido. O CD Lugo invertiu o ano pasado 803.000 euros no fútbol base e ten 27 adestradores dedicados a estas tarefas que coordina Adrián Laureda. A isto hai que sumarlle convenios asinados con clubs como a Milagrosa, a Residencia, o Polvorón, o Sagrado Corazón ou a Ferroviaria. É unha aposta a medio-longo prazo, posto que a canteira segue sendo un work in progress.

Ó comezo de tempada, a entrada de xogadores como Pedro López e Dani Escriche (e tamén Luis Díaz) parecía abrir unha porta á alternancia paulatina destes xogadores co primeiro equipo. Ó final impúxose a lóxica de tirar dos xogadores con nómina do plantel ‘adulto’. Aínda así, fronte ó Almería a lista volve a completarse coa presenza dos canteiráns.

A viabilidade do proxecto de canteira pasa porque o Polvorín ascenda xa a Terceira

Saqués ten claro que “para competir nesta categoría precisamos xogadores de fóra ata que poidamos sacalos da nosa canteira”. Parte da viabilidade deste progreso virá dada pola consecución do ascenso do CD Lugo B / Polvorín a Terceira División: actualmente está en postos de ascenso directo. Outro dos aspectos a resolver é a completa integración do filial na estrutura do CD Lugo SAD, para poder, por exemplo, empregar xogadores do xuvenil no segundo equipo, algo que actualmente non fai por ser o CD Lugo B / Polvorín aínda un club afiliado. Esta aposta pola canteira contrasta coa falta de instalacións. Semella unha contradición que o Lugo queira tirar dos máis novos pero que logo se dean situacións como as que comentou Saqués: “Temos equipos infantís adestrando a un cuarto de campo”.

Sen prazos para Cidade Deportiva e o Fondo Sur

Fronte a esta carencia, o CD Lugo SAD afirmou que anda a procurar terreos para a construcións de dous campos para a canteira. Unha realidade moi lonxana á da Cidade Deportiva, unha das condicións coas que Saqués se converteu en máximo accionista do club. No mesmo plazo indeterminado está o Fondo Sur do Anxo Carro. Sobre este, o xornal local El Progreso chegara a publicar unha información que apuntaba ó seu derrube se a SAD non acaba unha “oportuna licenza de obra”, algo que o consello desmentiu.

O aluguer do Fondo Sur custoulle ó CD Lugo máis de 80.000 euros o ano pasado

En resumidas contas, a estratexia mudou de ofrecer datas que non se cumprirían a non dar datas, xustificando o inicio destas obras á colaboración de institucións: o Concello, no caso da Cidade Deportiva; e a Xunta, propietaria do Anxo Carro, no caso do Fondo Sur. As últimas novas que se teñen da primeira construción datan de febreiro deste ano, cando o Concello e Tino Saqués se reuniron. Daquela díxose que As Gándaras podería ser un hipotético emprazamento. Os terreos pertencerían a Xestur (Xestión do Solo de Galicia) e outros propietarios privados. O Fondo Sur leva con nós dende 2013. Na Xunta de 2016 falarase dun suposto anteproxecto da mesma empresa que execturara a reforma de Anduva, estadio do Mirandés. Papel mollado. Mentres tanto, esa bancada segue a custarlle ó club 80.000 euros anuais, inferiores ós 101.000 do exercicio anterior.

O ano pasado levouse a cabo un acertado lavado de cara no interior. Por fóra, o campo continúa a a ser un ‘constructo’ máis propio de Frankenstein, con cada bancada do seu pai e da súa nai. O idóneo, máis que a construción dun novo estadio, sería darlle uniformidade ó aspecto anterior. Materia pendente, alén da construción dun Fondo Sur definitivo é, por exemplo, a cobertura dos Xerais aínda descubertos. O Consello condiciona acometer novas obras a que aumente a masa social do club. Esta é outra pescada coa súa cola: “Se hipotéticamente está mellor o estadio, virá máis xente”.

