ActualidadArtículos

Non presentado

por Lugoslavia 10 agosto, 2017
Lugo Mallorca
Tiempo de lectura: 3 minutos

Cando o CD Lugo anunciou o rival do partido de presentación, algúns, entre os que me inclúo, botaron/mos as mans á cabeza: “Como van traer a un equipo de Segunda División B?”. Outros pensaron que o conxunto bermellón sería un sparring con historia que lle axudaría ós de Francisco a marcar as diferenzas. En tódolos casos a opinión partía dun complexo de superioridade do bando local. Á vista do sucedido no Anxo Carro un rival de maior categoría, como o Deportivo ou o Celta -os produtos estrela máis cercanos na lista de desexos- tería deixado unha maior recadación na billeteira. Só iso, porque o trazado futbolístico debuxado polo Lugo na súa presentación non serviría para dar a sorpresa.

A saída dos xogadores ó campo foi fría. A entrada marcou os límites esperados pola data na que se celebrou o encontro. Non houbo exhibicionismo, nada máis que un aguerrido speaker. Só un desfile sosegado dos xogadores polo campo. O insípido momento podería terse resolto cun partido de pretempada avanzada, onde os equipos, a falta da chegada dos últimos reforzos, xa coñecen o seu estilo. Os feitos demostraron que este partido estivo lonxe de entrar na carteleira. A derrota pola mínima, sen case ningunha opción ofensiva, fixo que o choque constara para o Lugo coma un ‘Non presentado’.

Os preceptos defensivos semellan claros, e o ‘once tipo’ ten uns rostros case escollidos, pero Francisco aínda non conseguiu sacar o rendemento ofensivo que lle permite ó Lugo aprobar. Até o momento, a pretempada viña sendo escasa en goles, tanto no apartado de anotados como encaixados. A lóxica non se rompeu diante dun Mallorca que xerou máis perigo. En gran parte do encontro, os que levaban o nome na camiseta (os locais) pertenceron a unha categoría inferior da dos que xogaron coa elástica anónima, tal e como dita a Segunda División B.

O Lugo gozou da primera ocasión de perigo clara na segunda metade

Ata de catro opcións dispuxo o Mallorca na primeira metade para adiantarse no marcador. O caudal ofensivo canalizouno Pol Roigé. O dianteiro barcelonés deu na porta no minuto dous. José Ángel e Joan Sastre, minutos antes do descanso tamén forzaron a máquina. Toda a insistencia era visitante. O Mallorca negouse dende o primeiro intre a ser un convidado de pedra. No descanso produciuse todo un acopio de aperitivos para facer máis dixerible a segunda metade, na que chegou o único gol do partido.

No fútbol non chega con ser testán, de aí que o Mallorca conseguiu o gol dun xeito diferente a como o tentara na primeira metade. Foi cunha magnífica xogada competitiva que arrancou en campo propio e que concluiu Pol Roigé con éxito diante de Juan Carlos. Unha picada de orgullo afoutou o corpo do Lugo. Só unha inercia que nunca se transformou nun movemento real. Cristian Herrera estivo moi só durante case que todo o encontro. Nin atopou a vía correcta para desmarcarse nin conseguiu revolverse con éxito cando lle chegou o balón. O aspecto anotador pinta gris escuro para o Lugo con Mario Barco lesionado, o terceiro dianteiro perdido nas 48 horas e con Herrera sen unha dinámica goleadora que lle axude a gañar confianza.

As ocasións máis claras tívoas Escriche. O rapaz, que o ano pasado debutou como extremo, está a desempeñar o rol de punta para paliar as necesidades. Estáo a facer con ansia e co que os minutos lle permiten. O ano pasado foi o máximo goleador do xuvenil albivermello na División de Honra.

Foron os máis mozos os que lle infundiron algo de sentido a un equipo responsable pero sen ningún veleno. Kravets, que saiu na súa metade, amosou que é o xogador de banda que mellor pon os centros. Os seus compañeiros aínda teñen a medida descolocada e iso fai que Herrera teña moi poucas opcións e que actúe, máis do que querería, como un mediapunta.

Ó final do partido, a bancada ergueuse para empurrar un saque de curruncho. Nin cos berros tardíos se elevou o suficiente o balón para que algún albivermello acertara. O Mallorca pareceuse máis ó que o Lugo quere ser, e o Lugo ó que o Mallorca non quixo ser. Cedo, pero certo.

Ficha técnica:

CD Lugo: Roberto; Campabadal, Bernardo, Ignasi, Luis Ruiz; Seoane, Azeez; Donoso, Campillo, Fede; e Cristian Herrera. Tamén xogaron Juan Carlos, Iriome, Leuko, Josete, Sergio Gil, Kravets e Dani Escriche.

RCD Mallorca: Reina; Sastre, Bonilla, Raíllo, José Ángel; Pedraza, Pol Roigé, Damià, Álex López, Nestor Salinas; y Lago Junior. Tamén xogaron Rufo, Pierre, Xisco Campos, Álex Serrano, José Ángel, Joan Sastre, Jony, Miguel Nuñez, Fran Grima, Cedric, Abdón Prats e Parera.

Marcador: 0-1: Pol Roigé (min.61).

Árbitro: Eiriz Mata (A Coruña). Amonoestou ó local Sergio Gil; e ós visitantes José Ángel, Sastre e Abdón Prats.

Incidencias: partido de presentación do CD Lugo disputado no Anxo Carro diante de 1.500 espectadores.

Comparte:

Deja un comentario