Actualidad

Fe en Dios

por Denís Iglesias 26 julio, 2017

Gañar é un verbo transitivo, que en pretempada acepta calquer rival como complemento directo. O Lugo, logo dun tropezo inicial contra un compañeiro de categoría (Real oviedo) que se puxo como un incidente por falta rodaxe, foi quen de meter a panca e fixo saltar a banca diante dun Compostela inferior. Calquera resultado que non fóra por unha marxe de máis de un gol resultaría estraño. Aínda que só resultara pola maior calidade dos albivermellos, factor fundamental neste tipo de encontros.

Francisco vive nun “parecía que si” neste inicio da preparación. Parecía que tiño plantel feito pero non. Logo de que Víctor Moreno apretara o acelerador para pechar varias incorporacións cos que taponar as fugas, a planificación tense estancado a falta de tres fichaxes. A isto hai que unirlle as lesións de case toda una liña, a traseira, con Bernardo, Josete e Pedro López doentes (este último estará de baixa dúas semanas). Todo isto está a levar ó adestrador andaluz a argallar experimentos. Non ten que buscar ningunha xustificación. Estamos no tempo diso.

Fronte ó Compostela Pita e Kravets formaron unha parella de centráis inédita que, como era de agardar, amosouse desacompasada. Pola contra, a sangue comeza a fluir no tecido atacante como demostran os dous goles de Cristian Herrera. O dianteiro grancanario estreouse cun dobrete, aínda que puideron ser máis. Moi móbil, tanto cara a portería como de costas á mesma. É unha das grandes apostas de Víctor Moreno, e máis tendo en conta que Mario Barco volveu a sofrer a enésima lesión muscular.

Gil, mediapunta ‘superstar’

Abriu a conta goleadora Sergio Gil. O zaragozano cumpriu con éxito nun rol até o momento inédito para el como é o enganche. Lixeiro co coiro e sen el. Alén do tanto, acción que rematou cunha picada perfecta, puxo dúas asistencias para Herrera. A primeira entre liñas e a segunda á saída dun saque de currunho. A partir de aí, o Lugo baixou marchas até a chegada do intermedio. O Compostela nunca tivo a suficiente consideración ofensiva para inquedar a Juan Carlos.

Campillo non puido facer ‘a man’ logo de errar un penalti

No segundo acto o conxunto lugués non se puido permitir o habitual baile de cambios que se produce neste tipo de partidos. Non había efectivos para iso. Acadou un último gol, grazas a un espectacular lanzamento de Donoso dende fóra da área. Herrera tivo dúas accións para conseguir un hat-trick que se lle resistiu pola intervención de Lorenzo. Mais estivo en tensión durante todo o encontro, aproveitando o baleiro de poder que existe nesta posición coa ausencia de Mario Barco e antes da chegada dun terceiro dianteiro, intención confirmada por Francisco logo do partido.

O Lugo puido completar a man por medio de Campillo dende os once metros. O mediapunta madrileño mandou o balón ás nubes. Tampouco tivo fortuna nos lanzamentos de faltas. Manter a porta a cero completa un episodio de fe nun día de santos e ofrendas. Aínda estamos en tempos de xerar a Fe en Dios necesaria para este novo núcleo. A confianza é máis importante que calquera outra meta, pero os resultados axudan. Logo ha de vir o Ferro a Fondo, velocidade de cruceiro coa  que os de Francisco queren recurtar distancias en Ferrol o vindeiro domingo, diante do Racing (20:00).

Ficha técnica

SD Compostela: Lucas; Sergio, Cardeñosa, Casas, Naveira; Ube, Mon, Tomás; Róber, Ares e Santi Gegunde.

Tamén xogaron: Uña, Lorenzo, Borja Márquez, Samu Marque, Queiruga, Samu Víctor, Alberto, Rubén e Saro.

CD Lugo: Juan Carlos; Leuko, Pita, Kravets, Luis Ruiz; Seoane, Azeez; Iriome, Sergio Gil, Fede Vico; e Herrera.

Tamén xogaron: Campabadal, Donoso, Campillo i Escriche.

Marcador: 0-1: Sergio Gil, min.13; 0-2: Herrera, min.28; 0-3: Herrera, min.30; e 0-4: Donoso, min. 72.

Árbitro: Martínez Santos (Santiago) Amosou cartón amarelo ós locais Pereira e Rubén.

Incidencias: II Memorial Antonio Bermúdez disputado no Estadio de San Lázaro. 700 espectadores.

Foto principal: os xogadores do Lugo, co trofeo. Fonte: CD Lugo.  

Comparte:

Deja un comentario