ActualidadArtículos

Luis Díaz, Milagrosa realidade

por Denís Iglesias 9 septiembre, 2017
A quinta dos nados entre o 1995 e o 1995 | Foto: CEDIDA.
Tiempo de lectura: 6 minutos

O domingo 3 de setembro algúns seareiros do Lugo erguéronse antes do debido. Había unha cita ás doce que podía servir de esparadrapo ás feridas abertas pola derrota diante do Cádiz na casa nun encontro que rematou con apupos. O destino elixido non era a misa nin un confesionario, era o campo do Ceao, onde o Polvorín, filial do Lugo, disputaba o derbi capitalino contra a Residencia. Fútbol sen nomes, sen miramentos de dobres competicións, nin teatro por simular faltas… Fútbol de pinchacarneiros, carreiras infinitas e dobres o triples remates.

O Lugo acadou o triunfo por 3-1 fronte a un recén ascendido que se adiantou no marcador e que puxo contra as cordas ós de Durán durante toda a primeira parte. Na segunda parte impúxose a maior calidade e o maior fondo físico dos rapaces da canteira amurallada. A falta de costume á hora de ver a un equipo, alén de todas as novidades que se teñen producido neste, fan que vexas o partido sen prexuízos. Só miras os dorsais. Un dos máis chamativos aquela mañá foi o ‘8’, un centrocampista espigado, cun bo trato de balón e con criterio á hora de sacar a pelota xogada.

O cambio de Luis Díaz por Pedro López é inédito na historia do CD Lugo

El era Luis Díaz Carballido (Lugo, 1995), quen xa tivera a oportunidade de facer a pretemporada co primeiro equipo. Só uns días despois, Luis gozaba dos seus primeiros minutos no fútbol profesional, ó debutar na Copa do Rei fronte ó Nàstic. Tivo que entrar en lugar doutro xogador da canteira, Pedro López, no minuto 86, nun troco absolutamente inédito na historia do CD Lugo.

As cousas non teñen comezado da mellor das maneiras para o equipo albivermello, pero o feito de ver entrar a xogadores da base nas convocatorias -e cumprir coas responsabilidades que lles foron asignadas- é suficiente para manter o orgullo vivo. 

SCD Milagrosa 1995/1996, unha quinta de ouro

O móbil do medio do Polvorín botou fume ó día seguinte, pero moitas veces os protagonistas non son quen de reflectir con palabras o que senten. Aínda están en proceso de asimilación. En Lugoslavia pedímoslle comentarios a persoas que coñecen ben no campo a Luis Díaz. O primeiro, Jairo Novo, compañeiro del na SCD Milagrosa durante gran parte da súa etapa de formación. Algunhas voces saltaron logo do debut: “Este é canteirán da Milagrosa, non do Lugo”. Razón non lles falta, xa que o medio leva tan só uns anos na disciplina albivermella. Coincide este lapso coa viraxe do Lugo e a súa canteira, que até hai pouco era máis ben atrezzo. Pero, como chegou a ser Luis Díaz o xogador que hoxe é? Así nolo conta Jairo Novo.

“A nosa SCD Milagrosa era unha Milagrosa diferente. Lémbrome da tempada 2008/2009 (acadaron o ascenso en infantís e despois en cadetes). Daquela todos iamos todos a unha, sen excepción, os xogadores e mailo adestrador (Madriles). Eramos amigos e notábase. O capitán daquel equipo era a gran persoa que debutou en Copa do Rei ante o Nástic, Luis Díaz Carballido.

El era i é un xogador diferente, cunha visión de xogo incrible, destes rapaces que fai que o fútbol pareza sinxelo. Poucos poden presumir de ter unha perna dereita como a que el ten. Tácticamente non lembro a un futbolista igual. A tempada que citei antes foi incrible. É difícil de describir a fame de gañar que tiñamos. Acadamos a Copa, a Liga e conseguimos o ascenso cunha superioridade poucas veces vista. A Liga conquistámola gañando todos os partidos agás un que empatamos co Vilalbés, e, dende logo, con Luis levando o peso do equipo.

Pero tamén había naquela quinta outros xogadores que despuntaban, como Manu Ascariz, que chegou a adestrar co Lugo pero que por mor dunha lesión freouse en seco. De non ser por ese atranco, na miña opinión, hoxe estaría xogando no club albivermello, xunto co seu inseparable compañeiro Luis.

