Actualidad

O Lugo menos galego

por Denís Iglesias 25 julio, 2017
Tiempo de lectura: 8 minutos

Din que a vaca non é de onde nace, mais ben de onde pace. Unha expresión que serve para diluir as orixes e as fronteiras e que sitúa a identidade de cadaquén no lugar no que traballa. Pero non é menos certo que as razas autóctonas adáptanse mellor ó terreo. Tamén é certo que nos gustan máis os produtos con etiqueta propia, sequera pola proximidade e a confianza que iso produce.

No fútbol sucede algo semellante. Se repasamos os ídolos recentes do CD Lugo vemos sangue galega neles. Véxase Carlos Pita, Fernando Seoane ou Manu, ó que chamarlle helvético como fan nalgunhas retransmisións resulta bastante atrevido. Por iso do exemplo das vacas que falabamos. Este compoñente de galeguidade viña sendo intrínseco ó equipo albivermello dende os tempos de Segunda B e Terceira. Lóxico nestas categorías, onde sempre é máis doado atar a xogadores achegados, por algo tan básico como a carteira.

Na nómina de Héroes do Carranza figuraban sete galegos: Diego Rivas, Manu, Pita, Rubén García, Javi Rey, Iván González e Iago Díaz. A estos podería unírselle Javi Liz, porteiro canteirán presente nalgunha convocatoria. A cifra aumentou até os nove no regreso do CD Lugo a Segunda División: Yoel, José Juan, Manu, Pita, Seoane, Rubén Durán, Iago Díaz, Iván Pérez e Javi Rey. Coma na lista anterior, podería engadirse a Varela, Javi Rey, Julio Camba ou José Greco, que asomaron a cabeza nalgunha convocatoria.

Evolución do número de galegos no CD Lugo | Fonte propia.

1992/1993 (12): Domínguez, Cacharrón, Alvite, Modesto, Montoto, Ramiro, Arturo, Fernando, Óscar Manuel, Carolo, Miro e Javi.

2012/2013 (9): Yoel, José Juan, Manu, Pita, Seoane, Rubén Durán, Iago Díaz, Iván Pérez e Javi Rey.

2013/2014 (7): José Juan, Dani Mallo, Manu, Seoane, Pita, Iván Pérez e Iago Díaz.

2014/2015 (13): José Juan, Dani Mallo, Manu, Seoane, Pita, Ferreiro, Toni Dovale, Luis Fernández, Iago Díaz, Diego Seoane, Dani Pedrosa e Julio Camba.

2015/2016 (8): José Juan, Roberto, Manu, Seoane, Pita, Jonathan Pereira, Ferreiro e Álvaro Lemos.

2016/2017 (6): José Juan, Roberto, Manu, Seoane, Pita e Yelko Pino.

2017/2018 (3*): Roberto, Seoane e Pita (a falta de incorporacións ou canteiráns)

Desta ampla representación o Lugo pasará este ano, se as futuras altas non o negan, a ter o menor número de futbolistas galegos dende que milita na categoría prata. Só tres teñen asegurada unha praza no primeiro equipo. Os máis veteranos, Carlos Pita e Fernando Seoane, logo da marcha de Manu, á Cultural Leonesa; e o meta chantadino Roberto. O Eterno Capitán coincidirá aló con outro dos galegos do equipo, Yelko Pino, pero que non vestirá a albivermella logo de aceptar a cesión ó conxunto recén ascendido.

Francisco tampouco terá ás súas ordes este ano outro dos representantes da nosa terra nos últimos anos, o vigués José Juan, que levaba dende a temporada 2012/2013 na cidade amurallada. Foi esa, a do restreo en Segunda, con Quique Setién á cabeza, e Carlos Mouriz na dirección deportiva, na que o Lugo tivo un carácter ben galego, só superado pola campaña 2014/2015. Curiosamente, este plantel acadou a máxima puntuación histórica do club na categoría: 56 puntos. A mellor posición correspondeulle á escuadra do ano pasado, unha novena praza da que fixeron parte seis galegos.

