Actualidad

Escenas goyescas

por Denís Iglesias 28 marzo, 2017
Tiempo de lectura: 3 minutos

No fotoxornalismo deportivo residen algúns dos mellores profesionais deste eido. A foto de Messi, co puño en alto, logo da remontada fronte ó PSG está á par das grandes evocacións pictóricas. Un líder guiando ó seu pobo, con todo o ceo para si. Pero a un quédalle a incógnita de como verían os grandes pintores o fútbol actual. No caso do CD Lugo, este tería como servidor a Francisco de Goya. Goyesco é un adxectivo que lle acae ben ós últimos lances do equipo de Luis César, taciturno e condenado a ofrecer un fin de curso gris, como en anos anteriores. Los desastres de la guerra…

Fronte ó Getafe desenvolveuse un capítulo máis das pinturas negras que constitúen os partidos contra os equipos de José Bordalás. Da igual o ano ou as circunstancias, medirse a ese adestrador con rostro de hipster pero alma brava sempre acaba mal. O Lugo volveu a caer na trampa do fútbol bronco polo que aposta o alicantino, un duelo a garrotazos no que os albivermellos acabaron no chan, ensanguentados, e, aínda por enriba cun home menos.

A expulsión de Caballero foi un auténtico disparate no que Pérez Montero, xunto cos seus asistentes, caeu vilmente. A propia acta arbitral recolle o sucedido do seguinte modo: “En el minuto 56, el jugador (9) Caballero Santos, Pablo Nicolás fue expulsado por el siguiente motivo: golpear con su mano en el cuerpo a un adversario sin estar el balón en disputa directa entre ellos, no necesitando asistencia médica”.

Semella que con este parte, Molinero non terá que coller a baixa, logo de executar un drama persoal só a altura dos actores máis vivos deste o noso fútbol, cada vez, un peor exemplo de simulación. Logo do partido emitiuse unha reportaxe na que o lateral falaba das súas tatuaxes, en concreto dunha dun samura: “Me gustan por su nobleza”, afirmaba…. O CD Lugo recurrirá a vermella do arxentino ó entender unha inexistente agresión.

Con todo, as circunstancias alleas non disimulan as carencias que o propio equipo amosou. Luis César parece cada vez máis un Saturno devorando ós seus fillos. Fíxoo nesta ocasión con Joselu, ó que desprazou á banda dereita -ante a ausencia de Iriome- para perder un boísimo rematador e sumar un mediocre interior dereito. Aínda así, o equipo sacouse da manga uns primeiros vinte minutos que convidaban ó absoluto entusiasmo. Foron, posiblemente, os mellores intres de fútbol do equipo nos últimos tempos, cheos de circulación de balón i exentos de dúbidas atrás. Coma outrora, dominar dende a posesión.

Pouco lle durou a ledicia ós seareiros desprazados xa que o gol de Chuli, logo dun erro conxunto de Manu e Roberto, estirpou calquera xen competitivo do corpo do Lugo. A Peña do CD Lugo de Madrid, xunto con outros lugueses, foron a gran nota positiva da xornada, xunto coa vitoria do filial. Os rapaces do Polvorín xóganse estas dúas vindeiras semanas entrar na fase de ascenso a Terceira, e case que a súa importancia na estrutura do club.

Sen Pedraza, o Lugo perdeu forza e gol

No futuro, o filial podería ser un sustento para unha segunda unidade. Este ano, os secundarios están sufrindo máis do necesario. Isto, xunto coa caída en picado de históricos como Pita e Manu (o lateral serviu en bandexa o segundo gol logo dun partido correcto), acusados polo lóxico paso dos anos, fai que o Lugo se enrede en si mesmo en cada partido. Atrás, xurden unhas indefinicións acentuadas que a estas alturas parecen difíciles de corrixir, e adiante, a perda de Pedraza está a notarse. O cordobés era o turbo que sacaba ó conxunto dos atascos tácticos nos que se acostuma a meter.

Máis aló dos lamentos, o Lugo ten agora varios retos sobre a mesa. E o de ser ou non carne de promoción vai ser xa secundario. Primeiro, organizar o carácter e tentar amarrar canto antes a permanencia. E despois, mudar a cara na casa, para que ir ó Anxo Carro teña máis atractivo que ir botar unha sesta ó Miño, que coa chegada do bo tempo será máis atractivo para algúns.

Comparte:

Deja un comentario