Unha masa social en ‘stand-by’

Este apartado daría para unha longa análise. O Consello tentou buscar ideas nos accionistas para mellorar a asistencia ó Anxo Carro, que nesta primeira volta rexistrou oscilacións entre os 3.000 e os 4.000 malia estar o equipo nos postos altos da táboa. A falta de coñecer os datos para a campaña da segunda volta, esta parece ter tido unha fría acollida. Tino Saqués puxo como exemplo comparativo o da SD Huesca, actual líder da categoría, que ten elevado a asistencia media do Alcoraz ata rexistrar o cheo nalgúns partidos. Huesca, unha cidade máis pequena que Lugo: 52.000 fronte a 98.000 habitantes, onde os condicionantes climáticos tampouco son os mellores.

O ano pasado ofrecéronse buses para os pequenos da provincia con escasa acollida

O CD Lugo ten o seu punto de mira nos máis novos. A campaña do leite ou a do aceite son mostra diso. Captar ós mozos, para que traian ós pais, e que asemade sirva para crear unha masa social dos seareiros do futuro. O certo é que nunca antes se vira tantos pequenos coa camiseta albivermella. Outra das metas era levar o club a toda a provincia. O ano pasado ofrecéuselle a tódolos clubes da provincia transporte para que os cativos pudieran acudir de balde ó Anxo Carro. Só responderon afirmativamente o Lemos, o Ribadeo e as Escolas Deportivas de Lourenzá. Traducido en termos económicos, no apartado de abonos e socios o CD Lugo SAD ingresou no pasado exercicio 589.024 euros fronte ós 530.971.

Neste apartado tamén resultará chave a definitiva creación dunha Federación de Peñas. Esta é outra das tarefas que deixou encamiñadas Miguel Otero. Segundo Saqués, tódalas peñas xa se oficializaron, polo é de supor que nos vindeiros meses sexa realidade unha asociación imprescindible para dinamizar á masa social. Á vista de que a maior concentración de xente desta cidade está nas Termas, vai sendo hora de realizar algún tipo de evento nas previas dos partidos que permita engancharse a máis xente.

Bus oficial pantasma

O apartado que máis debate xerou na última asemblea foi un autobús. Non estamos a falar da concesión da liña Santiago-Lugo ou do que tarda en chegar o Castromil a Vigo. O autobus oficial borrouse da vida pública este ano. O motivo explicouno Tino Saqués: “Coa chegada de Francisco, o staff medrou, e as prazas do bus rotulado non son suficientes para a actual composición do plantel”. Non caben.

Aquel autocar ( xa de por si antigo) que se presentara en setembro de 2016 cunha paellada usouse esta tempada para os desprazamentos de equipos da base. O Lugo podería estar en conversas coa empresa concesionaria, Monbus, para dispoñer doutro bus propio. A idea era poder contar co que deixou o Atlético de Madrid, tamén da empresa luguesa, como ocorre cos grandes clubs españois. Finalmente, o vello bus colchonero foi parar para o equipo feminino. O Lugo está a usar vehículos máis grandes nos seus desprazamentos, gastos que se unen á inversión feita na personalización dun bus que é carne de garaxe.

Ó límite do límite salarial

Hai uns meses, publicabamos en Lugoslavia o artigo El embrollo económico de Segunda División no que tentabamos poñer luz a conceptos como os do límite salarial, imprescindibles para entender o devir das SAD modernas. Así, o orzamento dun equipo basease en ingresos, gastos da campaña anterior, ingresos da Liga e traspasos, de aí que as cifras sexan parellas entre o exercicio 2016. O CD Lugo conta co cuarto límite salarial máis baixo da categoría, con 5,4 millóns, só por riba do Lorca (3,8), Nastic (4,5), Reus (4,5), Numancia (4,6) e Huesca (5,3).  Curiosamente, os dous últimos equipos están en postos de promoción de ascenso.

No pasado exercicio, o CD Lugo gastou en pagarlle a todo o persoal que ten contratado 5,1 millónes de euros, do que 3,9 foi para os futbolistas. Supuxo un leve incremento fronte ós 5 millóns do exercicio anterior. “Estamos xogando co límite salarial. No mercado de inverno non poderemos fichar moito, aínda así, como mínimo virán dous xogadores”, dixo o presidente do CD Lugo, en relación ós ocos que deixaron Ignasi Miquel, central fichado polo Málaga e Campabadal, lateral dereito lesionado de longa duración. A outra baixa de longa estadía, Sergio Díaz, cedido polo Real Madrid Castilla, podería estar cuberta pola alta de Chuli, cedido polo Getafe ata final de tempada.

Comparte:

Deja un comentario