En cada mercado de verán o Lugo sumou un efectivo galego ó plantel

Polo momento, Víctor Moreno non puxo o seu foco en ningún xogador do noroeste. Máis ben, o seu caladoiro está en equipos do sur ou do surleste español. A rumoroloxía ben se sabe que non ten porque corresponderse coa realidade, pero todos os nomes de galegos que soaron este verán acabaron fóra dos dominios lugueses: Juan Domínguez, Borja Fernández, Hugo Álvarez, Iago Bouzón, Borja Iglesias, Miguel Loureiro… Até o momento, case que cada ano o Lugo viña sumando algún reforzo galego. Na 2013/2014 incorporáronse á disciplina albivermella Dani Mallo e saíron Iván Pérez e Javi Rey.

O pico autóctono da tempada 2014/2015

Pero se hai unha tempada na que se resalta a identidade autóctona é na 2014/2015, a última de Quique Setién no banco de Lugo, e de Carlos Mouriz e José Bouso da dirección deportiva e presidencia, respectivamente. Aquel ano, no once titular do Lugo era común ver a José Juan ou Dani Mallo na meta; Seoane, Pita, Manu ou David Ferreiro. A alta do extremo ourensán foi vendida como un dos grandes movementos daquela época. Había varios anos que Mouriz levaba detrás del. A estes nomes hai que sumarlles outros como os de Luis Fernández. O dianteiro burelao pelexou con Lolo Plá ou David Aganzo até que chegou na segunda volta Pablo Caballero para conquistar esa demarcación.

Un lugués, Roberto Trashorras, fronte a Manu no Lugo-Rayo do ano pasado | Fonte: Xabi Piñeiro LGV.

Tamén no mercado invernal arribou un coruñés con pasaso celtista que se acabou coando nos onces de Setién, Toni Dovale. Tamén se sumou Diego Seoane, lateral dereito ourensán cuxa proxección se cortou por mor dunha lesión de xeonllo. Pero aínda había máis. Aínda corría pola banda do Anxo Carro Iago Díaz, quen a día de hoxe é o canteirán albivermello con máis minutos no primeiro equipo.

Semellaba que ían seguir o seu rastro o central Julio Camba, xogador no Polvorín, e Dani Pedrosa, nas filas do Cerceda froito do convenio do Lugo con este equipo; que ese ano debutaron da man de Quique Setién. Xuntos fan que aquela escuadra tivera a participación de ata trece galegos, marca histórica na división. Aquel foi o peor ano en termos numéricos do Lugo en Segunda: 49 puntos que lle levaron á 15ª praza. Mais as marxes deste equipo téñense movido en percorridos estreitos, case sempre na metade da táboa e, polo momento, sen ningunha xornada en descenso.

Aquel plantel superou en galegos incluso ó que na tempada 1992/1993 xogou en Segunda División, na primeira e curta aventura do equipo na categoría. Nesa entente participaron Domínguez, Cacharrón, Alvite, Modesto, Montoto, Ramiro, Arturo, Fernando, Óscar Manuel, Carolo, Miro e Javi. A maior parte deles foron titulares.

As dúas primeiras grandes fichaxes da ‘Era Saqués’ tamén foron galegas: Jonathan Pereira e Roberto

Malia que a participación de futbolistas da nosa comunidade se reduciu no curso seguinte (2015/2016), as dúas grandes fichaxes do primeiro ano da Era Saqués foron galegos. Falamos de Roberto, un porteiro con pasado en Primeira, e Jonathan Pereira, dianteiro máis que coñecido, con quilómetros na máxima categoría. A estas dúas caras novas agregamos na listaxe ó compostelán Álvaro Lemos. Este xogador de banda, con pasado no Deportivo ou no Compostela, converteuse no seu día na maior venda do Lugo, neste caso, ó Celta.

O traspaso de Álvaro Lemos ó equipo vigués é o único trato directo que Tino Saqués e os seus sucesivos directores deportivos –Toni Otero, Emilio de Dios e Víctor Moreno- pecharon con algún dos dous grandes equipos galegos. Pola súa banda, Carlos Mouriz acadou baixo a súa xestión as cesións de Yoel (Celta); e Diego Seoane e Luis Fernández (Deportivo). As prácticamente inexistentes relacións do Lugo cos dous equipos de Primeira son un dos motivos polos que o número de xogadores galegos ten minguado nas últimas campañas. O Lugo tentou sen éxito o préstamo este verán de Dejan Drazic, extremo do Celta. 

Yelko Pino, outro dos galegos do grupo, xogará cedido na Cultural | Foto: Xabi Piñeiro – LGV.