Pero aquel ano non foi un paseo de inercia. Foi o froito de adestrar durante todo o ano a tope. Tiñamos unha tensión competitiva impropia para a nosa idade. De verdade, e isto vai soar mal, só o Vilalbés foi quen de plantarnos cara. No conxunto chairego militaba Ángel Fraga, hoxe nas filas do Celta, tamén capitán dun excelente núcleo que acadou o obxectivo común do ascenso.

A tendencia seguiu xa na fase de ascenso. Tan só tivemos algunha complicación contra o Val no primeiro partido que gañamos con gol de Javi Regueiro (tamén ex do CD Lugo). Os seguintes encontros levámolos de modo excelente. Logo tocou o Sporting Coruñés, que comezou adiantándose, pero a partires de aí logramos un 1-5 na súa casa. Na volta foi o 6-0. E esta xa era a eliminatoria decisiva para o ascenso…”.

Nesta mesma liña lembra a Luis Díaz e aquela Milagrosa dos nados entre o 1996 e o 1996 Diego Tejeda, extremo que esta tempada regresou á entidade na que medrou. Esta non atravesa o seu mellor momento, militando en Segunda Autonómica, cando na 2015/2016 estaba na Preferente Norte. Aquel equipo estaba adestrado por José Manuel Fernández Nogueira ‘Madriles’, o mesmo que guiou a estes rapaces a tódolos éxitos que comentaba Jairo Novo. E naquel equipo de Preferente, os propios ‘Teje’, Ascariz ou Luis Díaz. Así fala o primeiro do xogador que acaba de debutar co CD Lugo:

“Luis siempre fue tímido. Pero tras tantos años con nosotros, fue cogiendo confianza. Lo que es innegable es su compañerismo. Como capitán siempre daba ejemplo. No faltaba ni un día a entrenar ni llegaba tarde. Siempre lo daba todo, incluso cuando estaba lesionado. En la fase de ascenso metió seis goles en dos partidos siendo mediocentro.

No tenía la necesidad de hacer partidazos. Era regular. Él era grande porque nunca hacía un mal encuentro. Siempre tomaba buenas decisiones. Aquel equipo era un grupo de amigos del cual la mayoría seguimos teniendo muchísima relación. De hecho, este año nos volvimos a juntar. Creíamos mucho en nuestro entrenador, ‘Madri’, arriba éramos buenos, pero la clave era cómo defendíamos, algo que muy pocos equipos hacían”.

Varios xogadores daquela milagreira Milagrosa chegaron a facer probas con equipos como o Real Valladolid. O propio Tejeda ou Luis Díaz. O medio cumpriu nos ensaios, e tácticamente impúxose á maioría, pero había que marcar moito as diferenzas, porque como recompensa estaba quedarse na residencia que o equipo pucelano ten para os seus novos valores, ‘Promesas’, como eles lles chaman.

Cos anos semella que se ten imposto en Lugo a cordura e algún, aínda que a marchas forzadas, interpretou que é imposible construir unha entidade de futuro sen base autóctona. O cemento que traen os xogadores que pasan pola entidade un ano, como un chanzo máis na súa carreira, seca rápido pero mal. Pode que Pedro López, Luis Díaz ou Dani Escriche (non estritamente da canteira, pero cun perfil similar) sexan aínda cemento fresco, mais apostar por eles asegurará un futuro máis duradeiro. Nesta ou noutra categoría, xa que o importante é manter o edificio en pé, e desfacerse das tácticas ecuménicas de moitos equipos que chegaron a Primeira, tocárona coa xema dos dedos e caeron no máis profundo abismo.

“Estou un pouco máis preto de xogadores que vía como ídolos: Josito, Ángel Cuéllar, O ‘Chino’ Losada…”

Luis Díaz contaba á Radio Galega un día despois do partido de Copa as lembranzas que tiña do Anxo Carro de pequeno: “Agora estou un pouco máis preto daqueles xogadores que vía como ídolos: Josito, Ángel Cuéllar ou o Chino Losada. Aínda estou impresionado”. A continuación engadía que el sabía que era xogador do filial pero que estaba preparado para cando o chamaran. Con só dúas frases artellaba o que é un home da casa ou da cidade, alguén que coñece o pasado e sabe até onde pode estirarse e alguén que se sabe parte do futuro máis cercano desa entidade. Mozos chamados a revolver a apatía que se ten instalado dende hai varias tempadas no Anxo Carro, onde a afección e os futbolistas viven de costas moitas veces, por non ter os segundos un agarimo cara os primeiros. Por non saber os primeiros valorar os folgos dos segundos.

Fonte das fotos: todas foron cedidas por Jairo Novo, compañeiro de Luis Díaz na SCD Milagrosa

Comparte:

Deja un comentario