Saqués parece disposto a resolver esta eiva no mercado interior con convenios ou case absorcións como a que acaba de formularse co Cerceda. O CD Lugo ven de aportar parte do capital para que os coruñeses merquen a praza en Segunda B que deixou o Boiro. Un membro da directiva albivermella farase cargo da dirección deportiva deste equipo e o adestrador, Tito Ramallo, tamén foi posto baixo mandato da parte luguesa. Está por ver se esta relación é ambivalente e serve para algo máis que para que xogadores que non contan no primeiro equipo gañen minutos.

Hai dúas tempadas, o Lugo oficializaba outro acordo co Somozas. Este só se desenvolveu en base a préstamos. Aproveitaron o trampolín Mario Barco e Serge Leuko. Non pasou o mesmo con xogadores da casa como Camba, Keko ou Dani Pedrosa. O primeiro vive nun limbo que permite un filial que está a reconfigurarse para a vindeira tempada. O terceiro atopou sitio na pasarela do Cerceda e o segundo busca acubillo.

Fichaxes para a canteira

Non é menor a influencia de que os sucesivos directores deportivos que entraron no Lugo non son tan coñecedores do fútbol galego, ou as súas redes non están establecidas nel como si podían estar as de Carlos Mouriz. A excepción marcábaa Toni Otero, que se presumía como unha das pedras angulares de Tino Saqués. Logo de toda unha vida na canteira do Celta podía ter sido a chave aberta cara novas promesas do fútbol galego. Só cumprimu un ano dos tres polos que asinou. 

Escriche e Góngora foron os xogadores ‘da canteira’ que debutaron o ano pasado, ambos se incorporaron ex profeso para o xuvenil e filial

Na mesa das razóns tamén está a fichaxe de xogadores doutras comunidades para o filial ou incluso para o xuvenil. Se antes os que entraban nas listas eran Julio Camba, Dani Pedrosa ou Keko, e o que xogaba era Iago Díaz; os dous debuts de xogadores vidos da canteira o ano pasado eran incorporacións e non futbolistas propiamente da base luguesa. Primeiro foi Dani Góngora, en marzo. Un home de banda nado en Almería que debutou xusto contra o equipo da súa cidade. Góngora chegou o ano pasado ó Polvorín llogo de pasar pola canteira do Real Madrid e do Sevilla e no Marino de Luanco en Terceira. En maio chegoulle a quenda a Escriche, extremo de Burriana que foi un dos destacados do Juvenil de División de Honra o curso anterior. Luis César concedeulle o estreo fronte ó Huesca. O Lugo acaba de pechar a incorporación de Dinarte Pita, lateral esquerdo hispanovenezolano que ven do Albacate para o Polvorín. 

Porteiros como Manu Cedrón ou Cacharrón fixeron o ano pasado a pretempada co primeiro equipo | Foto: Xabi Piñeiro – LGV.

Na man de Pedro López ou Pablo Cacharrón está reverter esta situación. O central lugués, que xa entrou nunha convocatoria do primeiro equipo en 2015 (en lugar de Borja Gómez, lesionado por aquel entón), e está a facer a pretempada ás ordes de Francisco. Tanto Víctor Moreno coma o adestrador andaluz teñen defendido a súa valía e as súas posibilidades en diferentes roldas de prensa, abríndolle incluso a porta, a tódolos efectos, do plantel dos maiores. Mais a lesión que sofreu diante do Real Oviedo -malia que non debería revestir maior gravidade- e as últimas declaracións de Tino Saqués non deixan tan clara esta opción: o máximo mandatario do Lugo afirmou logo do Emma Cuervo que un dos perfís nos que está traballando a secretaría técnica do CD Lugo é un cuarto central, que se uniría a Bernando Cruz, Josete e Ignasi Miquel; e deixaría, polo tanto, fóra dos plans de Francisco a Pedro López. Outra das incógnitas que se resolverán esta pretempada é se Cacharrón pode tirar co rol de terceiro porteiro, xunto a Roberto e Juan Carlos, compatibilizándoo co filial. Serían estas as dúas únicas tenaces para abrir o candado dos xogadores galegos, unha minoría que aínda continúa a ser ruidosa, con Pita e Seoane á fronte, pero que pode deixar de selo nas vindeiras campañas. 

Comparte:

Deja un comentario